A illa misteriosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A illa misteriosa
Ile Mysterieuse 02.jpg
Portada da primeira edición
Título orixinal L'Île mystérieuse
Autor Jules Verne
Ilustrador Jules Férat
País Francia
Lingua francés
Xénero(s) Novela, Aventuras
Editorial Hetzel
Data de pub. 1874

A illa misteriosa (L'Île mystérieuse) é unha novela de aventuras do escritor francés Jules Verne que foi publicada no 1874.

Nesta obra apréciase a admiración do seu autor pola ciencia aplicada, tan presente en toda a súa obra, sintetizándoa a través dun dos seus personaxes que encerra en si mesmo o coñecemento e a capacidade de adaptación ó medio do ser humano: o enxeñeiro Ciro Smith. Este personaxe, dotado cun amplo coñecemento xeral, articula a historia e faina verosímil. O libro forma parte dunha triloxía que ademais compoñen Les Enfants du capitaine Grant e Vinte mil leguas baixo dos mares. Tal como o propio Verne aclaraba ó seu editor, esta sería "unha novela que tratase sobre química": partindo practicamente dende cero, os protagonistas conseguen fabricar mesmo ácido sulfúrico, un dos produtos químicos máis avanzados da época.

Ile Mysterieuse 01.jpg

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Ciro Smith: enxeñeiro estadounidense. Convértese no xefe natural dos náufragos.
  • Pencroff: mariño de profesión, tiña ó seu cargo ó fillo do seu capitán, Harbert.
  • Gédéon Spillet: xornalista.
  • Harbert: adolescente, fillo do capitán de Pencroff.
  • Nab: ex escravo negro, ó servizo de Smith.
  • Nemo: capitán do Nautilus.
  • Tom Ayrton: presidiario evadido, confinado nun illote.
  • Top : can de Ciro Smith.
  • Jup : simio que os axudou a baixar a escaleira.

Argumento[editar | editar a fonte]

Chegada á illa

Primeira parte: Os náufragos do aire[editar | editar a fonte]

A acción transcorre na imaxinaria Illa de Lincoln, durante a Guerra de Secesión estadounidense.

No 1865, os exércitos da Unión Americana, liderados por Ulysses S. Grant e o dos confederados dirixidos por Lee dispútanse a cidade de Richmond, cuxa posesión determinará a fin da guerra.

En dita cidade, son feitos prisioneiros o enxeñeiro Ciro Smith (un sabio de primeira orde), o xornalista do New York Herald Gédéon Spillet, o mariño Pencroff e o seu afillado Harbert Brown, e o criado de Smith: Nab.

Os cinco reféns encontran a forma de saír de Richmond grazas a un globo aerostático que estaba destinado a Jonathan Forster e que non partiu debido a un furacán. Todos eles xunto co can Top parten cara o sur o 20 de marzo de 1865. Pero o furacán no lles permite baixar e quedan suspendidos por 5 días no ceo, ata que o globo se queda sen aire e caen na praia dun illote.

Ciro Smith desaparece pouco antes de chegar, e os intentos de atopalo non dan resultados. Pencroff e Harbert convértense en cazadores, e Nab é o cociñeiro. O 27 de marzo, Gédéon Spillet atopa ó can Top, o cal o leva a buscar a Smith, quen seguía vivo. Logran reanimalo e lévano ó seu refuxio provisional, coñecido como As Chemineas.

Ciro Smith, cos seus enciclopédicos coñecementos, posibilita dende un principio a supervivencia inicial dos seus compañeiros nun entorno hostil, chega a modificar o xeito de vida do resto dos habitantes da illa ata procurar unha estancia case urbana para os seus compañeiros grazas ós seus coñecementos no campo da física, a agricultura e a química. O 29 de marzo, Smith e o seu equipo soben ó monte máis alto da rexión e descobren que están nunha illa de gran tamaño, fértil na súa maior parte, á que chaman Illa de Lincoln. Tamén dan nome ós lugares importantes e ó monte.

Despois de moitos esforzos, Smith e os seus compañeiros determinan a posición da illa, fan lume, obxectos de alfarería, obxectos de metal, convértense en metalúrxicos, logo en mineiros e finalmente en químicos, chegando a fabricar ácido nítrico, ácido sulfúrico e nitroglicerina.

Durante a súa estancia na illa son vixiados, sen sabelo, por unha forza que habita no interior da illa. Ciro Smith e os seus compañeiros tópanse con feitos inexplicables, como a salvación de Ciro e de Top do ataque dun dugongo. Smith descobre que a auga do lago Grant desemboca baixo terra, e alí hai unha abeiro moi grande que pasa a ser o seu fogar, que chamarán Pazo de Granito.

No 1866, Pencroff decide construír un barco que lles sirva para ir a calquera sitio que desexen. Pero antes, descobren unha bala no corpo dun leitón, e cren que alguén máis reside na illa.

Segunda Parte: O abandonado[editar | editar a fonte]

Mapa da Illa Lincoln.

