Saltar ao contido

Universidade Laboral de Xixón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Universidade Laboral de Xixón
Edificio
Nome inicialLa Laboral
EstiloEstilo neoherreriano, neoclasicismo
EnderezoRúa Luis Moya Blanco, 261, 33203
Coordenadas43°31′27″N 5°36′49″O / 43.524095, -5.613511
PropietarioGoberno do Principado de Asturias, Universidade de Oviedo
Uso(s)Multiusos
Construción
Inicio1 de abril de 1948
Remate1957
Remodelación2007
Dimensións
Altura130 m
Superficie270 000 m²
Altura máxima117,6 m
Plantas17
Equipo
Arquitecto(s)Luis Moya Blanco
Enxeñeiro civilRamiro Moya Blanco
editar datos en Wikidata ]

A Universidade Laboral de Xixón é un edificio situado na parroquia de Cabueñes do concello asturiano de Xixón. Dende a súa construción entre 1948 e 1957, e ata 1979 foi unha Universidade Laboral orientada a educar os fillos dos traballadores. En 2007 converteuse en Laboral Cidade da Cultura, englobando equipamentos como a Radiotelevisión del Principado de Asturias, LABoral Centro de Arte e Creación Industrial e a Facultade de Comercio, Turismo e Ciencias Sociais da Universidade de Oviedo.[1] Á súa vez está integrada na Milla do Coñecemento Margarita Salas.[2]

Trátase da obra arquitectónica máis importante de todas as que se realizaron en Asturias durante o século XX. Ademais, cos seus 270 000 m², é o edificio de uso civil meirande de España.[3][4] Está declarado Ben de interese cultural coa categoría de Monumento dende 2016.[5]

Despois dun grave accidente laboral ocorrido en febreiro de 1946 nunha mina de Ayer (concello da conca do río Caudal),[6] o subsecretario do Ministerio de Traballo, Carlos Pinilla Turiño, que asistiu ao funeral das vítimas do devandito accidente, reuniuse en Xixón cun grupo de personalidades locais como Alejandro Pidal Guilhou; Álvaro Armada Ulloa, oitavo conde de Revillagigedo, e Ricardo Heredia Guilhou, terceiro conde de Benahavís, dirixidos polo industrial mineiro José María Fernández "el Pontico", para impulsar unha institución que tiña como obxectivo a creación dun orfanato mineiro para axudar aos afectados.[7]​ A devandita institución fora constituída formalmente en escritura pública o 6 de outubro de 1945 co nome da Fundación Benévola Docente “José Antonio Girón”, en homenaxe ao entón ministro de Traballo.[8]

O obxectivo fundacional concreto foi a formación dos fillos orfos de pais vítimas de accidentes laborais na minería, para o que se deseñou un edificio que podería dar servizo a un milleiro de estudantes e que contaría cos diferentes departamentos necesarios para o desenvolvemento da vida estudantil como a residencia, escola, obradoiros industriais, granxa, instalacións deportivas ou campos de cultivo.[9]

O Ministerio de Traballo encomendou ao Padroado da Fundación a responsabilidade de realizar os traballos mediante Orde do 14 de xuño de 1946.[10] Deste xeito, Girón de Velasco, ministro de Traballo, "apadriñou" o proxecto.[11]

Actividade educativa e declive

[editar | editar a fonte]

A docencia e dirección do centro foi encomendada en 1955 á Compañía de Xesús por expreso desexo de José Antonio Girón, cargo que antes fora concedido á Congregación Salesiana.[12] Os xesuítas encargáronse das tarefas administrativas e educativas ata 1978.[13] A administración do enorme complexo foi encomendada á Orde de Santa Clara (Clarisas), que se instalou na zona máis occidental do centro e dirixía o persoal de servizo.[14]

Ao comezo do seu primeiro ano de actividade, en outubro de 1955, a Universidade Laboral acolleu a un total de 408 nenos. Non obstante, as obras continuarían ata 1958, cando se rematou o teatro.[3]

En 1978, a dirección pasou a mans do profesorado laico das Universidades Laborais, que substituíron os xesuítas.[15] Ese mesmo ano as universidades laborais pasaron a formar parte do Ministerio de Educación e en 1979 foron substituídas polos Centros de Ensino Integrados.[15] Este centro impartiría Bacharelato, COU, Formación Profesional, Ensinanzas Universitarias e formación continua para adultos. En 1995 o CEI foi disolto a favor do "Instituto de Educación Secundaria Universidade Laboral". Este instituto sería o máis grande de España, con máis de 2 000 alumnos de todos os niveis do ensino secundario español. No ano 2002 o instituto trasladouse á antiga granxa de Somió.[15]

O 24 de decembro de 1996 deuse por rescindido o convenio coas monxas, que se trasladan a un novo mosteiro en Cigales.[14] O inmoble entrou ao longo da década de 1990 nun estado de deterioración debido ao desuso da maior parte dos seus espazos.

