The Watts Prophets

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Watts Prophets son un grupo de músicos e poetas do barrio de Watts, nos Ánxeles, California. Ao igual que os seus contemporáneos de Nova York, The Last Poets, a súa música combinaba elementos do jazz con spoken word feito que os fai ser considerados como un dos grupos fundamentais no nacemento do hip hop. Os Prophets formáronse no ano 1967, sendo os seus membros orixinais Richard Dedeaux, o Padre Amde Hamilton (Anthony Hamilton) e Otis O'Solomon.

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes da banda hai que procuralas no Watts Writers Workshop, institución creada por Budd Schulberg no contexto de efervescencia cultural do barrio que seguiu aos grandes disturbios de Watts de 1965. Como expón Jeff Chang: Watts era a nova Mecca Negra, un espazo de vitalidade creativa tan rica como o fora Harlem nos anos ‘20.[1] E é que, logo dos enormes estragos que seguiron ás revoltas do 65, o movemento nacionalista negro orientouse cara á acción cultural.

Foi precisamente neste contexto cando se fundou o Watts Writers Workshop e foi aló onde se coñeceron e comezaron a colaborar Hamilton, Dedeaux e O'Solomon. O seu estilo combinaba un acompañamento musical que bebía do jazz da época e, en menor medida, do R&B, cunha declamación rápida e incendiaria dos seus textos. Neste estilo, tan próximo ao dos seus coetáneos The Last Poets, as letras adquirían unha importante dimensión sendo de destacar o seu contido de crítica social e política que os levou a adquirir sona entre a militancia política. A súa actividade levounos a ter certo éxito entre o público local principalmente, e a compartir escenario con grandes figuras como Funkadelic, Richard Pryor ou Earth, Wind & Fire, e a gravar con Quincy Jones. Nestes primeiros anos de actividade gravaron dous álbums: The Black Voices: On the Streets in Watts (1969) e Rappin' Black in a White World (1971). No primeiro amosan un son máis duro e está dominado por unha atmosfera máis densa que se reflicte nunha maior influencia do free jazz e por un acompañamento de percusión minimalista. No segundo uniuse á banda Dee Dee McNeil, unha autora de cancións que traballara para a Motown e que se trasladara a Watts naqueles anos. Este álbum supón o seu maior éxito artístico, cun sentimento blues que acompaña a todas as pezas do disco transmitido grazas a un acompañamento musical dominado polo contrabaixo e o piano. Como curiosidade é de destacar que esta é a primeira vez na historia que alguén utiliza a palabra rap para describir unha maneira de cantar/recitar.

No cumio da súa carreira realizarase un documental sobre eles, Victory Will Be My Moan, que será nomeado para os Emmy. Tamén van gañar gran sona e respecto en Xamaica grazas a unha serie de factores. En primeiro lugar un poema de O'Solomon titulado Hey World! e, en segundo lugar, debido ao feito de que Hamilton se ordenase sacerdote da Igrexa Ortodoxa Etíope (e, como tal, bautizou a Nina Simone). Grazas a esta repercusión na illa caribeña entrarían en contacto con Bob Marley e comezarían a gravar un disco para o seu selo discográfico Tuff Gong, se ben a repentina morte de Marley dará ao traste con este proxecto. Amde Hamilton pode ser visto interpretando un pequeno poema no funeral de Marley en 1982, recollido no filme documental de Alan Greenberg Land of Look Behind (1982).

A partir de aquí comezou unha etapa de case total inactividade na que só fixeron actuacións esporádicas. O poema "Hey World!" apareceu no segundo disco de Ziggy Marley and the Melody Makers en 1986 e Hamilton participou na gravación do tema central do álbum Multi-Kulti de Don Cherry.

A década de noventa verá o renacer da banda grazas á reivindicación do seu legado por parte das novas xeracións crecidas co hip hop. A comezos da década artistas como Dr. Dre, DJ Quik, DJ Shadow, Digable Planets e Too Short redescubriron as súas gravacións e empregáronas en samplers. O fotógrafo Brian "B+" Cross entrevistounos para o URB Magazine e o seu libro It's Not About A Salary. Neste novo contexto os Watts Prophets volverían a actividade colaborando con vellos e novos artistas do jazz e o hip hop. Así naceu en 1997 un novo álbum da banda na que rexistran vellos e novos poemas, colaborando con músicos como Dj Quik, Xcel, Ras Michael ou Horace Tapscott. Xa máis recentemente, en 2005, apareceu unha compilación, Things Gonna Get Greater: The Watts Prophets 1969-1971, que reunía os seus dous primeiros discos facéndoos máis accesíbeis para as novas xeracións.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • The Black Voices: On the Streets in Watts (1969)
  • Rappin' Black in a White World (1971)
  • When the 90's Came (1997)
  • Things Gonna Get Greater: The Watts Prophets 1969-1971 (compilación dos dous primeiros álbums, 2005)

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Notas interiores do álbum compilatorio Things Gonna Get Greater: The Watts Prophets 1969-1971(2005)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cross, Brian (1993). It's Not About a Salary: Rap, Race, and Resistance in Los Angeles. The Haymarket series. Londres e Nova York: Verso
  • Chang, Jeff. Can't Stop Won't Stop: A History Of The Hip-Hop Generation.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]