Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Terra (AFI: [ˈtɛ.rɐ] ( )) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar. Tamén é o maior dos catro terrestres.

A Terra formouse hai aproximadamente 4 550 millóns de anos e a vida xurdiu uns mil millóns de anos despois. A atmosfera e outras condicións abióticas foron alteradas de forma significativa pola biosfera do planeta, favorecendo a proliferación de organismos aerobios, así como a formación dunha capa de ozono que xunto co campo magnético terrestre bloquean a radiación solar daniña, permitindo así a vida na Terra. As propiedades físicas da Terra, a historia xeolóxica e a súa órbita permitiron que a vida siga existindo. Estímase que o planeta seguirá sendo capaz de sustentar vida durante outros 500 millóns de anos, xa que segundo as previsións actuais, pasado ese tempo a crecente luminosidade do Sol terminará causando a extinción da biosfera.