Arroz con leite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arroz doce

O arroz con leite ou papas de arroz[1], o arroz con azucre e mailo arroz doce son sobremesas feitas con arroz cocido con leite azucrado e, ás veces, aromatizado coa pela de cítricos (especialmente limón) e canela. Adóitase comer frío e adubarse con canela en po. Forma parte da gastronomía tradicional galega, porén é unha sobremesa típica de moitos países do mundo.

O arroz doce é típico nas sobremesas do Nadal en Portugal

O arroz entrou en Galiza dende Castela e Portugal cos árabes, que xa tiñan nos seus receitarios receitas de cremas de arroz e de arroz con leite[2] Aparece no século XIII un receitario anónimo na Península Ibérica Cocina Hispanomagrebí, con moitas receitas de arroz, a miúdo combinado con leite, azucre e mel. En 1314 apareece a primeira receita de arroz escrita en catalán no Llibre de Sent Soví.[3]

Eladio Rodríguez González fala da gastronomía do arroz doce no seu dicionario enciclopédico: Malia non cultivarse o arroz en Galiza, o consumo no país e grande e tradicional, pois sempre ten constituído unha base da alimentación, o mesmo que en gran parte do globo, polos suculentos e variadísimos pratos que con el se fan, algúns dos cales son clásicos nas festas das aldeas galegas. A cociña galega utiliza o arroz nos diversos guisos e adubos que son comúns na vida ordinaria, porén que ademais constitúen unha sobremesa de obriga e nutritiva, como as papas de arroz e outros, nas datas máis sinaladas.

Arroz con sucre, arroz con leite e arroz doce, tres sobremesas case idénticas que son o arroz cocido en leite con máis ou menos sucre e unhas rodeliñas de limón que xa se lle botan ao pólo a ferver. Déitase despois nunha fonte cha, e despois se aduba con canela. Adóitase tamén torrar a tona, pasando por riba dela unha espátula roxada[4].

Arroz doce no mundo[editar | editar a fonte]

O lapa (лапа) é un pudin de arroz con sementes negras de papoula típico da rexión de Kocani, na República de Macedonia.
Sütlaç, un pudin de arroz, é unha sobremesa tradicional en Turquía. Na imaxe sütlaç no forno (firinda).

Trátase dunha das sobremesas tradicionais en moitos países en todo o mundo, con variantes no tipo de arroz empregado (arroz longo, arroz crebado nos Emiratos Árabes etc), no tipo do leite (condensado nalgúns países latinoamericanos, con leite de coco en Porto Rico, leite evaporado etc.) nas especias e ingredientes para aromatizar (canela en Alemaña e no sur de Europa, vainilla nos países anglosaxóns e nórdicos, sasafrán no Irán, cardamomo no norte da India etc.) Nalgúns lugares engádense densificantes como ovos, natas, fariñas etc. Ou outros produtos, especialmente froita fresca ou seca como noces, pistachos etc.

Variedades en Europa[editar | editar a fonte]

  • Arroz con leite (galego), con arroz, azucre, leite, canela e tona de limón. Pode levar vainilla e roxar a tona. Pode servirse frío ou quente.
  • Arroz doce (portugués), semellante ao galego, con arroz, azucre, leite, ovos, canela e tona de limón. Tamén poden roxar a tona.
  • Arroz con lleche (asturiano), como o galego. No concello asturiano de Cabranes celébrase o Festival do Arroz con Leite.
  • Budino di Riso (italiano), con leite, pasas e tona de laranxa.
  • Arròs i llet (catalán-valenciano), semellante tamén ao galego, con leite, azucre, tona de cítricos (limón especialmente) e adubado con canela.
  • Arroz con leche (español), tamén semellante ao galego, con leite e azucre. Ás veces con canela e limón.
  • Сутлијаш (macedonio) - Лапа, pudin de arroz con sementes negras de papoula.
  • Milchreis (alemán), con arroz, leite, azucre, canela, zume de mazá, rødgrød (compota de froitos do bosque) ou cereixas.
  • Tejberizs (húngaro), con pasas, canela e/ou cacao en po
  • Mlečni riž (esloveno)
  • Mliečna ryža (eslovaco)
  • Riz au lait (francés)
  • Mляко с ориз (búlgaro), con leite e canela
  • Orez cu lapte (romanés), con leite e canela
  • Rijstebrij (neerlandés) ou Rijstpap (flamengo)
  • Riskrem (noruegués), especialmente popular polo Nadal.
  • Rizogalo ou Ryzogalo (ρυζόγαλο 'arroz e leite', gastronomía grega), con leite e canela.[5]
  • Sütlaç (turco < sütlaş < sütlü aş 'comida cociñada con leite'), servido tanto frío coma quente; moitas veces dourado nunha grella e enfeitado con canela. Pódese adozar con azucre ou pekmez.
  • Сутлијаш/Sutlijaš (serbio)
  • Sutlija (bosníaco)
  • Riža na mlijeku (croata)
  • Сутляш ou Мляко с ориз (búlgaro)
  • Sylt(i)jash ou Qumësht me Oriz (leite e arroz) (albanés)
  • Oriz na vareniku (montenegrino)
  • Tameloriz (albanés en Kosovo)
  • Teurgoule (normando)
  • Pисова каша (ruso)
  • Молочна рисова каша (ucraíno), tamén pode aparecer coma "кутя" polo Nadal (servido con froitos secos e noces)
  • Risgrynsgröt (sueco), servido na mesa polo Nadal e durante os meses de inverno.
  • Risengrød (danés), servido con manteiga, azucre e canela ou zume de froitos ou bagas negras. Cómese polo Nadal e nos meses de inverno.
  • Grjónagrautur (islandés), prato de todos os días, como en Galiza, servido con azucre, canela e pasas.

Pratos semellantes en Galiza[editar | editar a fonte]

As sobremesas de ingredientes semellantes son o leite fritido e as papas de arroz.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sinónimos en Portal das Palabras - http://portaldaspalabras.org/buscador?id=291001&sinom=0 Arquivado 23 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
  2. El gust d'un poble, Jaume Fàbrega, pàg. 258, Cossetània Edicions, 2002. ISBN 84-95684-91-8
  3. La cuina de l'arròs de Pals: de l'orient a l'Empordà, pàg. 13, Pep Nogué i Puigvert, Cossetània Edicions, 2003, ISBN 84-96035-29-8
  4. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo- http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=arroz&tipo_busca=lema
  5. "Arròs i llet estil grec (Rizogalo)". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2013. Consultado o 13 de xuño de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]