Saltar ao contido

Sony

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sony Corporation»)
SONY CORPORATION

Sede de Sony en Minato.
TipoSociedade anónima
Fundación1946
LocalizaciónMinato, Toquio, Xapón
Persoas claveMasaru Ibuka e Akio Morita (cofundadores)
IndustriaElectrónica
Produtosvideoconsolas
vídeo
telecomunicacións
Beneficio67 700 millóns de € (2008)[1]
Beneficio operativo2 000 millóns de € (2008)[1]
Beneficio neto3 000 millóns de euros (2008)[1]
Número de empregados185.500[2]
Na rede
https://www.sony.com/en/, https://www.sony.com/ja/ e https://www.sony.co.in/
Facebook: SonyGroup.Global Twitter: SonyGroupGlobal Instagram: sonygroup.global Youtube: UCVjS9AuBloqJJjhsy3vIfug TikTok: sony Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Sony Corporation (ソニー株式会社 ,Sonī Kabushiki Gaisha) é unha empresa multinacional orixinaria do Xapón e con sede en Minato, Toquio. É unha das maiores empresas de electrónica cuns ingresos superiores aos 90 mil millóns de dólares (datos de 2008)[1]. Forma parte das empresas líderes na fabricación de manufacturas eléctricas coma vídeo, telecomunicacións, videoconsolas e tecnoloxías da información.

Orixes da compañía

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1945, Masaru Ibuka regresou a Toquio tras os bombardeos ocorridos durante a segunda guerra mundial. Fundou un taller na terceira planta do semiderruído edificio dos Grandes Almacéns Shirokiya.

En outubro nomeou o seu taller coma Tokyo Tsushin Kenkyoujo (Totsuken), traducido ao galego: Instituto de Telecomunicacións de Toquio.

O taller comezou reparando radios e fabricando convertedores de onda e adaptadores para converter radios de onda media en receptores de calquera lonxitude. En pouco tempo a empresa de Ibuka comezou a ser coñecida pola calidade dos seus adaptadores e o xornal Ashabi Shimbun publicou un artigo ao respecto.

Akio Morita decidira regresar a Kosugaya, na prefectura de Aichi, cando a guerra chegaba á súa fin. Morita lera o artigo que falaba sobre a empresa de Ibuka e decidiu escribir ó seu amigo. Na contestación que recibiu este convidábao a viaxar a Toquio para ter unha reunión persoal con Ibuka. Ibuka e Morita coñecéranse durante as reunións do Comité de Investigacións no período bélico.

Amais dos ingresos pola reparación de radios, os empregados do taller, que se adicaban á reparación a domicilio dos equipos, recibían frecuentemente arroz nas casas que visitaban, o que inspirou a idea de fabricar unha cazola eléctrica para o cociñar, este sería o primeiro invento da compañía. A pesar dos esforzos, non conseguiron facer un arroz saboroso e tívose que abandonar a idea constituíndo así o primeiro fracaso de Ibuka e Morita.[3]

A finais de 1945, a empresa de Ibuka comezou a fornecer o seu voltímetro de tubos ao baleiro con salientábel éxito, o que fixo que o negocio de Ibuka comezara un período de auxe.[4]

Consolidación

[editar | editar a fonte]
O exitoso e vangardista Walkman de Sony.

O 7 de maio de 1946, inaugurouse oficialmente o Tokyo Tsushin Kogyo. O sogro de Ibuka, Tamon Maeda, foi designado presidente. Ibuka dixo no discurso inicial as seguintes frases correspondentes ao prospecto escrito co motivo da presentación da compañía:

Nós debemos afrontar problemas coma as grandes compañías [...] Nós temos que crear e introducir tecnoloxías que as grandes compañías non poden. A reconstrución do Xapón depende do desenvolvemento de tecnoloxías dinámicas[5].

Ibuka e Morita colaboraron para que a empresa avanzase de cara á mellora dos produtos electrónicos no fogar, desbotando os métodos militares de épocas pasadas. A comezos da década de 1950, a compañía fabricou o primeiro modelo xaponés de gravadora de cintas, chamado Type-G.

