Teófilo Caamaño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Teófilo Caamaño
Nome completoTeófilo Caamaño Caamaño
Nacemento1912
 Carnota
Falecemento1997
 A Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmariño
editar datos en Wikidata ]

Teófilo Caamaño Caamaño, nado en Carnota en 1912 e falecido na Coruña en 1997, foi un mariñeiro e guerrilleiro antifascista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha humilde familia mariñeira, Teófilo navegou desde moi novo no barco de tres paus do seu pai, primeiro transportando pasaxeiros polo litoral da Costa da Morte, e logo subministrando tella ás súas poboacións costeiras.

De ideoloxía declaradamente galeguista e de esquerdas, no ano 1936 foi sorprendido atopándose nun mercante en Melilla polo golpe de estado de Francisco Franco e estivo a piques de ser fusilado. Enrolado pola forza na Lexión, valeulle para cruzar o estreito para unirse á resistencia republicana.

Derrota republicana[editar | editar a fonte]

Trala derrota do bando republicano, Teófilo conseguiu escapar por mar a Francia, onde o sorprendeu o estoupido da Segunda Guerra Mundial atopándose nun dos varios campos de refuxiados polos que pasara, uníndose á resistencia francesa contra os nazis e sendo apreixado e retido máis tarde no campo de concentración de Mauthausen, de onde tamén logrou escapar a nado se ben perdeu nela a familia directa que tiña. Finalmente, e xa enrolado na guerrilla dos maquis, Teófilo formou parte da 2ª División Blindada de Francia Libre, tamén coñecida por división Leclerc, a primeira columna aliada que entrou vitoriosa en París trala súa liberación en agosto de 1944, o que lle valeu numerosas distincións militares.

Regreso clandestino a España[editar | editar a fonte]

Máis tarde, conseguiu atravesar clandestinamente a fronteira franco-española para rematar traballando -de xeito sempre temporal- nos labores e nos lugares máis diversos. Durante unha das súas viaxes, no ano 1975 coñece a Amancio Prada en Segovia, co que trabou unha forte amizade persoal. O intenso sentimento de morriña de Teófilo levouno a compartir co cantautor leonés as súas memorias e sobre todo os relatos, coplas e cantares da súa terra natal de Carnota que mantiña frescos na memoria, e moitas das cales se verían reflectidas na obra de Amancio Prada, e en especial nos álbums Caravel de Caraveles[1] e De mar e terra[2]. Dedicoulle estas palabras:

"[Caravel de Caraveles] dediqueillo a Calila porque moitas das súas coplas ensinoumas ela; outras lembrábaas da miña infancia e non poucas aprendinas de Teófilo Caamaño. Teófilo foi un trotamundos marabilloso que coñecín un día de verán daquel mesmo ano do 75, aos poucos días de chegar a vivir a Segovia, paseando ao anoitecer pola Alameda do Eresma."[3]

Os últimos anos da súa vida pasounos no total esquecemento nunha residencia de anciáns de Segovia. Tras a súa morte no ano 1997, a familia que lle quedaba en Carnota fixo unha colecta para sufragar o retorno do corpo de Teófilo á súa terra natal, e o enterro no cemiterio da localidade. En nadal de 2001 o Concello de Carnota rendeulle unha homenaxe cun recital poético[4].

Teófilo na obra Escapado[editar | editar a fonte]

En 2009 Luis Lamela publica "Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón"[5], unha obra narrativa inspirada na represión franquista na Costa da Morte durante os primeiros compases da Guerra Civil, na que o protagonista principal chámase Teófilo Caamaño Formoso. Porén, trátase dunha obra de ficción e os feitos desa personaxe non se corresponden cos da vida de Teófilo Caamaño Caamaño.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Amancio Prada (Maio de 1976). Caravel de caraveles. 
  2. Amancio Prada (1999). De mar e terra. Coplas de tradición oral. 
  3. Amancio Prada. "Fotos y Canción con Calila.". Consultado o 28/09/2015. 
  4. J.M.Sande. "La programación navideña de Carnota incluye teatro, poesía, música y dos exposiciones". La Voz de Galicia. Consultado o 28/9/15. 
  5. Lamela, Luis (2009). Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón. Xerais. ISBN 978-84-9914-019-3.