Sistema métrico
O sistema métrico decimal ou de xeito sinxelo sistema métrico é un sistema de unidades baseado no metro, no cal os múltiplos e submúltiplos dunha unidade de medida están relacionadas entre si por múltiplos ou submúltiplos de 10.
Foi implantado pola 1ª Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (París, 1889), co que se pretendía buscar un sistema único para todo o mundo para facilitar o intercambio, xa que ata entón cada país, e ata cada rexión, tiña o seu propio sistema, a miúdo coas mesmas denominacións para as magnitudes, pero con distinto valor.
Como unidade de medida de lonxitude adoptouse o metro, definido como a dez millonésima parte do cuadrante do meridiano terrestre, cuxo patrón reproduciuse nunha barra de platino iridiado exposto no Museo de pesas e medidas de Sèvres (París). Fíxose unha copia para cada un dos vinte países asinantes do acordo.
Como medida de capacidade adoptouse o litro, equivalente ó decímetro cúbico.
Como medida de masa adoptouse o quilogramo, masa dun litro de auga pura.
Ademais adoptáronse múltiplos (deca, 10; hecto, 100; quilo, 1.000; miria, 10.000) e submúltiplos (deci, 0,1; centi, 0,01; mili, 0,001) e un sistema de notación para empregalos.
Actualmente substituíuse polo Sistema Internacional de Unidades (SI) ó que se adheriron moitos dos países que non adoptaron o Sistema Métrico Decimal.
Historia
[editar | editar a fonte]A proliferación dun amplo número de sistemas de medición arbitrarios era unha das causas máis frecuentes de disputas entre mercadores e entre os cidadáns e os funcionarios do fisco. Na medida que a maioría das nacións europeas convertíanse en países unificados, cunha única moeda e un mercado común, o incentivo económico para o cambio e o poder político para facelo permitiron que se revertera esta situación e se normalizara un sistema de medidas.
A primeira adopción oficial de tal sistema ocorreu en Francia en 1791 logo da Revolución Francesa de 1789. A Revolución, coa súa ideoloxía oficial da razón pura facilitou este cambio.
O sistema derivábase das propiedades de obxectos da natureza, concretamente, o tamaño da Terra e o peso da auga, e en relacións sinxelas entre unha unidade e a outra. A fin de determinar coa maior precisión posible o tamaño da Terra, enviáronse varios equipos ó longo de varios anos para medir a lonxitude dun arco de meridiano terrestre tan longo como fose posible. Decidiuse medir a lonxitude do meridiano que vai desde a torre do forte en Montjuïc, en Barcelona a Dunquerque, que era o segmento máis longo totalmente sobre terra case totalmente dentro de territorio francés. É destacable que a pesar que durante o proceso de medición houbo ocasionais hostilidades entre Francia e España, o desenvolvemento do novo sistema de medidas considerouse de tal importancia que o grupo de medición francés foi escoltado por tropas españolas dentro de España a fin de asegurar a continuidade da medición.
O proceso culminou na proclamación o 22 de xuño de 1799 do sistema métrico coa entrega ós Arquivos da República dos patróns do metro e o quilogramo, confeccionados en aliaxe de platino, presenciados por funcionarios do goberno francés e de varios países invitados e moitos dos máis famosos sabios da época.
Posteriores melloras na medición tanto do tamaño da Terra como das propiedades da auga resultaron en discrepancias cos patróns. A Revolución Industrial estaba xa en camiño e a normalización das pezas mecánicas, fundamentalmente parafusos e porcas, era da maior importancia e estes dependían de medicións precisas. Malia que as discrepancias que se atoparon quedarían totalmente enmascaradas nas tolerancias de fabricación da época, cambiar os patróns de medida para axustarse ás novas medicións era pouco práctico, particularmente cando novos e mellores instrumentos acabarían atopando novos valores cada vez máis precisos. Por iso decidiuse romper coa relación que existía entre os patróns e as súas fontes naturais de tal forma que os patróns en si convertéronse na base do sistema e permaneceron como tales ata 1960 en que o metro foi redefinido de novo en función de propiedades físicas e logo, en 1983, cando se redefiniu como o espazo que percorre a luz nunha certa fracción de segundo. Desta forma, o metro recobrou a súa relación cun fenómeno natural, esta vez realmente inmutable e universal. O quilogramo, con todo, permanece formalmente definido baseándose no patrón que xa ten dous séculos de antigüidade.