Tamén a comezos dos 50, Ibuka, viaxou a Estados Unidos e informouse dun novo invento chamado transistor e que fora creado polos Laboratorios Bell. Ibuka conseguiu a licenza do transistor para a súa compañía. Bell estaba centrando os seus estudos en aplicar a nova tecnoloxía no ámbito militar. Mentres que as empresas americanas fabricaron as primeiras radios con transistor, a empresa de Ibuka centrouse en adaptar os transistores radiofónicos para uso doméstico. En agosto de 1955 fabricouse o primeiro transistor radiofónico doméstico chamado TR-55. En decembro do mesmo ano, sae á venda a nova versión do transistor, chamada TR-72. Este modelo contaba con seis transistores que melloraban notablemente a calidade do son respecto ao seu predecesor. O produto foi un éxito comercial a finais dos '50 e durante boa parte dos '60. A partir destes feitos, a compañía continuou mellorando o seu produto coas versións TR-6 e TR-63.

Para a publicidade do TR-6, Fuyuhiko Okabe, deseñou un debuxo dun neno chamado "Atchan". A primeira aparición deste debuxo mostrábao suxeitando un modelo do transistor de Ibuka contra a súa orella. Rapidamente popularizouse coma representación da compañía e dende os Estados Unidos recibiu o alcume de Sony Boy[6]

O profesor da Universidade de Arizona Michael Brian Schiffer, dixo, Sony non foi a primeira, pero o seu transistor de radio foi o máis exitoso. O TR-63 de 1957 rachou o mercado estadounidense e comezou unha nova industria de consumo micro-electrónico[7][8]. A partir de mediados dos '50 a xuventude estadounidense comezou a comprar radios portátiles en gran cantidade facendo pasar dunhas estimadas 100.000 unidades vendidas en 1955 a 5.000.000 de unidades en 1968, axudando así a fretar a nova industria da electrónica de consumo doméstico.

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]

Entrementres Kogyo buscaba a romanización do seu nome para o mercado occidental, considerou a utilización das iniciais TTK. Pero esas iniciais correspondían coas que usaba a compañía ferroviaria Tokyo Kyuko.[9] No Xapón, a compañía usaba o acrónimo Totsuko pero Morita descubriu que aos americanos éralles moi difícil de pronunciar.[10] Tamén se barallou o nome de "Tokyo Teletech" pero de novo Morita descubriu un problema: nos Estados Unidos xa existía unha empresa chamada Teletech.

O nome "Sony" foi o elixido. Componse da mestura de dúas palabras. A primeira é a palabra latina 'Sonus', que significa "sónico" ou "son"; e a outra foi "sonny" que é un termo usado en América para nomear aos nenos (proveniente á súa vez da palabra "son" que significa fillo, a tradución sería "filliño").[11] Morita decidiuse por rexistrar a empresa baixo esta palabra que non existía en ningunha lingua do mundo.

Daquela época era moi raro que unha compañía xaponesa elixise un logo representado por letras románicas no canto das tradicionais kanji xaponesas. O nome final da empresa foi "Sony Electronic Industries" ou tamén "Sony Teletech".

Éxitos comerciais

[editar | editar a fonte]
Cámara Dixital Sony DSC S730.
  • 1958: Transmisores da serie "TR", os máis pequenos do mercado.
  • 1960: 8-301, o primeiro transistor de TV.
  • 1961: SV-201, a primeira gravadora de TV.
  • 1965: CV-2000, a primeira gravadora de vídeo doméstica.
  • 1964: DV-2400, a primeira gravadora de vídeo portátil.
  • 1968: Serie Triniton, unha serie de televisións en cor CRT que duraron ata a desaparición das TV de tubos de raios catódicos a principios do século XXI.
  • 1969: U-matic, un formato de magnetoscopio.
  • 1975: Betamax, modelo SL-6300; un formato de vídeo que perduraría ata a aparición do formato VHS.
  • 1977: PCM-1, o primeiro procesador de son dixital.
  • 1979: TPS-12, o primeiro walkman.
  • 1980: Compact-Disc (CD), presentado xunto con Philips, foi o primeiro formato de gravación audiovisual dixital.
  • 1982: Betacam, fabricado a partir do modelo 'U-matic'.
  • 1994: PlayStation, videoconsola de éxito mundial.
  • 2005: Bravia, serie de televisións de alta definición coa tecnoloxía LCD
  • 2008: Blu-ray, o formato de gravación dixital que se impuxo fronte ao HD-DVD.

