Wikipedia:Sobre Galicia/decembro 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sofía Pérez Eguía y Casanova de Lutoslawski, máis coñecida como Sofía Casanova, nada na Coruña o 30 de setembro de 1861 e finada en Poznan (Polonia) o 16 de xaneiro de 1958, foi unha actriz de teatro, poetisa, novelista e xornalista galega moi prolífica. Durante a súa mocidade dedicouse á interpretación, chegando a formar parte do Teatro Español e e do Teatro da Zarzuela como actriz profesional. Nestes anos frecuentou os círculos literarios de Madrid, onde se iniciou na poesía. Logo do seu casamento co diplomático e intelectual polaco Wincenty Lutosławski viviu en Moscova, Londres e Polonia, ademais das tempadas que pasaba en Madrid ou na súa casa de Mera. Escribiu poesía, novela e teatro e tamén traduciu diversas obras do polonés e ruso ao castelán. Foi nomeada candidata ao Premio Nobel de Literatura en 1926. Porén, foi máis coñecida polas súas crónicas e escritos xornalísticos. Foi a primeira española correspondente permanente dun diario no estranxeiro e a segunda española correspondente de guerra. Sofía Casanova viviu de primeira man as dúas guerras mundiais e a caída do zarismo. Entre 1885 e 1938 realizou máis de trinta viaxes por Europa. Traballou como correspondente do diario ABC e os seus escritos apareceron en publicacións como El Ideal Gallego, Revista Gallega, Galicia Moderna, El Eco de Galicia e Ilustración Gallega. Destacan nesta faceta xornalística a súa entrevista a Lev Trotski e a crónica da morte de Rasputín. Foi membro correspondente dende os inicios da Real Academia Galega e en 1952 foi nomeada membro de honra da mesma. Os esforzos na recuperación desta figura nas últimas décadas non están exentos de polémica, debido ás conviccións conservadoras de Casanova.