Tarántula
As tarántulas son as arañas máis grandes da familia licósidos (Lycosidae), especialmente membros do xénero Lycosa como L. tarantula. Os colonizadores do Novo Mundo pasaron a chamar tarántulas ás arañas moito máis grandes, das familias americanas Theraphosidae e Dipluridae. Na lingua inglesa a palabra tarantula reférese só a estas últimas e aos licósidos chámanlles wolf spiders (arañas lobo).
Características
[editar | editar a fonte]As da familia Theraphosidae caracterízanse por teren patas longas que acaban en poutas, e o corpo revestido de pilosidade. Habitan rexións temperadas e tropicais de América, Asia, África e Oriente Medio. Cando aínda están a medrar, pasan por unha fase na que mudan a pel (ecdise). Contrariamente a outros arácnidos, as tarántulas non producen veleno, se ben os pelos das súas costas e abdome segregan substancias urticantes se se senten ameazadas. O seu tamaño medio está entre 15 e 25 centímetros (coas patas estendidas), pero existen especies que poden acadar maiores dimensións, como a Teraphosa blondi, que vive na América do Sur.
O nome procede do italiano tarantola e alude á cidade de Taranto, na Puglia, rexión italiana meridional que posúe un clima mediterráneo seco que permite que sexan abundantes estas arañas. A súa popularidade ten que ver co efecto supostamente mortal da súa picadura, que en realidade non é tan grave coma a dun par de arañas máis pequenas, Loxosceis rufescens e Latrodectus tredecimguttatus (viúva negra), que tamén se encontran na rexión. Supúñase que unha axitación constante como a que produce a picadura (tarantismo) era a forma apropiada de combater os seus efectos e deuse en chamar tarantela a certa danza que ten un ritmo veloz semellante a eses movementos. Atribuíase a Pirro, rei do Epiro, importar a araña desde o seu país de orixe (no norte de Grecia) como unha forma de guerra biolóxica na súa contenda cos romanos.