Doctor Sleep (comercializado tamén co título Stephen King's Doctor Sleep) é un filme estadounidense de 2019 dirixido por Mike Flanagan. Baséase na novela homónima de 2013 escrita por Stephen King, unha secuela doutra novela de King, The Shining. O filme, que tamén é unha secuela directa do filme The Shining, dirixido por Stanley Kubrick, está ambientado varias décadas despois dos eventos da historia orixinal e mestura elementos da novela de 1977 tamén. Doctor Sleep foi escrito, dirixido e editado por Mike Flanagan, e está protagonizado por Ewan McGregor como Danny Torrance, un home con habilidades psíquicas que tenta superar os traumas da súa nenez. Rebecca Ferguson, Kyliegh Curran e Cliff Curtis intepretan os papeis secundarios.[1][2] No filme, un xa adulto Dan Torrance debe protexer unha rapaza con poderes semellantes dun culto coñecido como "The True Knot", que cazan nenos con habilidades psíquicas para permanecer inmortais.
Warner Bros. Pictures comezou a desenvolver unha adaptación cinematográfica de Doctor Sleep pouco despois de que a novela fose publicada no ano 2013. O produtor e guionista Akiva Goldsman escribiu un guión, mais o estudio non asegurou un orzamente para o filme até o éxito de recadación do filme de terror It, que tamén está baseado nunha novela de King. Flanagan foi contratado para reescribir o guión de Goldsman e para dirixir o filme. Flanagan dixo que o filme tentaría reconciliar as diferenzas entre a novela e o filme de The Shining. A rodaxe comezou en setembro de 2018 en Xeorxia, incluíndo Atlanta e as áreas limítrofes, e rematou en decembro de 2018.
Warner Bros. Pictures lanzou Doctor Sleep en todo o mundo a partir do 31 de outubro de 2019, e nos Estados Unidos o 8 de novembro de 2019. O filme recibiu valoracións positivas por parte da crítica, que louvou as interpretacións e a atmosfera, mais con certas reticencias pola súa duración.[3] Cunha recadación de $72 millóns en todo o mundo, a súa acollida polo público foi considerada decepcionante en comparación co éxito doutras adaptacións de novelas de King como It Chapter Two e Pet Sematary.[4]