Terra (1923)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Terra
Idearium da I.N.G. n’America do Sul

Terra. Idearium da I.N.G. n’America do Sul. Cabeceira do voceiro
Fundación25 de xuño de 1923
RemataOutubro de 1923
DirectorRamiro Isla Couto
FundadorRamiro Isla Couto e Eduardo Blanco Amor
ColaboradoresVicente Risco
Teixeira de Pascoaes
Alfonso R. Castelao
Xaime Quintanilla
Ramón Cabanillas
Antón Villar Ponte
Phileas Lebesgue
Leonardo Coimbra
Alexandre de Córdova
Victoriano Taibo
Francisca Herrera Garrido
Arturo Noguerol
Johan V. Viqueira
Antón Lousada Diéguez
Xulio A. Cuebillas
Femín Bouza Brey
Tendenciagaleguista
Linguagalego
editar datos en Wikidata ]

Terra foi unha revista publicada en Buenos Aires en 1923.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Subtitulada Órgano da Irmandade Nacionalista Galega de América do Sul e Boletín da cultura galega, apareceu o 25 de xuño de 1923. Foi a primeira publicación redactada integramente en galego da comunidade emigrante. De carácter nacionalista e cunha vocación normalizadora, foi fundada por Eduardo Blanco Amor e Ramiro Isla Couto, que foi o seu director. Editou só cinco números que contaron coas colaboracións de relevantes persoeiros da cultura galega na Arxentina.

Esta publicación de carácter nacionalista foi editada pola Irmandade Nazonalista Galega, na que colaboran importantes personalidades galeguistas como Ramiro Isla Couto, Eduardo Blanco Amor, Miguel Revestido, Xavier Insua, Arturo Carril, Vicente Risco, Castelao, etc. Contén artigos sobre a cultura e a historia de Galicia, colaboracións literarias de autores galegos e portugueses («Os nosos poetas», «Letras irmáns»), e información sobre as actividades realizadas dentro da colectividade («Da causa» e «De Nós»).[1]

A través de Terra ollamos como Galiza é vista como un país refén do poder centralista español, así como dun caciquismo que lle era funcional ao establishment hispánico. Esta realidade remontaríase, a dicir dos editores da publicación, a finais do século XV, cando se iniciaría o proceso de «doma y castración del Reyno de Galicia», no marco da tentativa isabelina de dominación do conxunto da Península Ibérica. Aseverándose que o caciquismo non é un fenómeno propiamente galego, senón que «...é un artigo d’importación que chegou a ela [a Galiza] envolto nas follas das leises que pra nos fixeron en Madrid, e un regalo máis que debemos a Castela» [2].

Así mesmo, a maioría dos emigrantes serían vistos como uns descastados, indicándose que: «Os galegos de América (...) tan amantes da súa terra (...) están contribuíndo co seu diñeiro e coas súas iniciativas a que Galiza desapareza pra sempre ausorvida pol-os seus dominadores (...)» , dado que malia os galegos de América sosteren escolas sosterase en Terra que: «a escola particular pagada pol-os americáns ten idéntica oientación, igual titmo espiritual qu’a escola pagada pol-o Estado da que é unha autiva colaboradora nas súas tarefas antigalegas».[2]

Periodicidade[editar | editar a fonte]

O 21 de xuño de 1923 sae o primeiro número de Terra. Idearium da ING n’América do Sul. A experiencia desta revista pioneira durou tan só cinco meses até outubro por mor da falla de colaboración desde Galicia, da indiferenza dos galegos de América, e o atraso na publicación do derradeiro número por “causa das moitas ocupaciós do noso Redautor Xefe Eduardo Blanco Amor que non poido adicarlle tod-á atención debida”[3]. De feito, Ramiro cargou cos gastos de imprenta e apenas se recadaron os cartos das subscricións nin da publicidade por estar feita en galego

Nacemento da revista[editar | editar a fonte]

Antes de que se constituíse formalmente a ING, saíu do prelo o 21 de xuño de 1923 o primeiro número de Terra. Idearium da ING n’América do Sul. A xefatura de redacción correspondeu a Eduardo Blanco Amor, mentres que Ramiro asumía a dirección e a redacción das “Notas da Causa” e da bibliografía. Alimentada na súa maior parte desde Galicia coas colaboracións dos persoeiros nacionalistas, a revista aspiraba a ser unha versión do boletín Nós na Arxentina. Terra significouse como a primeira revista política e cultural escrita integramente en galego en Bos Aires e como a primeira exposición seria do nacionalismo galego alén mar. Nas súas páxinas Risco expuxo as bases doutrinais da ING e Blanco Amor subliñou expresivamente a pureza ideolóxica do grupo bonaerense e o seu afastamento do inxel “galleguismo americano”, do saudosismo e das “chorimicadas morriñosas, coas sempre falsas e decotes noxosas”.[4]

A novidade do nacionalismo risquián que representaba Terra e a ING xerou críticas e distanciamentos por parte de vellos e “virís” membros de “A Terra”, como Miguel Revestido, que a cualifica de “publicación cursi y neurasténcia, plena de pedantería” e aos seus creadores como “innovadores de un nacionalismo que ni Dios entiende” e como “cuatro niños insípidos agrupados ante la mesa de un café, [que] hablaban de regeneraciones y de problemas gallegos proclamándose enfáticamente representantes oficiales de una doctrina demasiado grande para albergarse en sus cerebros amorfos”.

O 4 de agosto de 1923 constitúese formalmente a delegación da ING ao berro de “Galiza ceibe”, contando con 16 membros en Bos Aires, dos cales catro eran os curmáns Couto. Non obstante, a instauración en setembro da Ditadura de Primo de Rivera en España provocou o esmorecemento da ING en Galicia e a desorientación da súa delegación na Arxentina. No remate do ano 1923 esta comezara a debilitarse e a mergullarse nun proceso de crise interna. Esta breve experiencia representou a difusión do nacionalismo na Arxentina e da concepción de Galicia como nación, fronte ao rexionalismo tradicionalista promovido desde os centros e sociedades galegas.

Integrantes da revista, colaboradores e sumario.

Integrantes da revista[editar | editar a fonte]

Colaboradores[editar | editar a fonte]

Na revista Terra. Idearium da I.N.G. n’America do Sul colaboraron os seguintes intelectuais:

Revista Terra primeiro número.

Características e estrutura[editar | editar a fonte]

Nos 5 exemplares da revista Terra aparecen varios tipos de composicións.

  • En todas elas aparece unha páxina onde figuran a directiva e os colaboradores (artísticos e literarios).
  • Un sumario cos contidos de cada número.
  • Os anuncios (en galego).
  • E composicións como ensaios reivindicativos, contos, relato curto, poesía, etc.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Información sobre a Revista Terra". ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA (CCG). Consultado o 9 MARZO 2017. 
  2. 2,0 2,1 "Ramiro Isla Couto pioneiro do nacionalismo". Consultado o 18 marzo 2017. 
  3. Blanco Amor; Isla Couto (Xaneiro 1923.). "Terra. Idearium da I.N.G. n’America do Sul". Terra. 
  4. "Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar". Consultado o 18 marzo 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Santos Gayoso, Enrique (1990). Do Castro, ed. Historia de la Prensa Gallega 1800-1986. Sada. ISBN 84-7492-489-8. 
  • Fernández Pérez-Sanjuliá, Carmen (2011) Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936. ISBN 978-84-9749-506-6

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]