Tabaré Vázquez
Tabaré Ramón Vázquez Rosas, nado en Montevideo o 17 de xaneiro de 1940 e finado na mesma cidade o 6 de decembro de 2020,[1] foi un político uruguaio, presidente do seu país desde o 1 de marzo de 2005 ata o 1 de marzo de 2010 e de novo dende marzo de 2015 ata 2020. Pertencía á Fronte Ampla.
Orixe
[editar | editar a fonte]Tabaré Vázquez tiña ascendencia galega, xa que o seu avó era orixinario de Ourense, e a súa avoa era oriúnda de Santiago de Compostela, emigrando ámbolos dous posteriormente ao Uruguai.[2]
Estivo casado con María Auxiliadora Delgado San Martín. Tiña 4 fillos (Ignacio, Álvaro, Javier e Fabián) e dez netos.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Médico de profesión, obtivo a licenciatura de Medicina no ano 1969 na Universidade da República, coa especialidade de oncoloxía e radioterapia no ano 1972. Ademais dirixiu o Departamento de Radioterapia do Instituto Nacional de oncoloxía do Uruguai e, no ano 1987 foi designado catedrático de oncoloxía e radioterapia.[4]
Entre 1979 e 1989 foi presidente do Club Atlético Progreso, un equipo de fútbol do seu barrio, La Teja, en Montevideo. Baixo a súa presidencia, Progreso gañou o título de campión da Primeira División en 1989. Ademais, valorou candidatarse á presidencia da Asociación Uruguaia de Fútbol pero non foi posible dado que a súa significación política espertou o rexeitamento doutros clubs[5].
Os seus comezos na vida política remóntanse ata o ano 1983 cando se afiliou ó Partido Socialista, sendo elixido no ano 1986 integrante do seu comité Central. Posteriormente, no ano 1989 o Frente Amplio designouno candidato a Intendente da capital uruguaia, gañando as eleccións o ano seguinte e sendo o alcalde da cidade entre os anos 1991 e 1995.[6]
Triunfou na elección presidencial o 31 de outubro de 2004, na que se presentaba como candidato pola coalición de esquerda Encuentro Progresista-Fronte Ampla-Nova Maioría, ao obter a maioría absoluta co 50,45% dos votos emitidos, transformándose no primeiro presidente esquerdista e rompendo coa hexemonía bipartidista do Partido Nacional e o Partido Colorado, que dominaran a historia política uruguaia dende 1830. Asumiu o seu cargo de Presidente Constitucional do Uruguai o 1 de marzo de 2005 e o seu mandato estendeuse até o 1 de marzo do 2010.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Morreu Tabaré Vázquez
- ↑ "Los mandatarios con raíces gallegas". La Voz de Galicia. 31/01/2019. Consultado o 28/06/2020.
- ↑ "Muere María Auxiliadora Delgado". BBC Mundo. 31/07/2019. Consultado o 29/06/2020.
- ↑ "Un oncologo de corazón". Sindicato médico del Uruguay. Consultado o 29/06/2020.
- ↑ ElPais. "Tabaré Vázquez, Progreso y la AUF: una presidencia exitosa y otra que se le escapó". Diario EL PAIS Uruguay (en spanish). Consultado o 2021-03-30.
- ↑ "Uruguay ficha país" (PDF). www.exteriores.gob.es. Consultado o 29/06/2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tabaré Vázquez |
Este artigo sobre unha personalidade é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |