Lissotriton vulgaris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Triturus vulgaris»)

Lissotriton vulgaris
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Urodela
Familia: Salamandridae
Xénero: Lissotriton
Especie: Lissotriton vulgaris
(Linnaeus, 1758)

Subespecies

L. vulgaris ampelensis
L. vulgaris graecus
L. vulgaris kosswigi
L. vulgaris lantzi
L. vulgaris meridionalis
L. vulgaris schmidtlerorum
L. vulgaris vulgaris

Sinonimia

Triturus vulgaris

Macho en época non reprodutora

Lissotriton vulgaris (antes chamado Triturus vulgaris) é unha especie de anfibio tritón do xénero Lissotriton, que vive en Europa, agás o norte distante, áreas do sur de Francia e a Península Ibérica.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Fóra da estación reprodutora, o macho e a femia son difíciles de distinguir, xa que ambos os sexos son de similar tamaño (uns 10 cm de lonxitude da cabeza á cola) e coloración semellante de marrón claro a amarelo. As súas diferenzas visibles principais son dúas: o macho ten unha soa liña negra que discorre polo centro do dorso, a femia ten dúas liñas a ambos os lados do centro. Vistos de preto, a cloaca do macho está moi distendida, mentres que a da femia é case invisible.

Durante a estación reprodutora, o macho faise máis escuro que a femia e desenvolve unha crista na cola e sobre a espiña dorsal ondulada translúcida, con pintas escuras que cobren o resto do corpo, incluíndo a barriga, que toma unha cor laranxa ou rosa máis rechamante que en inverno ou outono. A femia tamén desenvolve pintas, pero non na barriga, que é máis clara que a dos machos e son xeralmente máis pequenas. A femia non desenvolve crista. Estes tritóns teñen colas como remos para incrementar a súa velocidade natatoria.[3]

A subespecie nominal, L. v. vulgaris, encóntrase no Reino Unido e Irlanda.

As femias e machos fóra da época reprodutora son marróns claros ou verde oliva, a miúdo con dúas liñas máis escuras no dorso. Ambos os sexos teñen barrigas laranxa, aínda que máis claras nas femias, que está cuberta de pintas arredondadas. Tamén teñen gorxas claras con pintas ben visibles. Isto axuda a distinguilos dos Lissotriton helveticus (tritón palmado), que teñen gorxas claras e sen pintas, cos cales é moi fácil confundilos. Camdo están en terra, teñen unha pel de aspecto aveludado. Durante a estación de apareamento, os machos desenvolven unha crista continua ondulada (en lugar de desgarrada) que discorre desde a cabeza á cola, e as marcas con pintas fanse máis aparentes. Tamén son distingibles das femias polos seus dedos con flecos.[4][5]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

L. vulgaris vive na maior parte de Europa en partes do oeste de Asia. Non está presente no sur de Francia, sur de Italia e na Península Ibérica, e tampouco nas illas mediterráneas. É tipicamente unha especie de zonas baixas, que vive ata os 1000 m de altura, pero pode chegar aos 2150 m en Austria. Encóntrase en prados húmidos, límites de campos, parques, xardíns, bosques e moreas de pedras.[6]

Aínda que vive case exclusivamente no hemisferio norte, os científicos documentaron recentemente o primeiro caso dunha especie de tritón establecida na natureza en Australia, que era a primeira poboación invasora desta especie no hemisferio sur.[7]

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Os adultos saen da hibernación en terra desde finais de febreiro a maio, e diríxense cara á auga doce para reproducirse. Prefiren lagoas e beiras pouco profundas de lagos antes que as augas correntes. Nese momento, ambos os sexos fanse dunha cor máis rechamante, con pintas vivas e barrigas laranxa. O macho tamén desenvolve unha crista ondulada ao longo do dorso e cola. Os sexos fanse claramente diferentes durante a estación reprodutora.

Durante o cortexo, o macho exhíbese ante a súa posible parella facendo vibrar a cola fronte a ela de maneira distintiva. O macho despois deposita unha cápsula que contén esperma, un espermatóforo, en fronte da súa parella, a cal manobra poñéndose nunha posición na que poida apañar a cápsula coa súa cloaca, polo que a fecundación ocorre dentro do corpo da femia. Pasados uns poucos días a femia empeza a poñer ovos. Estes deposítanse individualmente, xeralmente baixo follas de plantas acuáticas a unha velocidade de sete a doce ovos por día. En conxunto, poden poñer 400 ovos en cada estación reprodutora.

