A historia sitúase nun barrio obreiro do Oeste de Nova York a mediados da década dos cincuenta, caracterizado pola diversidade de etnias que o conforman. No inicio da década de 1960 esa área sería totalmente renovada urbanisticamente para a construción do Lincoln Center, cambiando o carácter do barrio.[2][3] O tema central da película xira arredor da rivalidade entre os “Sharks”, de Porto Rico, e os “Jets”, de raza branca, dúas bandas de adolescentes de distintas culturas que se desprezan entre elas. O principal protagonista é Tony, amigo dos Jets, quen namora de María, irmá do líder dos Sharks.
A atmosfera sombría, a música sofisticada, as escenas de baile e a temática social sobre a migración na época conforman un musical de gran repercusión no panorama teatral de Broadway. Algúns dos temas compostos por Bernstein foron un auténtico éxito. Entre eles destacan "Something's Coming", "Maria", "America", "Somewhere", "Tonight", "Jet Song", "I Feel Pretty", "A Boy Like That", "One Hand, One Heart", "Gee, Officer Krupke" e "Cool".
A produción orixinal de 1957 con dirección e coreografía de Jerome Robbins foi o debut de Sondheim en Broadway e representouse 732 veces. A obra recibiu seis candidaturas aos premios Tony[4] e resultou vencedora nas categorías de coreografía e deseño de decorados. A obra tivo moita repercusión e contou con representacións en Londres e producións internacionais posteriores.
↑"West Side Story". Stephen Sondheim Reference Guide(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2013. Consultado o 16 de novembro de 2018.