Ciro Smith síntese moi intrigado pola bala e decide que algún día buscara ó seu dono, e xura encontralo. Pouco despois dese descubrimento, os cinco colonos e Top fan unha exploración da costa da illa, excepto o norte. Non encontran a ninguén, pero ó regresar pola noite non poden cruzalo río da Mercede, pero nese momento aparece unha canoa flotando xunto a eles. Ciro Smith apúntao na lista de feitos inexplicables. Ó regresar ven que o Pazo de Granito fora invadido por monos. Logran expulsalos e Pencroff queda cun deles, ó que chama Jup.

Pencroff remata o seu barco e na viaxe inaugural, Harbert descobre unha botella que contén unha nota escrita por un náufrago, o cal reside noutra illa.

Pencroff prepárase para a viaxe de rescate, a pesar das advertencias do enxeñeiro. Xunto a Harbert e Gédéon Spillet, descobren que o náufrago se volveu salvaxe, e con mágoa lévano á illa de Lincoln. Ciro Smith decide devolverlle o uso da razón e déixao repousar.

O malpocado recupérase axiña e, un día que o deixan libre, recupera a cordura e afástase dos colonos. Desaparece, pero volve ó Pazo de Granito e revélalles o seu nome: Ayrton Ben Joyce, que fora un traidor e sanguinario pirata. Ciro Smith perdóalle e dálle a oportunidade de emendarse.

Ayrton vólvese un colono máis, e é intelixente, honrado e xeneroso. Ciro Smith prepara unha viaxe ó norte da illa, que é unha zona árida e tétrica debido ás emanacións de lava de tempos inmemoriais. Alí non hai máis que po e rocas ígneas.

Ciro Smith constrúe un curro para as ovellas e cabras preto do monte Franklin, no cal Ayrton constrúe a súa casa. A mediados de 1867, Harbert toma unha fotografía do litoral da illa, e descobre que un barco se dirixe ó Pazo de Granito.

Terceira Parte: O segredo da illa[editar | editar a fonte]

Ciro Smith teme o peor desa visita, e prepara a defensa das súas propiedades. Como os colonos só son seis e os piratas eran máis de cincuenta e estaban ben armados, as perspectivas non son favorábeis para os primeiros, pero Smith ten un plan. Ayrton ofrécese a espiar o barco pola noite, e a súa proposta é aceptada, xa que, se é un barco pirata, non hai moito que esperar de eles.

De noite, Ayrton descobre que o barco está cheo de prisioneiros fuxidos da illa Norfolk, dirixidos por Bob Harvey, e queren converter a illa no seu cuartel xeral. Ayrton vai ó camarín da pólvora e intenta estoupar o buque, pero o propio Harvey deteno.

Ciro e os seus compañeiros saben afrontar a morte, e reciben ós fuxitivos a balazos, e así impiden o desembarco. Bob Harvey, ó ver que dez dos seus piratas morreron, manda entrar no río da Mercede. O Pazo de Granito é descuberto, pero unha explosión interna no buque pirata acaba coa ameaza.

Smith e os seus amigos descobren, máis tarde, que a explosión fora provocada por un torpedo enviado por unha poderosa máquina. Xa non teñen dúbida de que un home xeneroso é o autor dos feitos inexplicables na illa.

Só quedaron seis piratas sobreviventes, que vagan pola illa. Ciro aconsella precaución ó levar a cabo desprazamentos pola illa.

Un día, Ayrton é apresado e secuestrado, o cable telegráfico é destruído e Harbert é ferido de gravidade.

Smith, Spillet e Pencroff agardan a recuperación de Harbert, que chega a estar a un paso da morte, para acabar cos últimos cinco piratas que quedan, pero é o misterioso protector dos colonos quen logra ese obxectivo. Ciro Smith desexa ardentemente coñecelo.

Durante ese ano de 1868, o máis próspero e alegre de toda a súa estancia na illa, non faltan a comida nin o traballo.

Pero xurde unha ameaza directa ó futuro da illa: en setembro de 1868, aparece unha columna de fume no monte Franklin.

Fin da historia[editar | editar a fonte]

A fin da illa

Ciro Smith, despois de moitas investigacións, anuncia unha erupción en pouco tempo: en 6 meses como moito. Pencroff prepara a toda presa un barco meirande que o anterior, como precaución ante un futuro perigo. O 15 de outubro, os colonos reciben unha mensaxe telegráfica do xeneroso protector. Ciro e os seus compañeiros acoden ó seu encontro.

Nunha cova baixo o volcán, no seu prodixioso Nautilus, atópase o capitán Nemo, dende onde socorre ós colonos. Sentindo próxima a hora da súa morte, desvélalles o seu gran segredo. Ó final, como era de esperar, a illa desaparece completamente no océano, e os náufragos, apiñados sobre unha rocha, son recollidos por un barco, o Duncan. Levan con eles as xoias que Nemo lles regalara, e así poden vivir desafogadamente o resto das súas vidas e facer as obras de caridade que o arrepentido capitán lles encomendara.

Traducións[editar | editar a fonte]

No ano 2007 Ánxela Gracián traduciuna ao galego para bivir.com. Anos máis tarde (2014) foi reeditada esa tradución por Edicións Xerais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

A illa misteriosa, tradución ao galego en formato pdf en bivir.com