Takiji Kobayashi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Takiji Kobayashi
Takiji Kobayashi photograph, sitting.jpg
Nacemento13 de outubro de 1903
Lugar de nacementoŌdate
Falecemento20 de febreiro de 1933
Lugar de falecementoToquio
NacionalidadeXapón
Alma máterOtaru University of Commerce
Ocupaciónescritor e novelista
Coñecido porO caranguexeiro
Na rede
IMDB: nm0462065 WikiTree: 小林-18 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Takiji Kobayashi (小林 多喜二), nado o 13 de outubro de 1903 e finado o 20 de febreiro de 1933, foi un escritor xaponés de literatura proletaria. É coñecido sobre todo pola súa novela curta Kanikōsen, publicada en 1929, na que narra a dura vida de pescadores e mariñeiros a bordo dun cargueiro así como o inicio da súa revolta contra a compañía e os seus xestores.

Vida[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu en Ōdate no seo dunha familia traballadora, que en tempos pasados gozara dunha posición acomodada. Aos catro anos mudouse a Otaru, na illa de Hokkaido, trala morte do seu irmán primoxénito[1]. Nesta cidade, centro industrial e administrativo moi activo, foron acollidos inicialmente por un tío paterno. Sendo neno, foi testemuña das condicións de escravitude que padecían os obreiros que traballaban na construción dun novo porto[1]. Kobayashi axudaba ó seu tío nos negocios familiares, e tras rematar a escola comezou os estudos de comercio. Durante un tempo, foi atraído cara a pintura. Formou un pequeno círculo e mesmo chegou a participar nalgunha exposición mais tivo que deixalo trala oposición do seu tío[1]. Finalmente dirixiu os seus intereses cara a narrativa.

Formación e activismo[editar | editar a fonte]

Na escola de Comercio entrou en contacto con diversas personaxes coma Sei Ito ou o profesor Nobuyuki Okuma[1]. Foi unha época de aprendizaxe literaria, de estudos sobre o Marxismo, así coma de filiación sindicalista[2]. No ano 1923 participou nunha colecta a beneficio das vítimas do terremoto de Kanto e ademais comezou unha relación epistolar co escritor e editor Naoya Shiga[1]. Tras graduarse comezou a traballar coma empregado de banca, ó mesmo tempo que iniciaba o seu activismo político ou dirixía a edición xaponesa adscrita ó movemento pacifista Clarté[1]. En decembro de 1928 produciuse a primeira votación universal para elixir a Asemblea Nacional. Kobayashi participou activamente a prol do Partido Laborista Campesiño, ó cal obtivo os seus primeiros representantes. Ante o ascenso da esquerda, o primeiro ministro Giichi Tanaka, ordenou o 15 de marzo do mesmo ano a detección e tortura de milleiros de persoas desta ideoloxía. Este episodio foi descrito por Kobayashi na súa obra 15 de marzo de 1928, que apareceu por entregas nos meses de novembro e decembro e sendo considerada polo autor coma a súa primeira verdadeira obra[1]. Posteriormente no 1929, publicou Kanikōsen onde describía as duras condicións de vida e traballo dos pescadores no Mar de Okhotsk. Inmediatamente prohibiuse a súa distribución, converténdose nun éxito de vendas. Grazas a este éxito, recibiu un encargo da revista Chuo Koron para escribir unha nova novela (co título de Absentista en castelán) centrada na vida dos campesiños na illa de Hokkaido[1]. Nela describiase a explotación inxustificada dos campesiños polo banco no que el mesmo traballaba. Debido a isto foi despedido. Dende entón centrouse na súa actividade literaria e na redacción de O Camarada onde describía a loita duns traballadores dunha fábrica de armamento por unhas condicións dignas. Apareceu por entregas nos números de abril, maio e xuño na revista Kaizo no 1930[1]. Tras a publicación destas dúas obras Higashi-Kutchan kō e Kanikōsen acadou gran relevancia, sendo con Tokunaga Sunao un dos máximos representantes da literatura proletaria nipona[2].

Traslado a Toquio[editar | editar a fonte]

En 1930 trasladouse a Toquio. Instalouse no barrio de Nakano e concentrouse na escritura e asociouse ó grupo coñecido coma Liga dos Escritores[1]. Publicou novelas e ensaios centrados nos movementos revolucionarios. Participou en conferencias por todo o país, sendo detido en Osaka, acusado de ofrecer apoio económico ós comunistas.[1] Liberado, volveu ser detido en Toquio. Na prisión estableceu unha relación epistolar con Naoya Shiga, ó que visitou trala súa liberación no outono do 1931[1]. No mesmo ano 1931 afiliouse ó partido comunista[2]. En setembro do 1931, a temática da súa obra virou cara o pacifismo coma resposta á invasión de Manchuria por parte do exercito imperial xaponés. Co comezo da guerra, a represión endureceuse, especialmente sobre os autores ligados ó Comunismo ou críticos co réxime[1]. Kobayashi puido escapar, e na clandestinidade comezou a escribir a súa obra Xente do barrio.

Morte[editar | editar a fonte]

Foi detido cara o mediodía do 20 de febreiro do 1933 no distrito de Akasaka. Morreu o mesmo día cara as oito da tarde, despois de ser torturado pola polícia de Tokkō. Tiña no momento da súa morte 29 anos.[3]. Oficialmente a causa da morte foi un paro cardíaco, mais ningún hospital se atreveu a realizar a autopsia, a pesar dos indicios evidentes de torturas[1]. Hoxe en día existe un consenso respecto á súa morte, derivada das torturas sufridas a man da policía imperial[2].

Obras[editar | editar a fonte]

  • Higashi-Kutchan kō, 1928
  • Kanikōsen, 1929
  • Fuzai jinushi, 1929
  • Tōseikatsusha, 1932

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Kobayashi, Takiji (Xuño de 2021). Kanikosen. Traducido por Yoko Ogihara e Fernando Cordobés e Ilustrado por Go Fujio (1ª ed.). Gallo Nero. ISBN 978-84-941087-7-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Kobayashi, Takiji (Maio de 2021). O caranguexeiro. Traducido por Gabriel Álvarez Martínez (1ª ed.). Santiago de Compostela: Hugin e Munin. ISBN 978-84-121280-4-8. 
  3. Persoeiros de Minato (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]