Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2015

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A rubia galega é unha raza de vacún autóctona de Galicia. É a máis característica de Galicia e ten o pelo de cor rubia con variacións de ton. Emprégase para a produción de carne e noutros tempos como animal de traballo. Abunda especialmente en Lugo, onde se concentra o 75% do censo, e na Coruña, estando tamén presente noutras comunidades e noutros países de Europa e de Suramérica.

Segundo a lenda, a raza Rubia Galega comezaría na protohistoria, cando unha tribo celta indoeuropea ocupou gran parte da Europa Central. Segue dicindo que un grupo da raza de Gael, procedente da zona celta francesa, foi desprazado e ocupou o norte de España ata chegar a Galicia. Nesta longa viaxe levaría consigo o seu gando, incluíndo o gando vacún que xa fora domesticado séculos antes. Este gando influiría sobre os bovinos autóctonos existentes -descendentes do Bos primigenius e hoxe desaparecidos-, para terminar conformando unha raza que deu ó pobo galego grandes utilidades zootécnicas.