Taiyuan
Coordenadas: 37°52′10″N 112°33′37″L / 37.86944, -112.56028
Taiyuan (en chinés, 太原) é unha cidade da China, capital da provincia de Shanxi. Contaba con 2 727 646 habitantes en 2005 (3 400 000 contando coa área metropolitana).
Historia[editar | editar a fonte]
Jinyang[editar | editar a fonte]
A fundación data do 497 a.C., cando o final do período das Primaveras e Outonos da dinastía Zhou iba a dar paso ao dos Reinos combatentes. Precisamente coma praza forte do futuro reino de Zhao foi fundada co nome de Jinyang polo líder desa familia aristocrática, Zhao Jian Zi, e a guerra que deu nacemento ao seu estado tivo lugar coa cidade coma protagonista dun famoso asedio no que foi asolagada (Batalla de Jinyang, 455 a.C.). Despois e ata o 386 a.C. foi a primeira capital de Zhao.
Jinyang era unha cidade rectangular fortificada situada no límite suroeste da metrópole actual[1]. Xa na época imperial e coa reorganización administrativa do país, durante as dinastías Qin e Han foi o centro do condado ou comandancia de Taiyuan e despois capital da provincia de Bing (Bingzhou) e tamén foi coñecida por eses nomes. No ano 307, durante o dominio da dinastía Jin Occidental experimentou a primeira grande expansión (14 km de perímetro[1]).
O seu ascenso no século VI tivo lugar durante o período das Dinastías Meridionais e Setentrionais. En concreto cos Wei Orientais en 545 constrúese un primeiro pazo e xa cos Qi Setentrionais en 567 unha cidade enteira palaciana (Daming). O cénit chegou no tempo das dinastías Sui (novas expansións ou "cidades dentro da cidade" en 589 e 596) e Tang (séculos VII ao X, coa grande expansión occidental[1]) sempre mantendo o status de capital secundaria e unha das cidades máis importantes do imperio (tras Changan e Luoyang). Foi entón cando todas esas ampliacións, novas cidades e recintos palacianos a engrandeceron política e culturalmente. Asemade foi un foco budista e creáronse grandes imaxes de Buda e templos esculpidos na rocha ao suroeste da cidade.
De feito unha cidade tripla[2], seica cunha desviación do curso do río Fen polo medio, a occidental (palaciana) contiña a súa vez outras tres fortificadas de seu (Daming, Xin ou Nova e Cangcheng). O enteiro complexo foi unificado no tempo dos Tang nun único organismo urbano coa construción de pontes entre as cidades occidental e oriental a través da central de ribeira[3][4].
Destrución e nova cidade[editar | editar a fonte]
No ano 979 o emperador Taizong, segundo da dinastía Song, mandou queimar e asolagar de novo Jinyang (por entón capital das dinastías de pobos turcos que ocuparon brevemente o poder na caída dos Tang) prohibindo a ocupación futura do seu soar. Unha primeira cidade provisional dez quilómetros ao leste serviu para aloxar a poboación (Song Jianpin Jincheng[1]).
A nova cidade, Songcheng foi erixida en 982 na ourela oriental augas arriba do río Fen, no sitio da urbe actual[1]. De dimensións modestas comparada con Jinyang tamén a súa importancia declinou[5]. Volveu ser capital de prefectura en 1059 e de comandancia en 1107. Construíuse ademais un complexo de templos (Jin Ci) nas aforas. O Templo Fang ou das Deusas, o máis antigo conservado, é de 1023 e foi reconstruído en 1102[6].
Dende 1125 as frecuentes guerras e a ocupación mongol da dinastía Yuan supuxeron unha época de destrucións e estancamento cando cambiou varias veces de nome e status.
Taiyuan Ming[editar | editar a fonte]
En 1383, trala chegada da dinastía Ming (e por decisión dun fillo do primeiro emperador), a cidade experimentou unha grande expansión ao nordeste que cuadriplicou a súa superficie[1]. Retomouse o antigo nome de Taiyuan e adquiriu de novo unha importante relevancia coma capital da provincia de Shanxi (soamente tras Pequín no norte do río Yangtzé) cunha forte artesanía e industria da fabricación de armas. Erixíronse un gran pazo Ming, o mosteiro budista Chongshan e o icónico templo das Pagodas Xemelgas (1608, ao sueste, no exterior da muralla).
Arrodeada dunha muralla cuadrangular de 12 km de perímetro e 12 metros de altura con oito portas monumentais que foi reconstruída en 1568[7], a súa estrutura non cambiou ata a segunda metade do século XX, cando se derrubaron as murallas, manténdose durante a época Qing (1644-1911) coma unha importante cidade comercial do norte da China[8]. Así mesmo no século XIX tivo un incipiente desenvolvemento industrial apoiado nos inxentes xacementos de minerais da rexión, e foi incluso un centro financeiro do país.
Século XX[editar | editar a fonte]
Precisamente pouco antes do establecemento da república a crise da banca local en Shanxi levou a serios problemas económicos á cidade compensados pola súa conexión ferroviaria co eixo troncal Pequín-Wuhan (1907[9][10]). En 1911 cambiou o nome por Yangqu, e baixo o control dun "señor da guerra" ata a época da segunda guerra mundial experimentou un extensivo desenvolvemento industrial, continuado baixo a ocupación xaponesa (1937).
A industrialización incrementouse notablemente trala instauración da República Popular conformando Taiyuan (que recuperou o nome en 1947) coma un dos centros da industria pesada chinesa do carbón e do aceiro. Por este motivo pasou de ter 210 000 habitantes en 1949, aínda que maioritariamente concentrados no recinto histórico[11], a converterse nunha verdadeira metrópole (con 1 140 000h en 1980 e máis de 4 millóns na actualidade[cando?]) que se estende en ámbalas dúas ourelas do Fen comunicadas a través de varias pontes[12][13][14].
Cidades irmás[editar | editar a fonte]
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Documento sobre o sito arqueolóxico de Jinyang
- ↑ "Planta esquemática da cidade tripla de Jinyang". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Planta esquemática de Jinyang coa máxima extensión de murallas na época Tang". Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2014. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Recreación de Jinyang". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2014. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Planta esquemática da nova Taiyuan Song". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2013. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Planta de Songcheng Taiyuan capital de comandancia". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2013. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Planta da Taiyuan Ming nunha representación da época". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2013. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Planta da trama urbana de Taiyuan dentro de murallas; época Qing". Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2014. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Plano da cidade en 1907". Archived from the original on 05 de xullo de 2013. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Vista aérea da cidade na primeira metade do século, aínda fundamentalmente dentro de murallas". Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Mapa de Taiyuan en 1948 co recinto amurallado (demolido décadas despois para facilitalo tránsito) arrodeado de liñas de ferrocarril". Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Mapa esquemático de Taiyuan en 1966 coas primeiras extensións fora do recinto histórico e na outra beira do río Fen a través dunha primeira ponte". Archived from the original on 15 de xullo de 2012. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Plano do centro de Taiyuan coas pontes sobor do Fen, as tres superiores enmarcan o recinto histórico xa sen murallas". Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2015. Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ "Mapa da metrópole contemporánea". Archived from the original on 01 de setembro de 2011. Consultado o 20 de outubro de 2015.