Reconversión nos 2000 e actualidade

[editar | editar a fonte]
Rehabilitación en febreiro de 2006

En 2001, o Ministerio de Educación cedeu a titularidade do complexo ao Goberno do Principado de Asturias.[15]

En maio de 2003 presentouse o Plan de Usos no que se detallan as funcións que tería cada sector da edificación.[15] Para habilitar estes usos realizáronse ata 18 adecuacións e rehabilitacións diferentes do edificio ao longo da década. Foron coordinadas por Antonio E. Cuartas e Sergio Barragán, baixo a supervisión do Ministerio de Educación e Cultura.[15]​ O groso das reformas durarían entre 2005 e 2007[16]​ e concluíron na súa totalidade en 2008. Só un elemento foi quedou sen concluír por mor da crise: un hotel de cinco estrelas.[15]

As actuacións foron licitadas entre 2004 e 2007 por 77,8 millóns de euros, aínda que o orzamento definitivo de execución alcanzou os 82,2 millóns de euros. O maior sobrecusto foi a reforma do teatro, que pasou de 7,7 millóns a 11,57 millóns de euros.[17]

A renovación das instalacións incluiríase baixo a marca Laboral, ciudad de la cultura.[16] A “Cidade da Cultura” sería a principal aposta cultural do goberno de Vicente Álvarez Areces e sería inaugurada formalmente por este o 29 de marzo de 2007.[18][16]

En 2016 o edificio e a súa contorna foron declarados Ben de Interese Cultural.[19]

Despois de 3 concursos desertos, en xullo de 2023 comezaron as obras de rehabilitación da cúpula da igrexa, unha das actuacións máis demandadas. Custaron algo menos de 800 000 e remataron en xuño de 2024.[20][21]

  1. "CIUDAD DE LA CULTURA | Laboral Ciudad de la Cultura". www.laboralciudaddelacultura.com. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2022. Consultado o 22 de setembro de 2022. 
  2. "Milla del Conocimiento de Gijón/Xixón: Nuestros Agentes". Consultado o 22 de setembro de 2022. 
  3. 3,0 3,1 "55 años como vigía de Gijón". El Comercio (España). 13 de outubro de 2010. Consultado o 22 de setembro de 2022. 
  4. "Así es el edificio más grande de España". Expansión.com. 5 de setembro de 2023. Consultado o 17 de setembro de 2023. 
  5. Decreto 19/2016, de 19 de maio, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a Universidade Laboral de Xixón.
  6. Suárez Riestra 2012, p. 39.
  7. «Orde de 13 de maio de 1946 pola que se clasifica como benéfico-docente privada a Fundación «José Antonio Girón» instituida en Xixón polos señores Pinilla, Pidal, Heredia e Fernández Álvarez, cun capital inicial de millón e medio de pesetas, a favor de orfos de mineiros mortos en accidentes de traballo, e aprobando os seus estatutos, con outros pronunciamentos reglamentarios Arquivado 22 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.». Boletín Oficial del Estado núm. 142, de 22 de maio de 1946, páxinas 4316 a 4317: PDF (Referencia 1946/05782).
  8. Suárez Riestra 2012, p. 40.
  9. Suárez Riestra 2012, p. 41.
  10. Suárez Riestra 2012, p. 43.
  11. Suárez Riestra 2012, p. 45.
  12. Suárez Riestra 2012, p. 79.
  13. Suárez Riestra 2012, p. 144.
  14. 14,0 14,1 "«Recordamos mucho Gijón»". El Comercio. 5 de xuño de 2016. Consultado o 22 de setembro de 2022. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Vallina-Victorero Sánchez, Lucía (2018). "Uso y cambio de uso en la Universidad Laboral de Gijón". E.T.S. Arquitectura (UPM). 
  16. 16,0 16,1 16,2 "Laboral Ciudad de la Cultura: Transformación". www.laboralciudaddelacultura.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2023. Consultado o 2022-09-22. 
  17. "El Principado admite un 5,5% de desfase de gasto en la reforma de integral de la Laboral". La Voz de Avilés. 18 de xuño de 2008. 
  18. "Laboral Ciudad de la Cultura ya es una realidad abierta al público". El Comercio. 30 de marzo de 2007. p. 70. 
  19. "La Universidad Laboral de Gijón, declarada Bien de Interés Cultural". La Voz de Asturias. 12 de xullo de 2016. Consultado o 24 de marzo de 2024. 
  20. Cuesta, Gabriel (5 de xullo de 2023). "La rehabilitación en la cúpula de la Laboral comienza tras seis años de fiascos". La Nueva España. Consultado o 24 de marzo de 2024. 
  21. Moro, Marcos (12 de marzo de 2024). "La obra de la cúpula de la Laboral se retrasa a junio para restaurar las cruces". El Comercio: Diario de Asturias. Consultado o 24 de marzo de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]