Trota de Salerno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trota de Salerno
Nacemento1050
Lugar de nacementoSalerno
Falecementoséculo XII e 1097
Ocupaciónmédica, cirurxián, escritor médico, xinecóloga e profesora universitaria
CónxuxeGiovanni Plateario il Vecchio
FillosGiovanni Plateario il Giovane
Coñecida porPractica secundum Trotam, De curis mulierum, De ornatu mulierum e Liber de sinthomatibus mulierum
editar datos en Wikidata ]

Trota de Salerno[1] nada en Salerno e que viviu ao longo do século XII, foi unha doutora italiana que escribiu varios traballos influentes de medicina feminina, sendo o máis importante deles Passionibus mulierum curandorum, tamén coñecido como Trotula major.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe acerca da vida de Trota. Pénsase que foi profesora de medicina da Escola Médica Salernitana (que foi o primeiro centro médico sen conexión coa igrexa e é considerada por algúns autores como a primeira universidade europea) que aceptaba mulleres como profesoras e alumnas. Os seus libros céntranse nos problemas médicos das mulleres, incluíndo a menstruación e o parto. Os seus escritos reflectiron ideas moi avanzadas para o seu tempo: un exemplo é o seu apoio a que se lles subministrasen opiáceos ás mulleres durante o parto para mitigar a dor, unha práctica que entón era perseguida polas autoridades. Tamén afirmaba que os impedimentos á concepción podían ser debidos tanto ás mulleres como aos homes, en claro contraste coa arraigada crenza de que a esterilidade dunha parella sempre era debida á muller. Por outro lado, o seu traballo tamén estaba influído polas ideas da súa época: sostiña que ―a causa do pecado orixinal provocado por Eva―, as mulleres eran por natureza máis susceptíbeis de enfermar, e por iso precisaban dunha maior atención médica.

Ilustración do manuscrito Passionibus mulierum, de Trota.

A primeira das súas obras, e máis coñecida é un tratado de xinecoloxía e obstetricia, Trotulae curandarum aegritúdinum mulierorium ante et post partum, máis coñecido como Passiónibus mulierum curandorum (‘curación das doenzas das mulleres’), de sesenta capítulos, no que se trata a menstruación, a concepción, o embarazo, o parto, o control da natalidade, ademais de diversas enfermidades xinecolóxicas e doutro tipo, así como dos seus remedios. Tamén se coñece este tratado como Trotula maior ou simplemente como o Trótula e usouse como texto obrigatorio de medicina nas universidades até o século XVI, sufrindo multitude de plaxios ao longo dos séculos. A outra obra é un tratado sobre a cosmética, así como do coidado da pel e a hixiene como prevención de enfermidades chamada Ornatu mulierum, tamén coñecida como Trótula minor.[2]

O tratado De ornatu mulierum.

Aínda que se pensa que morreu anciá na súa cidade natal, nada se coñece con exactitude acerca da morte de Trota. A creación das universidades desde o século XII, onde só se permitían estudantes masculinos, excluíu as mulleres da educación superior e os mestres universitarios procuraron minimizar os traballos ou incluso ignorar a existencia destas médicas pioneiras anteriores, que chegaron a exercer un traballo logo reservado en exclusiva aos homes até finais do século XIX. Algúns estudosos chegaron a dubidar de que fose unha muller, e outros até mantiveron a opinión de que era un personaxe ficticio, polo que desde o século XV as súas obras se adoitaban atribuír a un varón, masculinizando o seu nome a Trótulo (Trotulus).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Monica H. Green, ed. (2001). The Trotula. A Medieval Compendium of Women’s Medicine. University of Pennsylvania. p. xii. 
  2. Cavallo, P. (2008): «The first cosmetic treatise of History. A female point of view», artigo en International Journal of Cosmetic Science, PMID 18377616 (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]