Xïwaz Dospanova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xïwaz Dospanova
Dospanova.jpg
Nacemento15 de maio de 1922
 Kurmangazy District e Atyrau
Falecemento20 de maio de 2008
 Almati
SoterradaAlmati
NacionalidadeUnión Soviética e Casaquistán
Ocupaciónaviador e militar
PremiosMedalla da vitoria sobre Alemaña na gran guerra patriótica 1941-1945, Orde da Estrela Vermella, Ordem da Guerra Patriótica 1ª classe, Order of the Patriotic War 2nd class, Medalha "Pela Defesa do Cáucaso", Medalha "Pela Libertação de Varsóvia", Medal "Veteran of Labour", Bandeira Vermella do Traballo, Medalha do Jubileu "50 anos de vitória na Grande Guerra Patriótica 1941-1945", Medalha do Jubileu "60 Anos de Vitória na Grande Guerra Patriótica 1941-1945" e Jubilee Medal "Forty Years of Victory in the Great Patriotic War 1941–1945"
editar datos en Wikidata ]

Xïwaz Qaýırqızı Dospanova, nada en Qurmanğazı o 15 de maio de 1922 e finada en Almati o 21 de maio de 2008, foi unha política e militar casaca da época soviética, a única muller piloto casaca da Segunda Guerra Mundial.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no litoral norte do Caspio. Seu pai, Qaýır, era pescador e súa nai, Merwert, mestra e ambolos dous pertencían ao clan masqar da tribo baýulı. Non puido estudar na única escola casaca de Oral e formouse nunha escola rusa. Asistiu a un curso de formación de pilotos e en 1940 recibiu un certificado de piloto de reserva. Logo foi a Moscova e intentou ingresar na Academia da Forza Aérea pero tras rexeitala ingresou no Instituto Médico de Moscova. Ao estoupar a guerra intentou ir á fronte como enfermeira pero ao saber que a piloto Marina Raskova estaba a organizar un corpo de mulleres pilotos presentouse como voluntaria e aceptárona [1] e entrou a formar parte do 588º Rexemento de Bombardeo Nocturno, denominado dende 1943 46º Rexemento Tamán de Gardas de Bombardeo Nocturo, e as súas pilotos coñecidas polos alemáns co alcume de "bruxas da noite".

Un Polikarpov Po-2 semellante ao que Dospanova realizaba as súas misións aéreas.

O 1 de abril de 1943 nunha aterraxe tras unha misión ao Polikarpov Po-2 no que ela e Yuliya Pashkova voaban golpeouno a aeronave de Polina Makagon e Lydia Svistunova. No accidente morreron Makagon e Svistunova e Pashkova morreu durante unha intervención cirúrxica de urxencia. Nun primeiro momento deron por morta a Dospanova ao non se mover pero aínda vivía e tras varias cirurxías que lle practicaron durante varios días logrou sobrevivir sen amputacións malia a gangrena que se desenvolveu nas súas dúas pernas. Seis meses despois volveu á súa unidade e ao pouco, polas dificultades que tiña para camiñar e precisar axuda para entrar e saír do seu aeroplano, pasou a dirixir a oficina de comunicacións da unidade. Non obstante, aínda voou como copiloto en misións de combate, totalizando un total de 300 misións ao final da guerra, e tomou parte en batallas ao longo da Europa Oriental, dende ao Cáucaso, Kubán, Tamán, Crimea, Polonia ou Alemaña[2][3].

Logo de volver da fronte ofrecéronlle traballar para o Partido Comunista de Casaquistán (PCUS) e acudiu á escola de dirixentes do partido en Almati e despois traballou como instrutora do partido en Casaquistán Occidental, foi secretaria do Comité Central do Komsomol de Casaquistán. En 1951 elexírona deputada do Soviet Supremo da RSS de Casaquistán na primeira sesión designárona secretaria do Presídium do SS da RSS de Casaquistán e foi tamén secretaria do comité do partido en Almati. Retirouse da vida pública en 1959 ao deteriorarse a súa saúde por mor das lesións sufridas durante a guerra. Escribiu dous libros de memorias de guerra, en 1960 publicou en ruso Pod komandovaniem Raskovoii[4] e en 1963 en casaco Xalqım üşin[5].

O 7 de decembro de 2004 un decreto presidencial recoñecíaa como heroína de Casaquistán.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Қаһарман қыз Хиуаз". Ana Tili, 20 de xaneiro de 2010
  2. Dryagina, Irina (2007). Записки летчицы У-2. Moscow: Tsentrpoligraf. pp. 62–63. 
  3. Rakobolskaya, Irina; Kravtsova, Natalya (2005). Нас называли ночными ведьмами: так воевал женский 46-й гвардейский полк ночных бомбардировщиков. Moscova: Universidade de Moscova. pp. 70–71. ISBN 5211050088. OCLC 68044852. 
  4. "Две Судьбы – Одно Небо". Zhardem. 28 de outubro de 2018. 
  5. "Әуе амазонкалары: Хиуаз Доспанова". e-history.kz. 19 de xullo de 2019.