Tratado xermano-español (1899)
- Para o o tratado xermano-español de 1936, véxase Pacto Antikomintern
O tratado xermano-español de 1899 foi un acordo polo que España vendía parte das súas posesións en Oceanía ao Imperio alemán.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Adquisición por España das illas do Pacífico occidetal
[editar | editar a fonte]As illas Carolinas foron descubertas o 22 de agosto de 1526 polo explorador español Toribio Alonso de Salazar, avistando a illa de San Bartolomeu ou Taongui.
O 1 de xaneiro de 1528, o descubridor Álvaro de Saavedra Cerón tomou posesión en nome do rei de España das illas de Uluti, sendo visitado o arquipélago en 1542 (illas Matelotes), en 1543, 1545, e por Legazpi en 1565.
Interese de Alemaña polas illas españolas do Pacífico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Nova Guinea alemá.
O interese de Alemaña polas illas españolas do Pacífico databa de lonxe. En plena expansión e auxe do II Imperio alemán, pero frustrado porque o seu emerxente poder económico non se colmaba con territorios coloniais.
Alemaña enviou en 1885 á illa de Yap o canoneiro Iltis para tomar posesión das illas Carolinas. O conflito xermano-español finalizou co laudo arbitral de León XIII, que foi favorábel aos intereses españois, recoñecendo a soberanía española destas illas.
Consecuencias da derrota de España na guerra hispano-estadounidense
[editar | editar a fonte]Tras a guerra hispano-estadounidense, Estados Unidos tomou de España, cumprindo o Tratado de París, as Filipinas e Guam.
Posto que o centro administrativo das illas menores do Pacífico estaba en Manila, que pasaba ao goberno estadounidense, os arquipélagos de Oceanía volvíanse indefendíbeis e ingobernábeis. España perdera dúas escuadras enteiras, incluída a do Pacífico, na batalla de Cavite en 1898, polo que ante a clara imposibilidade de defendelas, non tivo máis remedio que vendelas a un país que se fixera cargo delas e, neste sentido, Alemaña meteu presión ao goberno español para facilitar a súa venda.
O tratado
[editar | editar a fonte]Finalmente, este tratado, rubricado por Francisco Silvela o 12 de febreiro de 1899 supuxo a venda das illas dos arquipélagos das illas Carolinas e as Marianas (incluíndo Palau, pero excluíndo Guam) por 25 millónes de pesetas (equivalenmtes a 17 millóns de marcos alemáns) a Alemaña. O tratado foi ratificado posteriormente pola raíña rexente María Cristina. De feito, debido a que Afonso XIII era aínda menor de idade, foi a persoa que autorizou definitivamente a venda destes arquipélagos a Alemaña.
A Gaceta de Madrid publicou o 29 de xuño de 1899 e fixo válido o texto do tratado, xa ratificado anteriormente por Francisco Silvela, presidente do Goberno naquela época. O texto tiña catro artigos, sendo o máis importante o último, no que se estipulaba o prezo que Alemaña pagaba por lograr as posesións dos arquipélagos. Outros artigos obrigaban a Alemaña a dar un trato equitativo aos colonos españois e tamén o dereito temporal a que se instalaran depósitos de carbón para a Armada Española.
Concretamente, as disposicións que formaban parte do cuarto artigo eran as seguientes:
- Disposición 1ª: O Imperio alemán recoñecerá en ditas illas as ordes relixiosas españolas os mesmos dereitos e as mesmas liberdades que recoñeza ás misións das ordes relixiosas alemás.
- Disposición 2ª: O Imperio alemán dará ao comercio e aos establecementos agrícolas españois o mesmo trato e as mesmas facilidades que dea nos referidos arquipélagos aos establecementos agrícolas e ao comercio de súbditos alemáns.
- Disposición 3ª: España poderá establecer e conservar, aínda en tempos de guerra, un depósito de carbón para a Mariña de guerra e os barcos mercantes no arquipélago das Palaus e outro no arquipélago das Marianas.
- Disposición 4ª: O Imperio alemán indemnizará a cesión dos territorios supraditos mediante a suma de 25 millóns de pesetas, que serán aboados a España.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]Basicamente, España perdía as últimas colonias que o seu Imperio tiña, exceptuando as africanas (Sáhara Español, Ifni e Guinea Española) e se verificaba o estado de crise que acompañaría todo o reinado de Afonso XIII.
A diferenza doutros tratados históricos máis ou menos coñecidos, como a Paz de Westfalia, o Tratado de Utrecht ou o Tratado de Londres, este tratado xermano-español mantívose esquecido, case sempre baixo a sombra do Tratado de París. Porén, tivo unha grande importancia no futuro, xa que evitou que España intervira con total seguridade na primeira e quizais tamén na segunda guerra mundial, coas consecuencias tráxicas que puideron ter ocorrido; pero, evidentemente, cando o goberno español asinou o tratado, o descoñecía, e unicamente quería desfacerse dunhas colonias ingobernábeis polos seguintes motivos:
- Perda de gran cantidade de naves no Desastre do 98.
