Élie de Beaumont

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Élie de Beaumont

Jean-Baptiste Armand Louis Léonce Élie de Beaumont, nado o 25 de setembro de 1798 e finado o 21 de setembro de 1874, foi un xeólogo francés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Élie de Beaumont naceu en Canon en Calvados (Normandía). Entrou no liceo Henri IV en París onde levou o primeiro premio en matemáticas e física. Despois de ser o primeiro da súa promoción na École Polytechnique en 1819, vai á École nationale supérieure des mines (1819-1820) onde mostra unha clara preferencia pola xeoloxía. En 1823 o profesor de xeoloxía, André Brochant de Villiers selecciónao xunto con Armand Dufrénoy para acompañalo nunha viaxe de estudos por Inglaterra e Escocia co fin de examinar os establecementos mineiros e metalúrxicos destes países, e de estudar os principios utilizados por George Bellas Greenough para levantar a súa carta xeolóxica de Inglaterra (1820) co obxectivo de crear unha similar para Francia.

En 1835 convértese en profesor na École des Mines substituíndo a Villiers do cal era axudante dende 1827. Foi enxeñeiro xefe de minas en Francia (1833-1847), despois inspector xeral (1847), e finalmente vicepresidente do Conseil-General des Mines (1861). O mesmo ano recibe a Légion d'honneur. A súa reputación científica asegúralle a súa elección á Academia de Ciencias de Berlín, á Académie des Sciences e a Royal Society (como membro estranxeiro). En 1843, a Geological Society of London outorgoulle a medalla Wollaston. Por decreto presidencia, foi feito senador vitalicio en 1852 e, á morte de François Arago en 1853, converteuse en secretario perpetuo da Académie des Sciences.

Élie de Beaumont propuxo en 1829 na Academia des Sciences unha teoría sobre a formación das cordilleiras descrita en tres volumes Notice sur le système des montagnes 1852. Segundo esta teoría, tódalas cadeas montañosas paralelas ao mesmo gran círculo da Terra teñen a mesma idade, e entre estes grandes círculos existe unha relación de simetría en forma dunha rede pentagonal. En 1853 William Hopkins realizou unha exposición e crítica desta teoría na Geological Society of London. Non obstante, actualmente é máis coñecido por ser o principal autor da carta xeolóxica de Francia. As súas lecturas académicas publicáronse en dous volumes (1845-1849) baixo o título de Leçons de Géologie pratique.

Notas[editar | editar a fonte]

  • Este artigo incorpora texto procedente da Encyclopædia Britannica Eleventh Edition, que está baixo dominio público.
  • Artigo da Catholic Encyclopedia