Virxe de Covadonga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Virxe de Covadonga
Santina.jpg
Virxe de Covadonga
Advocación da Virxe María
Historia
Orixe da devociónc. 722 (inicio da Reconquista en Asturias)
Veneración
Venerada enIgrexa Católica
Festividade8 de setembro
Santuario principalBasílica de Santa María a Real de Covadonga
Patroa deAsturias

A Virxe de Covadonga, coñecida popularmente como A Santina, é unha imaxe da Virxe María que se atopa nunha cova en Covadonga, no concello de Cangues d'Onís, Principado de Asturias. É a patroa de Asturias e unha das sete Patroas das comunidades autónomas de España.

Segundo a tradición, a Virxe axudou aos cristiáns capitaneados por Paio, provocando un desprendemento de rochas na coñecida como batalla de Covadonga, que minguou o exército árabe. Esta vitoria é lendariamente considerada como o inicio da Reconquista e a reinstauración dos reis cristiáns na Península.

A imaxe[editar | editar a fonte]

A imaxe primitiva perdeuse nun incendio. A actual talla data do século XVI e foi doada ao Santuario pola Catedral de Oviedo en 1778.

É unha talla policromada cuberta de vestiduras e manto, aínda que foi concibida para mostrarse sen a roupaxe e o manto está pintado sobre a madeira nunha cor azul verdoso adornado con flores vermellas. A capa é de cor avermellada cos bordos dourados, así como o cinto e os baixos do faldrón tallados na escultura. A Virxe sostén ao Neno Xesús na súa man esquerda e na dereita suxeita unha rosa de ouro. Sobre a súa cabeza, unha coroa dourada con perlas nas súas arestas e brillantes incrustados. Do arco que describe a parte superior da coroa pende unha pomba representando ao Espírito Santo, rodeada dun círculo de brillantes.

O Neno Xesús actual foi colocado no ano 1704, sobre a man esquerda da Nai. Ao longo do tempo a imaxe foi obxecto de restauracións e modificacións. Así, o conxunto foi retocado en 1820; reaxustouse en 1874. Tras ser roubada e recuperada durante o período da Guerra Civil foi restaurada polo Instituto Nacional de Conservación e Restauración da Dirección Xeral de Belas Artes en 1971 e 1986.

A actual imaxe de Covadonga estivo na próxima capela da Colexiata de San Fernando desde 1778 ata 1820, en que foi levada á Cova, onde se habilitara unha pequena capela para a súa custodia.

Foi coroada canonicamente en 1918, coincidindo co duodécimo centenario da histórica batalla de Covadonga. Por este motivo a talla da Virxe de Covadonga foi unha das primeiras imaxes marianas de España en recibir a Coroación canónica, xunto á Virxe de Montserrat (Patroa de Cataluña), a Virxe da Candelaria (Patroa de Canarias), a Virxe de Guadalupe (Patroa de Estremadura) e a Virxe dos Desamparados (Patroa da Comunidade Valenciana), entre outras.

Os días 21 e 22 de agosto do ano 1989 o papa Xoán Paulo II visitou o santuario e rezou e oficiou misa na Santa Cova de Covadonga.[1]

Roubo da imaxe[editar | editar a fonte]

A imaxe da Santina foi roubada da súa cova e levada a París en 1939, aínda que non foi obxecto de profanación algunha. Terminada a Guerra, fíxose cargo da Embaixada española en París o doutor Pedro Abadal, quen comunicou o achado da imaxe en París e o mesmo trasladou a imaxe no seu coche pechado desde a embaixada de España onde foi atopada ata a fronteira con España.

O día 11 de xuño de 1939 entraba triunfalmente en España a imaxe da Santina. A cidade de Irún dispoñíase a recibila cunha extrema exaltación de relixiosidade. O mesmo entusiasmo suscitou a Santa Imaxe en Donostia, Loyola, Arrasate, Vitoria, Valladolid e León. O día 13 chegaba a Asturias entrando por Pajares.

Pasou nove días na Catedral de Oviedo, visitou Xixón, Avilés e varios pobos ata que por fin chegou a Covadonga onde con gran entusiasmo sería entronizada. Foi recibida no chamado campo do Repelao polo Cabido da Colexiata o 6 de agosto, depositándose a imaxe da Virxe na Santa Cova de Covadonga á unha e media da tarde.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de maio de 2014. Consultado o 06 de xuño de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]