Xeografía de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Praia de Samil e Illa de Toralla.

Vigo limita ao norte coa ría de Vigo, ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos concellos do Porriño e Gondomar, e ao suroeste co concello de Nigrán.

Zonas[editar | editar a fonte]

A cidade presenta unha topografía variada na que se suceden áreas deprimidas e sectores elevados, zonas case chás e outras pinas, co monte do Castro no centro do casco urbano. Isto fai que moitas das rúas dos barrios centrais sexan pendentes moi pronunciadas. Esta situación é froito da acción de procesos tectónicos e axentes erosivos que incidiron sobre os materiais rochosos presentes na vertente da ría en que a cidade se atopa. Estas diferenzas permiten dividir o territorio en tres sectores: a costa, o Val do Fragoso e as zonas altas do interior.

Costa[editar | editar a fonte]

Un primeiro sector confórmao a costa, dividida nunha área litoral en contacto co mar e unha franxa de territorio máis ou menos ampla que penetra levemente cara ao interior. O litoral viuse afectado pola erosión mariña, que determinou o xurdimento de zonas de areal e zonas rochosas. A acción mariña tamén trazou os entrantes e saíntes da costa. Así, entre Saiáns e Teis existan vinte areais, dous tramos de costa sedimentaria —O Vao-Samil e Monduiña-Canido— e tres tramos de costa de erosión, na Guía, Alcabre e Oia-Saiáns. As marismas, formadas pola desembocadura do Lagares, son froito da sedimentación efectuada tanto polo mar coma polo río.

Dorsal entre a costa e o Val do Fragoso[editar | editar a fonte]

Entre o litoral e o Val do Fragoso aparece un relevo secundario de grande importancia, pois é onde se consolidou a cidade. Trátase dunha pequena dorsal de dirección latitudinal que separa o val da marxe da ría.

Val do Fragoso[editar | editar a fonte]

O Val do Fragoso, polo que pasan o río Lagares e os seus afluentes, posúe un relevo suave e mesmo algunhas zonas chás. Este val presenta unha clara disimetría. A vertente sur presenta unha topografía moito máis irregular e é onde se atopan os afluentes de máis importancia, como os ríos Eifonso ou Barxa. A vertente norte acada nalgunhas zonas fortes pendentes ao chocaren as ladeiras meridionais da aliñación O Castro-Candeán.

Val de Miñor[editar | editar a fonte]

O Val Miñor está separado do Val do Fragoso polos contrafortes noroccidentais da serra do Galiñeiro. O interfluvio que separa ambos os dous vales conta cunha elevada altitude relativa, dando lugar a fortes pendentes na súa vertente setentrional, mentres que na vertente meridional, a elevada altitude das terras do redor fai do val unha zona moi abrigada onde se dan características climáticas propias.

Zona montañosa[editar | editar a fonte]

A zona montañosa ten un relevo accidentado, sobre todo no sector sueste, con zonas de fortes pendentes e contrastes topográficos.

A altura máis salientable do concello é o monte Galiñeiro (711 m), localizado no sector setentrional da serra homónima e no linde co concello de Gondomar. É o punto máis meridional do termo municipal e a súa silueta inconfundible identifícase desde moitos puntos da rodeada.

Os montes Alba e Cepudo, de 503 m e 526 m de altitude respectivamente son dúas elevacións xemelgas na parroquia de Valadares. Un quilómetro ao norte elévase o parque forestal do monte dos Pozos, de 386 m, co novo cemiterio parroquial ao sopé. Máis ao oeste están o Outeiro de Deus, o Alto da Porteliña, o Alto da Abelleira, o Maúxo Grande e o Pequeno, e o Cabezo de Saiáns.

Outras alturas destacables, ao nordeste do concello, son A Madroa e o Monte Vixiador, que ten a súa altura máxima no concello de Redondela. Aínda que de menor altura, o monte da Guía é un dos máis señeiros de Vigo pola súa prominencia e as ladeiras que caen a chupe na ría.

Ría de Vigo[editar | editar a fonte]

A ría de Vigo está abrigada polas illas Cíes. Este brazo de mar estréitase cara ao interior ata o estreito de Rande, onde abundan as bateas mexilloeiras, para abrirse de novo formando a enseada de San Simón. Na marxe sur da ría aséntase a cidade olívica e a norte corresponde á península do Morrazo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana", Faro de Vigo (2002). Depósito legal: V-5016-2002.