Despois de dúas ou tres semanas (dependendo da temperatura da auga), os ovos eclosionan liberando unha forma larvaria, un cágado. Durante uns poucos días as larvas viven das reservas de comida contidas nos sacos vitelinos de xema que seguen pegados ao seu corpo desde a fase de ovo. Despois diso, empezan a comer plancto de auga doce, e despois larvas de insectos, moluscos e alimentos similares (a diferenza dos cágados de ras e sapos, que empezan comendo vexetais, os tritóns son carnívoros durante toda a súa vida).

As larvas deste tritón inicialmente parecen unha pequena cría de peixe, pero posteriormente fanse similares a adultos en miniatura, pero con branquias externas "plumosas" que saen a ambos os lados da parte de atrás da cabeza. A medida que os cágados maduran, desenvolven patas (as dianteiras primeiro), e o crecemento dos seus pulmóns vai acompañado dunha diminución gradual das branquias. Así, a larva cambia paseniñamente de ser totalmente acuática a posuír un corpo axeitado para unha existencia principalmente terrestre; o triton novo vive na auga ata as 10 semanas. Porén, algúns poden pasar o inverno en estado larvario, e só emerxen da auga no ano seguinte.[8] Tardan uns tres anos en ser sexualmente maduros, e viven como media seis anos. A maioría dos adultos e xuvenís hibernan todo o inverno en áreas húmidas protexidas por riba do chan, das que saen en primavera.

Selección de parella[editar | editar a fonte]

A selección de parella que fai a femia é un importante concepto en bioloxía evolutiva porque dela depende o éxito reprodutor de macho e femia. Fixéronse experimentos con L. vulgarus nos cales a femia era emparellada secuencialmente con dous machos que tiñan diferentes graos de parentesco xenético coa femia. Atopouse que o máis diferente xeneticamente tiña un maior grao de paternidade da proxenie que o macho máis emparentado.[9] Esta elección da femia pode reflectir unha evitación da endogamia con machos emparentados, que podería levar a unha proxenie menos apta (depresión por endogamia).

Status de conservación en Europa[editar | editar a fonte]

Todas as especies de tritóns están protexidas en Europa. As leis prohiben matalos, destruílos ou vendelos. Aínda que a especie non está en absoluto en perigo, a IUCN considera que hai datos insuficientes para facer unha avaliación de dúas das subespecies. A especie está na lista do Anexo III da Convención de Berna.

Malia a súa protección en Europa, a especie foi declarada 'animal praga contolado' no estado de Victoria, Australia, en 1997, e foi prohibida en toda Australia en 2010, debido a que alí é unha especie invasora.

Nome[editar | editar a fonte]

Ata aproximadamente o ano 2000, a especie denominábase Triturus vulgaris en vez de Lissotriton vulgaris, e con este primeiro nome pode encontrarse aínda en moitos libros e páxinas web.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jan Willem Arntzen, Sergius Kuzmin, Trevor Beebee, Theodore Papenfuss, Max Sparreboom, Ismail H. Ugurtas, Steven Anderson, Brandon Anthony, Franco Andreone, David Tarkhnishvili, Vladimir Ishchenko, Natalia Ananjeva, Nikolai Orlov, Boris Tuniyev (2009) Lissotriton vulgaris. In: IUCN 2012. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2012.2.
  2. Nature: Smooth Newt Arquivado 24 de maio de 2012 en Archive.is. BBC (2012-04-27). Retrieved on 2013-01-03.
  3. Amphibia Web - Smooth newt (January, 2003); http://elib.cs.berkeley.edu/aw/search/index.html Arquivado 17 de decembro de 2005 en Wayback Machine.
  4. The Herpetological Conservation Trust: Smooth Newt fact sheet (January, 2003) http://www.herpconstrust.org.uk/
  5. 5,0 5,1 Beebee, T & Griffiths, R. (2000) The New Naturalist: Amphibians and reptiles- a natural history of the British herpetofauna; p. 26; Harper Collins Publishers, London.
  6. Arnold, E. Nicholas; Ovenden, Denys W. (2002). Field Guide: Reptiles & Amphibians of Britain & Europe. Collins & Co. pp. 46–47. ISBN 9780002199643. 
  7. Tingley R, Weeks A, Smart A, van Rooyen A, Woolnough A, McCarthy M. 2014. European newts establish in Australia, marking the arrival of a new amphibian order. Biological Invasions; DOI: 10.1007/s10530-014-0716-z.
  8. British Smooth Newts. Mjking.org (2008-05-26). Retrieved on 2013-01-03.
  9. Jehle R, Sztatecsny M, Wolf JB, Whitlock A, Hödl W, Burke T (2007). "Genetic dissimilarity predicts paternity in the smooth newt (Lissotriton vulgaris)". Biol. Lett. 3 (5): 526–8. PMC 2391198. PMID 17638673. doi:10.1098/rsbl.2007.0311. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

"The Life Cycle of the Newt". British Film Council. 1942. Consultado o 24 April 2014.