O sistema métrico orixinal adoptouse internacionalmente na Conferencia Xeral de Pesos e Medidas de 1889 e derivou no Sistema Internacional de medidas. Actualmente, aproximadamente o 95% da poboación mundial vive en países en que se usa o sistema métrico e os seus derivados, e aínda hai pouco que a NASA decidiu usar só o sistema métrico nas súas viaxes á Lúa
Adopción do sistema
[editar | editar a fonte]Case todos os países europeos adoptárono aos poucos, pero o Reino Unido resistiuse durante moito tempo, así como os Estados Unidos, que conservaron ata moi recentemente as súas unidades de medida tradicionais.
O Reino Unido é un caso curioso porque, mentres as nacións continentais ían adoptando o sistema métrico, fixo un esforzo de unificación das súas unidades de medida tradicionais, ata entón distintas de rexión a rexión, como no resto do mundo; entón, impuxo o chamado sistema imperial (1824). Doutra banda, foi pioneiro nun sistema máis completo de unidades, baseado no sistema métrico, con miras máis amplas que o comercio e a industria, o sistema CGS, e pouco máis tarde adoptou oficialmente o sistema métrico, en 1884, sen que ata agora cambiasen moitos dos usos das unidades de medida tradicionais. Pola súa banda os Estados Unidos, tras a súa independencia, tamén fixeron un esforzo de unificación das súas medidas tradicionais (en teoría iguais ás inglesas), pero definindo as unidades de modo que algunhas das unidades de medida imperiais son distintas ás dos Estados Unidos.
- En España, o metro adoptouse como unidade fundamental de lonxitude pola Lei do 19 de xullo de 1849.[1] Ese ano creouse para o efecto un órgano consultivo do Goberno, a Comisión de Pesos e Medidas cuxos traballos deron lugar ás equivalencias entre as pesas e medidas españolas e o sistema métrico. Publicáronse tales equivalencias por Real Orde do 9 de decembro de 1852.[2] Finalmente, o Real Decreto do 14 de novembro de 1879 estableceu a obrigatoriedade do sistema decimal a partir de xullo de 1880.[3]
Co tempo, os distintos países foron adoptando o sistema, xa na súa versión Sistema Internacional de Unidades, e raros son os países que actualmente non o adoptaron oficialmente (concretamente tres: os Estados Unidos de América, Birmania e Liberia), aínda que en moitos outros se mantén o uso de medidas do sistema anglosaxón, por influxo dos Estados Unidos ou mesmo de sistemas anteriores.
Obxectivos
[editar | editar a fonte]O sistema métrico deseñouse tendo en conta varios obxectivos.
Neutro, universal e invariable
[editar | editar a fonte]Os deseñadores do sistema métrico querían que fose o máis neutral posible para facilitar o seu máis ampla adopción. Cando se estaba desenvolvendo o sistema métrico, Francia utilizaba o calendario republicano que xa comezaba a caer en desuso e foi finalmente abolido en 1806 debido a dous fallos fundamentais de deseño: as datas contábanse a partir do día da proclamación da Primeira República Francesa e os nomes dos meses baseábanse en eventos puramente locais como brumaire (brumoso) ou nivose (nevado), condicións locais que non se daban nin sequera na totalidade do territorio francés.
Outras unidades da época derivábanse do longo do pé dalgún gobernante e frecuentemente cambiaban trala súa sucesión. As novas unidades non haberían de depender de tales circunstancias nacionais, locais ou temporais.
Calquera laboratorio debía poder reproducilas
[editar | editar a fonte]A forma habitual de establecer unha norma era facer os patróns de medida correspondentes e distribuír copias deles. Isto faría ao novo estándar dependente dos patróns orixinais e entraría en conflito co obxectivo previo pois todos os países haberían de referir os seus patróns ao patrón do país que tivese os orixinais.
