Unión Fenosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Unión Eléctrica Fenosa»)
Unión Fenosa S.A.

Sede de Gas Natural Fenosa en Barcelona.
TipoSociedade anónima
Fundación1982 (orixes en 1912)
LocalizaciónMadrid, España
IndustriaElectricidade
ProdutosElectricidade
Número de empregados12.000
Na rede
http://www.unionfenosa.es/
editar datos en Wikidata ]

Unión Fenosa foi un grupo empresarial español presente en varios sectores económicos, tendo coma principal actividade a produción de enerxía eléctrica, pero presente tamén no sector do gas e nos servizos e telecomunicacións.

Unión Fenosa foi adquirida por Gas Natural, que agora opera como Gas Natural Fenosa, nun proceso iniciado en xullo de 2008 (cando Gas Natural chegou a un acordo con ACS para a compra da súa participación do 45,3% en Unión Fenosa) e culminado en setembro de 2009 (momento no que as accións da nova compañía son admitidas a cotización).

Historia[editar | editar a fonte]

Naceu o 23 de novembro de 1982 co nome de Unión Eléctrica Fenosa trala fusión entre Unión Eléctrica, creada en 1912 como Unión Eléctrica Madrileña, e Fenosa (Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A.), creada en Galiza en 1943 por Pedro Barrié de la Maza.

En 1986 o grupo iniciou a súa expansión internacional cun contrato de consultoría para a empresa Usinas y Transmisiones Eléctricas de Uruguay, e en 1988 entrou en funcionamento a central nuclear de Trillo, da que Unión Fenosa era promotora.

Estorniños sobre un tendido eléctrico de Unión Fenosa.

En 1992 tivo lugar o primeiro investimento directo no exterior, e en 1994 creouse Unión Fenosa Energías Especiales para dar pulo ás enerxías renovables. En 1995, tralo éxito das exposicións bienais creadas en 1989 e denominadas Mostra Unión Fenosa, creouse o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa, na Coruña.

Fenosa participara desde a liberación das telecomunicacións neste sector, e en 1998 adquiriu unha participación da empresa de telefonía móbil Airtel, traspasando o investimento ao ano seguinte ao grupo Aúna (Retevisión e Amena). Así mesmo, conta na actualidade (agosto de 2008) cun 35,44 % das accións da empresa galega R.[1]

No ano 2000 asinou un contrato cunha empresa petroleira exipcia, que permitiu a Unión Fenosa dispor de gas propio en orixe e así ter unha posición de vantaxe no sector. Ademais, creouse Soluziona como integradora das empresas de servizos profesionais do Grupo. A Central de Hermosillo, en México entrou en funcionamento en 2001 e constitúe o primeiro ciclo combinado de gas construído e operado pola empresa. En 2002 eliminou do seu nome a palabra "Eléctrica" para reflectir a entrada noutros negocios (gas, telecomunicacións etc.) En 2003 entrou como socio estratéxico no accionariado de Unión Fenosa Gas a empresa italiana ENI, que co 50% dos títulos, reforzou o posicionamento do Grupo nos mercados gasistas internacionais.

En 2005 un grupo empresarial galego formado por Amancio Ortega, Jacinto Rey do Grupo San Jose, Caixa Nova e Caixa Galicia tentaron comprar as accións de Fenosa en mans do Banco de Santader. Esta compra supuña asumir o control da eléctrica. Coa operación pechada, no último momento e por presións políticas, as accións foron vendidas ao grupo ACS de Florentino Pérez.[2]

Até a fusión con Gas Natural, o Grupo Unión Fenosa tiña presenza en 15 países.

Operación de adquisición por Gas Natural[editar | editar a fonte]

Tapa de rexistro en Santiago de Compostela.

En xullo de 2008, a participación en Unión Fenosa que ten o seu primeiro accionista, o grupo ACS, recibe unha oferta de compra de Gas Natural, que é aceptada.

En abril, a Oferta Pública de Adquisición de Accións (OPA) formulada por Gas Natural sobre o capital social de Unión Fenosa foi aceptada por 317.655.538 accións, representativas do 34,75% do capital social da eléctrica e do 69,54% dos dereitos de voto aos que a oferta se dirixía de forma efectiva.

Tras a liquidación da OPA, cuxo período de aceptación concluíu o día 14 de abril, Gas Natural pasou a ser titular dun 84,77% do capital social de Unión Fenosa, e, unha vez liquidados os instrumentos financeiros subscritos con diversas entidades bancarias e un contrato de compravenda de accións, a participación ascendeu ao 95,22% do capital social da eléctrica.

A finais de abril, os consellos de administración das dúas compañías aprobaron o proxecto de fusión por absorción de Unión Fenosa e de Unión Fenosa Generación. A ecuación do troco proposta foi de tres accións de Gas Natural por cada cinco accións de Unión Fenosa.

O 4 de setembro de 2009 Unión Fenosa deixou de cotizar na bolsa de valores, integrándose por completo en Gas Natural.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "www.expansión.com". Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2008. Consultado o 03 de agosto de 2008. 
  2. Digital, Confidencial (2005-09-23). "Botín incumple su palabra con los gallegos y vende Unión Fenosa a Florentino Pérez: Amancio Ortega se plantea retirar sus fondos del BSCH". Confidencial Digital (en castelán). Consultado o 2021-02-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]