- Falta dunha capital ou centro administrativo, deixando as illas sen un goberno centralizado.
- Gran cantidade de illas, porén pouco produtivas e con moi pouca poboación, abundando illas absolutamente desertas.
- En caso dun conflito cunha potencia con intereses particulares (EE. UU., Xapón, Alemaña...), era case segura a súa perda.
Para Alemaña, un país en pleno apoxeo e que ademais posuía a segunda armada máis potente e numerosa do mundo, unicamente por detrás da Mariña Real británica, supoñía unha oportunidade case única de facerse con colonias cunha posición estratéxica no océano Pacífico.
Posteriormente, o Imperio alemán perdería estas posesións a mans dos xaponeses e os aliados na primeira guerra mundial. España mantívose neutral nesa guerra, polo que perdeu a última posibilidade de recuperar as colonias.
O caso da suposta «Micronesia Española»
[editar | editar a fonte]De forma periódica circularon por España informacións que se baseaban en que unha serie de illas (Kapingamarangi, Nukuoro, Mapia, Rongrik e Ulithi) aínda seguirían sendo de posesión española, porque no se transfiriron aos Estados Unidos tras a guerra de 1898 nin a Alemaña en 1899.
Esta hipótese naceu o 5 de marzo de 1948 cando o avogado e investigador español do CSIC Emilio Pastor y Santos escribiu unha carta denunciando a posibilidade de que se estableceran por España tres estacións navais nas Carolinas, Marianas e Palau, segundo o artigo 31 do tratado hispano-alemán de 1899. Convencido do seu descubrimento, pediu a concesión de instalacións en Saipán, Yap e Koror. Meses máis tarde, en outubro, abriu unha segunda fronte, e «denunciou» que quedaban catro illas na zona nas que a soberanía correspondería a España, porque se olvidaron de incluílas no tratado xermano-español de 1899. En 1950 publicou o libro Territorios de soberanía española en Oceanía coas súas investigacións. O 12 de xaneiro de 1949 chegouse a tratar a cuestión da soberanía destas illas nun Consello de Ministros presidido por Franco pero, como se asegurou no mesmo:[1]
...que mentres non se aclare o asunto, procede esperar antes de efectuar xestión nigunha cos Estados Unidos ou coas potencias amigas que forman parte da ONU, xa que España non ten contactos coa ONU e sería esta a que tería que resolver sobre a sorte definitiva desas illas de Micronesia que perteneceron ao Xapón.
Porén, un ditame de 4 de xaneiro de 1949 da asesoría xurídica do Ministerio de Asuntos Exteriores estimou que calquera hipotético dereito de España sobre ditas illas quedara destruído polos réximes de fideicomiso posteriores, que eran os ocorridos tras a I Guerra Mundial co traspaso de ditos territorios ao Xapón e, tras a segunda guerra mundial, coa súa atribución aos Estados Unidos».[2]
En 2014, o Goberno concluíu toda especulación sobre o mantemento de posesións españolas no Pacífico a través dunha resposta parlamentaria a un deputado. Baixo o seu criterio, España cedeu en 1899 todas as prazas que lle quedaban por entón nese océano.[2][3] Engade que «tradicionalmente ditas illas estiveran vinculadas ás Carolinas e había que entender que se se cederon aquelas, tamén se cedeeron estas»,[2] e «a actitude española entre 1899 e 1948 mostra que a intención de España ao asinar o tratado con Alemaña era traspasarlle todas as súas posesións no Pacífico»,[2] ademais «resultaría pouco coherente que España houbera querido ceder as Carolinas, as Palaus e as Marianas, pero se houbera reservado a soberanía sobre uns cantos illotes de escaso valor económico sobre os cales nunca exercera a súa soberanía de facto»,[2] polo que termina con toda a especulación sobre o mantmento de posesións españolas no Pacífico, conclíndo que España non conserva a soberanía de ningunha illa no Pacífico.[2]
Actualmente Mapia está baixo soberanía de Indonesia; Kapingamarangi, Ulithi e Nukuoro baixo soberanía dos Estados Federados de Micronesia e Rongerik encóntrase baixo control das illas Marshall.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ [1] Micronesia Española, Islas españolas en el Pacífico., LQT Defensa, 3 de marzo del 2012.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 El Gobierno zanja toda especulación sobre el mantenimiento de posesiones españolas en el Pacífico, Europa Press (20/04/2014)
- ↑ Las islas hispánicas perdidas por todo el mundo, ABC (29/09/2016)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gaceta de Madrid, Tomo II, páxina 905 o 13 de xuño de 1899, número 164.
- Gaceta de Madrid, Tomo II, páxina 151 o 29 de xuño de 1899, número 180.
- Gaceta de Madrid, Tomo III, páxina 1 o 1 de xullo de 1899, número 182.
- Pastor y Santos, Emilio. Territorios de soberanía española en Oceanía. IDEA, Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Madrid, 1950.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Texto do Tratado xermano-español de 1899.
- "El Pacífico, en español" — Sociedad Geográfica Española.