Sony en España

[editar | editar a fonte]

Sony establece a súa sede en España en xaneiro de 1973 como Hispano Sony en Barcelona.[12] Alí fabricaría equipos de son e televisores chegando a ter máis de mil traballadores. A empresa foi vendida a Ficosa e Comsa-Emte en 2010.[13]

Dúas versións da PlayStation 3 (básica e Slim), a última consola exposta por Sony en 2014, adquiriu unha alta popularidade en especial por ser a primeira consola cuxa renovación baséase principalmente no formato Blu-Ray.

Presenza nos medios audiovisuais

[editar | editar a fonte]

Canles de televisión

[editar | editar a fonte]
  • Sony Entertainment Television (coñecido coma SET ou VEO), adicado a contidos xeralistas provenientes da televisión norteamericana, emítese actualmente en España, Latinoamérica e a India.
  • AXN (Action eXtreme Network, traducido, Canal de Acción Extrema), adicado a series, documentais e películas de acción e deportes extremos.
  • E! Entertainment Television, adicado ao mundo da moda e o espectáculo.
  • Animax, a súa programación está adicada aos contidos de anime e manga durante as 24 horas. Actualmente a canle emítese en Latinoamérica, Alemaña, Europa do Leste e Asia. En España está comezando a introducirse mediante plataformas de televisión de pago.

Telefonía móbil

[editar | editar a fonte]

Xunto coa multinacional sueca Ericsson Mobile Comunications, créase a marca Sony Ericsson no 2001. O primeiro modelo púxose a venda en 2002.

O día 9 de xaneiro de 2012 no CES 2012 anúnciase o cambio de nome da marca Sony Ericsson Mobile Comunications a Sony Mobile Comunications.

Aiwa foi unha empresa xaponesa adicada á produción de bens electrónicos de consumo doméstico. Durante as décadas de 1970 e 1980 tivo grande éxito grazas aos produtos de son e vídeo. Durante a década de 1990 tivo graves problemas económicos debido á dura competencia e á desconfianza dos consumidores cara á marca. No ano 2002 finalmente declárase en bancarrota e Sony Corporation adquire a empresa.[14] As vendas nunca se recuperarían polo que Sony decide no 2004 comezar o seu proceso de desmantelamento que culminaría en 2006. Hoxe en día xa non se vende nada da marca Aiwa aínda que os produtos en garantía son cubertos polo soporte técnico de Sony[15].

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Highlights". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2009. Consultado o 27 de marzo de 2009. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2012. Consultado o 27 de marzo de 2009. 
  3. "Sony Global - Sony History Chapter1 Rebuilding from the Ashes". www.sony.net. Consultado o 2019-11-26. 
  4. "Welcome Sony MX". www.sony-latin.com. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-22. 
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2006. Consultado o 27 de marzo de 2009. 
  6. "- Sony Boy". advertisingiconmuseum.org. Consultado o 2019-02-04. 
  7. http://brands-refhistory.info/?page_id=4[Ligazón morta]
  8. http://www.netbook-deals.co.uk/sony-netbook-deals.php[Ligazón morta]
  9. Tai, Jacky, 1970- (2009). Get a name! : 10 rules to create a great brand name. Singapore: Marshall Cavendish Business. ISBN 978-981-261-953-2. OCLC 618891079. 
  10. "Sony Global - Sony History Chapter7 Is 'Pocketable' Japanese-English ?". www.sony.net. Consultado o 2019-11-26. 
  11. "Sony Global - History". www.sony.net. Consultado o 2019-02-04. 
  12. "Historia Corporativa de Sony Corporation". www.sony-latin.com. Consultado o 2019-02-04. 
  13. "La planta de Sony de Viladecavalls pasa a manos de Ficosa y". www.icnr.es. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2018. Consultado o 2019-02-04. 
  14. "Noticias -Aiwa pasará a ser una marca más de Sony". web.archive.org. 2012-01-19. Archived from the original on 19 de xaneiro de 2012. Consultado o 2019-02-04. 
  15. "SERVICIO TECNICO especializado - AIWA" (en castelán). Consultado o 2019-02-04. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]