Suzanne Ciani

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Suzanne Ciani
Suzanne Ciani 2012.jpg
Nacemento4 de xuño de 1946
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterWellesley College e Universidade de California en Berkeley
Ocupacióncompositora, tecladista e Produción musical
editar datos en Wikidata ]

Suzanne Ciani, nada o 4 de xuño de 1946, é unha compositora, pianista e pioneira no campo da música electrónica. É unha das primeira mulleres famosas no mundo da música New Age. Entre os recoñecementos que obtivo a súa obra salientan cinco nomeamentos aos premios Grammy e un Globo de Ouro.

Filla dun prestixioso cirurxián e neta de emigrantes italianos, Ciani é a terceira de seis irmáns. Desde moi nova sentiu interese pola música. Aos sete anos a súa nai levou para a casa unha colección de discos de música clásica e Suzanne impresionouse coas obras de Bach, Mozart ou Beethoven. Decidiu aprender a tocar o piano aínda que, ao non gustarlle demasiado o seu profesor, aprendeu solfexo sen ningunha axuda.

Inicios[editar | editar a fonte]

Sendo xa estudante no Wellsley College, Suzanne comezou a dividir o seu tempo entre a composición e a interpretación. Nesa época comezou tamén o seu interese pola tecnoloxía cando un profesor do MIT lle explicou que estaba intentando que un ordenador reproducise o son dun violín.

Tras a súa graduación no Wellsley College, Ciani trasladouse á Universidade de California, Berkeley na que seguiu estudando composición. Durante este período, finais dos anos 60, coñeceu tres dos fundadores da música electrónica: John Chowning, Max Matthews e Don Buchla. Comezou a traballar para Buchla soldando sintetizadores. Dedicou os seguintes dez anos da súa vida a explorar as posibilidades deste instrumento, que ela mesma construíu con diversas pezas que foi adquirindo e ao que chamou Buchla. Para Suzanne Ciani, a maxia do sintetizador radica na súa capacidade de producir sons que ningún outro instrumento pode crear.

Para poder ir ampliando o seu Buchla con novos compoñentes, Suzanne intentou conseguir un traballo como enxeñeira de son. Nesa época, principios dos anos 70, a tarefa resultou do todo imposíbel para unha muller. En 1974, Ciani decidiu trasladarse a Nova York e crear a súa propia compañía, Ciani/Musica, especializada en crear música e efectos sonoros para anuncios de televisión e videoxogos. Realizou anuncios para compañías como American Express, General Electric, Atari e Coca-Cola. Ciani conseguiu co seu sintetizador realizar o son dunha botella de Coca-Cola abríndose que se fixo moi popular. Creou numerosos temas e logos para a compañía de refrescos, como a música que acompañaba ao anuncio publicitario de "Unha Coca-Cola e un sorriso" (Have a Coke and Smile).

Fundou unha sociedade sen ánimo de lucro, a Electronic Center for New Music (Centro electrónico para a nova música) coa que intentaba promocionar as novas tecnoloxías no campo da música. A sociedade fracasou xa que os patrocinadores non confiaron nunha muller practicamente descoñecida que compuña cun instrumento pouco utilizado na época.

Primeiras gravacións[editar | editar a fonte]

Suzanne intentou entrar no mundo das discográficas, mais presentóuselle o mesmo problema: ninguén confiaba no sintetizador. Decidiu que ela mesma produciría a súa primeira gravación. Tardou dous anos en conseguilo, xa que o compaxinou co seu traballo en Ciani/Musica e tan só lle dedicaba as fins de semana. O álbum Seven Waves converteuse en número un no Xapón, primeiro país no que apareceu publicado pola compañía Victor Co..

O seu segundo álbum, Velocity of Love, foi publicado pola compañía norteamericana RCA en 1986. En 1987 firmou un contrato coa discográfica Private Music que durou uns cinco álbums. Esta compañía produciu o seu álbum Neverland que obtivo unha nominación aos premios Grammy.

Suzanne trasladouse outra vez a California para realizar o seu novo álbum, History of Heart. A compañía Private Music trasladouse tamén con tan mala fortuna que, no traslado, o disco se extraviou. Esta perda afectoulle moi e sentiuse incapaz de gravar un novo disco. Peter Baumman, propietario de Private Music, animouna a gravar un disco de piano clásico que se publicou co nome de Pianissimo e que contou co patrocinio da empresa Yamaha.

Retorno ás orixes[editar | editar a fonte]

En 1989, Ciani viaxou a Italia, país no que coñeceu os seus antepasados. Aí compón Hotel Lúa, disco basicamente electrónico, mais que contén algunhas pezas con instrumentos acústicos. O álbum recibiu unha nova nominación aos Grammy. O último álbum que a artista gravou coa compañía de Baumman foi The Private Music of Suzanne Ciani.

A principios dos anos 90, Ciani descubriu que padecía cancro de peito. Decidiu que quería curarse e dedicarse plenamente á súa paixón: a música electrónica. Instalouse na cidade de Bolinas, en California, onde atopou a inspiración para algunhas das súas músicas. En 1994 casou co avogado Joe Anderson, que lle axudou a crear a súa propia casa discográfica, Seventh Wave, coa que publicou o seu álbum Dream Suite.

Ademais das súas diferentes producións discográficas, Suzanne Ciani realizou diversas colaboracións para bandas sonoras de películas, entre as que salientan a que compuxo para o filme The Incredibel Shrinking Woman (A incríbel muller minguante) ou Mother Theresa. Tamén colaborou en diferentes producións televisivas. Realizou concertos polos Estados Unidos, Italia, España, México e diferentes países de Asia.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Seven Waves - 1982
  • The Velocity of Love - 1985
  • Neverland - 1988
  • History of my Heart - 1989
  • Pianissimo - 1990
  • Hotel Luna - 1991
  • The Private Music of Suzanne Ciani - 1992
  • Dream Suit - 1994
  • Pianissimo II - 1996
  • A Very Green Christmas - 1997
  • Suzanne Ciani And The Wave Live! - 1997
  • Turning - 1999
  • Pianissimo III - 2001
  • Meditations for Dreams, Relaxation, and Sleep - 2002
  • Pure Romance - 2003
  • Silver Ship - 2005

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]