Acetobacter aceti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Acetobacter aceti é unha especie de bacteria gramnegativa que se move utilizando os seus flaxelos peritricos. Louis Pasteur probou que esta bacteria era a causante da conversión de etanol en ácido acético en 1864, o cal acidifica (pica) o viño. É un microorganismo benigno que está presente no ambiente case en todas partes, xa que existe en nichos ecolóxicos onde hai alcohol, como flores, froitos e abellas do mel, así como na auga e solo. Vive alí onde se produza a fermentación de azucres.[1] Crece mellor a temperaturas que van de 25 a 30 graos Celsius e en pHs entre 5,4 e 6,3. Durante moito tempo foi utilizada na industria da fermentación para producir ácido acético a partir de alcohol. Acetobacter aceti é un organismo aerobio obrigado, o cal significa que necesita oxíxeno para crecer.[2]

Acetobacter aceti é importante economicamente porque se utiliza na produción de vinagre ao converter o etanol do viño ou sidra en ácido acético. O ácido acético creado por A. aceti tamén se usa na fabricación de acetato rayon, produción de plásticos e de goma e de produtos químicos para fotografía. A. aceti considérase un organismo acidófilo, o que significa que pode sobrevivir en ambientes ácidos, debido a que ten un citoplasma acidificado que fixo que case todas as proteínas do seu xenoma evolucionasen para ser estables en condicións ácidas. A. aceti é importante para axudar a comprender o proceso polo que as proteínas adquiren estabilidade ácida.[2]

Uso industrial[editar | editar a fonte]

Produción de ácido acético[editar | editar a fonte]

A. aceti utilízase para a produción en masa de ácido acético, o principal compoñente do vinagre. Durante o proceso de fermentación para a produción de vinagre, úsase para que actúe sobre viños e sidras converténdoos en vinagre con ácido acético. A conversión pode facerse nun reactor de tubo de silicona, que axuda ao proceso de fermentación con oxidación.[3]

Seguridade[editar | editar a fonte]

A. aceti non é un patóxeno humano. A pel humana non proporciona a estas bacterias as condicións óptimas para viviren, o cal fai que sexa seguro manipulala nas fábricas que usan esta especie para producir ácido acético. Porén, algunhas evidencias indican que pode ser preudicial para certas plantas, malia que exista de forma natural nelas.[1]

Crecemento[editar | editar a fonte]

Utilízase a oxidación para estimular o crecemento de A. aceti. Sitúanse mostras da bacteria nalgúns tubos de silicona. Estes tubos son permeables ao oxíxeno, e despois déixanse nun lugar máis cálido que a temperatura típica dunha habitación e cultívanse.[3]

Enfermidade rosa do ananás[editar | editar a fonte]

Malia que A. aceti vive na natureza e está espallado por todo o mundo, ata agora non hai probas de que sexa unha ameaza para os seres humanos, pero en estudos recentes sospéitase que ten algúns efectos preudiciais para os ananás ou piñas. A enfermidade rosa do ananás causa que o froito se volva dunha cor rosa clara e finalmente se poña marrón e apodreza. Porén, co descubrimento doutras especies de Acetobacter, creceu o escepticismo sobre se A. aceti era a única causa da decoloración rosa dos ananás. Están realizándose estudos sobre outras especies do xénero Acetobacter, porque se atoparon tamén outras 15 especies en froitos podres. Igualmente, especies doutros xéneros bacterianos poden producir tamén a enfermidade rosa do ananás.[1][4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Acetobacter aceti Final Risk Assessment – Biotechnology Program Under Toxic Substances Control Act (TSCA) – US EPA". epa.gov. 27 de setembro de 2012. Consultado o 1 de xuño de 2013. 
  2. 2,0 2,1 "Vinegar Production - FOOD ENGINEERING". 20 de maio de 2013. Consultado o 1 de xuño de 2013. 
  3. 3,0 3,1 Toda, Kiyoshi; Asakura, Tomoko (xuño de 1994). "Acetic acid production by Acetobacter aceti in a silicone tube bioreactor". Biotechnology Letters 16 (6): 617–620. doi:10.1007/BF00128610. 
  4. Clarence I. Kado. Pink Disease of Pineapple. APS. [1]
  5. K. G. Rohrbach, J. B. Pfeiffer. The Ineracction of Four Bacteria Causing Pink Disease of Pineapple with Several Pineapple Cultivars. 8 de outubro de 1975. Etiology. APS. [2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]