Vasas FC

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vasas FC
NomeVasas Futball Club
Fundación16 de marzo de 1911, (113 anos)
EstadioRudolf Illovszky,
Budapest
Inauguración1961
Capacidade5.054
PresidenteHungría László Markovits
AdestradorHungría Attila Kuttor
LigaNBI
2021/22
Na rede
http://www.vasasfc.hu/
Instagram: vasassc1911 Editar o valor em Wikidata
Titular
Alternativo

O Vasas Futball Club, é un club de fútbol húngaro con sede en Budapest, que milita na Primeira División de Hungría. Gañou seis veces a liga húngara e catro veces a Copa de Hungría, e ocupa o quinto lugar na clasificación histórica do fútbol húngaro.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Foi fundado por traballadores da industria do metal en Budapest o 16 de marzo de 1911, co nome de Vas- és Fémmunkások Sport Clubja. Comezou militando nas categorías inferiores, pero conseguiu ascender tres divisións en cinco anos, debutando na Primeira División na tempada 1916/17, en plena Primeira guerra mundial, acadando un sexto posto na súa estrea. O equipo continuou con bos resultados nos seguintes anos, destacando dous terceiros postos consecutivos nas tempadas 1924/25 e 1925/26.[2][3] O ataque do equipo estaba liderado por József Takács II, máximo goleador da liga na 1925/26. En 1929 o Vasas descendeu por primeira vez na súa historia.[4] Conseguiu ascender de novo ao ano seguinte e goleou por 5-2 ao Ferencváros no primeiro partido, pero volveu descender ao remate da campaña 1931/32, e tardou máis dunha década en regresar á máxima categoría.

Durante a década de 1940, estreitouse a relación do club co Partido Comunista de Hungría. Segundo a filosofía do partido, era posible conquistar ás masas a través do deporte e o seu plan incluía un apoio especial a un club de traballadores. A elección recaeu no Vasas, que trala Segunda guerra mundial recibiu axuda económica e novas instalacións. János Kádár converteuse no presidente do club, que conseguiu o seu primeiro subcampionato de liga na tempada 1945/46, por detrás só do Újpest.

En 1955 o Vasas gañou o seu primeiro título, a Copa de Hungría, despois de derrotar na final por 3-2 ao Honvéd, con goles de Teleki, Raduly e Bundzsák. En 1956, o equipo gañou a Copa Mitropa, goleando por 9-2 ao Rapid Wien no partido de desempate da final diante dos 100.000 espectadores que ateigaban o Népstadion. Catro dos goles anotounos a grande estrela do equipo, Gyula Szilágyi. Foi o primeiro dos seis títulos da Copa Mitropa que o Vasas conseguiu durante os seguintes anos, converténdose no maior dominador do torneo.

Despois dunha década estando case sempre entre os primeiros clasificados, o Vasas gañou o seu primeiro título de liga en 1957, superando por un punto ao MTK. Szilágyi foi o máximo goleador do torneo con 17 dianas. O título de liga outorgoulle o dereito de participar na seguinte edición da Copa de Europa. Despois de eliminar na rolda previa ao CDNA Sofia, enfrontouse na primeira rolda ao Young Boys suízo, ao que eliminou por un axustado resultado global de 3-2. Nos cuartos de final xogou contra o Ajax de Ámsterdam, sacando un empate 2-2 na ida nos Países Baixos. No partido de volta no Népstadion o Vasas goleou ao equipo neerlandés por 4-0, clasificándose para unhas históricas semifinais. Nestas, o seu rival foi o Real Madrid, no que xogaban futbolistas como Kopa, Didi, Santamaria, Di Stefano e Puskás xogaban nese momento no Real Madrid. O equipo español goleou por 4-0 ao húngaro na ida no Santiago Bernabéu, cun triplete de Di Stéfano, e aínda que o Vasas conseguiu a vitoria en Budapest, o 2-0 foi insuficiente para igualar a eliminatoria.[5]

Foi o inicio da considerada como a época dourada do Vasas, que gañou nos seguintes anos catro títulos de liga máis (1960, 1961, 1965 e 1966), tendo como adestradores a Rudolf Illovszky e Lajos Baróti. En 1966, o equipo gañou o campionato de xeito invicto e János Farkas coroouse como máximo goleador con 25 goles. O bo facer do Vasas continuou na década de 1970. En 1973 gañou a súa segunda Copa de Hungría diante do Honvéd (4-3), e en 1977 o seu sexto e derradeiro título de liga, de novo con Rudolf Illovsky no banco. En 1981 e 1986 gañou dous novos títulos de Copa.

A comezos do século XXI o club atravesou un período de declive que o levou ao seu primeiro descenso en 70 anos. Ademais, os problemas económicos paralizaron a actividade do club durante medio ano. En 2003, János Jámbor e un novo equipo técnico liderado por László Markovits, devolveron o club á vida. Despois de comprarlle a praza ao Kecskemét TE, o Vasas competiu na Segunda División na tempada 2003/04, proclamándose campión e regresando á máxima categoría.

Mantívose na elite do fútbol húngaro ata 2012, cando descendeu para volver ascender tres campañas despois. Sufriu un novo descenso ao remate da tempada 2017/18,[6] volvendo á máxima categoría catro anos despois, ao se proclamar campión da segunda división na 2021/22.[7]

Denominacións[editar | editar a fonte]

  • Vas-és Fémmunkások Sport Clubja (1911–1925)
  • Vasas SC (1926–1943)
  • Nemzeti Nehézipari Munkások Kinizsi SC (1943–1944)
  • Vasas SC (1944–1949)
  • Budapesti Vasas SC (1949–1957)
  • Vasas SC (1957–1992)
  • Vasas SC-Smirnoff (1992–1993)
  • Vasas Ilzer (1993–1995)
  • Vasas Casino Vígadó (1995–1996)
  • Vasas SC (1997)
  • Vasas Danubius Hotels (1997–2001)
  • Vasas SC (2001–2003)
  • Budapesti Vasas SC (2003–2009)
  • Vasas SC (2009–2011)
  • Vasas–HÍD (2011–2012)
  • Vasas FC (2012–)

Palmarés[editar | editar a fonte]

Títulos nacionais[editar | editar a fonte]

Títulos internacionais[editar | editar a fonte]

Trofeos de máximo goleador[editar | editar a fonte]

Tempada Xogador Goles
1926 József Takács II 29
1943 Jenő Jenőfi 26
1957 Gyula Szilágyi 17
1966 János Farkas 25
1977 Béla Várady 36
2001 Péter Kabát 24

Adestradores[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "HUNGARY 1st level Alltime table 1901-2008/09" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2009. Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  2. "1924/25.évi bajnokság". rsssf.org (en inglés). Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  3. "1925/26.évi bajnokság". rsssf.org (en inglés). Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  4. "1928/29.évi bajnokság". rsssf.org (en inglés). Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  5. "Vasas - Real Madrid 1958". UEFA (en inglés). Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  6. "Nem kegyelmezett a Honvéd, búcsúztatta a Vasast az élvonaltól" (en húngaro). 2 de xuño de 2018. Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  7. "Négy éve romokban hevert, mára kinőtte a másodosztályt: nagy késéssel, de célba ért a Vasas" (en húngaro). 24 de abril de 2022. Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  8. "Bene Ferenc távozik a Vasas kispadjáról" (en húngaro). 27 de agosto de 2020. Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  9. "NB II: Kuttor Attila a Vasas új vezetőedzője – hivatalos" (en húngaro). 1 de xuño de 2021. Consultado o 1 de setembro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]