Teatro Circo Emilia Pardo Bazán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°22′10″N 8°23′57″O / 43.369524, -8.39923

Teatro Circo Emilia Pardo Bazán
Teatro Circo Emilia Pardo Bazán

O Teatro Circo Emilia Pardo Bazán foi un centro de representación escénica situado na cidade da Coruña. Foi inaugurado o 11 de abril de 1903 e demolido en 1915.

Historia[editar | editar a fonte]

Sede da autoridade portuaria da Coruña, no soar en que estivo situado o Teatro Circo

O Teatro Circo Emilia Pardo Bazán foi deseñado polo arquitecto bilbaíno Atanasio Anduiza modificado por Pedro Mariño.[1][2] Localizábase na avenida da Mariña, en terreos do porto, onde entre 1888 e 1901 estivo situado o Circo Coruñés.[1] Inicialmente íase chamar Teatro Circo Concepción Arenal, mais o fillo da homenaxeada rexeitou a idea.[1] O 15 de abril de 1902, o presidente da sociedade do teatro, Juan Rodríguez Montero, informou do nome definitivo, dedicado a Emilia Pardo Bazán.[2]

A inauguración tivo lugar o 11 de abril de 1903 coa obra La Tempestad. Xa durante ese ano ofrecéronse tamén sesións de cinema.[3]

O Teatro Circo estaba situado xunto ao municipal Teatro Principal e para evitar a competencia na concesión incluíronse cláusulas en favor do teatro municipal.[2] Por este motivo, viuse obrigado ao peche e o 4 de decembro de 1912 aprobouse a súa adquisición para convertelo na Escola Superior de Comercio. Finalmente, o 15 de setembro de 1915 o concello aprobou a demolición do teatro.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

O edificio medía 50 metros de lonxitude e 30 metros de largo.[2] A fachada estaba inspirada nos teatros italianos, cun frontón triangular sustentado por columnas de estilo corintio e un pórtico para gorecer o público.[2] A pista contaba con 450 butacas,[2] e a capacidade total era de 1800 espectadores.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Fernández, Carlos (16-10-2004). "Aquellos teatros desaparecidos". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). Consultado o 29-08-2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Fernández Caamaño, J.M. (28-12-2004). "Los diez años del teatro circo Emilia Pardo Bazán". El Ideal Gallego (en castelán). Consultado o 29-08-2021. 
  3. González Catoyra 1994, pp. 19-20.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]