Os deseñadores desenvolveron definicións das unidades básicas de tal forma que calquera laboratorio equipado adecuadamente podería facer os seus modelos propios. Orixinalmente as unidades base deriváronse do longo dun segmento de meridiano terrestre e a masa de certa cantidade de auga. Por iso descartáronse, como base da medida de lonxitude, o longo dun péndulo dun certo período, pois varía coa latitude e iso obrigaría a definir unha certa latitude ou o longo dun segmento do ecuador, en lugar dun segmento dun meridiano calquera, pois non todos os países teñen acceso a calquera latitude.
Practicidade
[editar | editar a fonte]As novas unidades de medida deberían ser próximas a valores de uso corrente naquel entón. Era de supoñerse que o metro próximo á vara ou iarda, habería ser máis popular que a fallada hora decimal do calendario republicano francés.
Definición
[editar | editar a fonte]Sobre a base do prototipo internacional de platino en vigor dende 1889, o metro definiuse dende a XI Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (1960) a partir da lonxitude de onda da radiación do Cripton 86 coa fin de mellorar a súa precisión. Na XVII Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (1983), foi substituída pola actual definición:
- O metro é a lonxitude do camiño percorrido nun espazo baleiro pola luz durante 1 / 299.792.458 segundos.[4]
Múltiplos decimais
[editar | editar a fonte]Todos os múltiplos e submúltiplos das unidades bases serían en base a potencias decimais. Nin as fraccións serían a medias, como é o caso actualmente coas fraccións de polgada, nin os múltiplos terían relacións diferentes que potencias de dez, tal como é o caso do pé que equivale a doce polgadas. Cabo destacar que a decimalización séguese impoñendo aínda en países que utilizan outras bases de medida, tal como foi o caso da decimalización da Libra tanto a británica como a irlandesa en 1971 ou a aínda máis recente (2000-2001) decimalización das fraccións nos prezos das accións nas bolsas de valores dos Estados Unidos.
Vale a pena mencionar que o sistema métrico tamén definía unha unidade de base decimal para a medida de ángulos, o gon ou grad no cal o ángulo recto divídese en 100 gons en lugar dos 90 do sistema sesaxesimal e onde cada gon divídese en 100 minutos e cada minuto en 100 segundos. De feito, o quilómetro é a lonxitude dun arco de meridiano terrestre que abarca un gon de latitude. Isto é similar á definición dunha milla náutica que é a lonxitude dun arco dun minuto sesaxesimal de latitude.
Ao contrario, o sistema métrico non definiu ningunha unidade decimal de medida de tempo pois isto formaba parte do xa mencionado calendario republicano no cal un día dividíase en 10 horas e caeu en desuso xunto con este.
Prefixos comúns
[editar | editar a fonte]Todas as unidades derivadas haberían de usar un mesmo conxunto de prefixos para indicar cada múltiplo. Por exemplo, quilo usaríase tanto para múltiplos de peso (quilogramo) como de lonxitude (quilómetro) en ambos casos indicando 1000 unidades base. Isto non evitou que se seguisen usando unidades xa arraigadas como a tonelada de 20 quintais (2.500 lb ou 1150,2 kg e logo tonelada métrica) ou o quintal de 5 arrobas (125 lb ou 57,51 kg e despois quintal métrico, 100 quilos) que, en ambos os dous casos redondeáronse a valores achegados a unidades métricas.
Táboa completa de prefixos
[editar | editar a fonte]Pode consultarse a táboa completa de sufixos. Ver.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ley, estableciendo un solo sistema de medidas y pesas en todos los dominios españoles.
- ↑ "Real Orden de 9 de diciembre de 1852, por la que se determinan las tablas de correspondencia recíproca entre las pesas y medidas métricas y las actualmente en uso (Diccionario jurídico-administrativo. Madrid, 1858)" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xuño de 2012. Consultado o 17 de xullo de 2014.
- ↑ Con todo, certas medidas seguiron, e seguen, usándose ata tempos recentes, tanto as medidas tradicionais no campo ( arroba, fanega), como outras, como o cuartillo que, por ser case exactamente medio litro, era moi cómoda de usar.
- ↑ "Resolución 1 da XVII Conferencia Xeral de Pesos e Medidas".(en francés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Sistema de unidades
- Sistema Internacional de Unidades
- Sistema Ceguesimal de Unidades
- Sistema Técnico de Unidades
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Bureau International des Poids et Mesures (BIPM) (en francés)