Sisimiut, antigamente Holsteinsborg, é unha cidade do concello de Qeqqata, no centro-oeste de Groenlandia. Cunha poboación de 5582 habitantes en 2020,[1] é a vila máis poboada e a capital municipal de Qeqqata, así como a segunda cidade por número de habitantes de Groenlandia despois de Nuuk.
Sisimiut é o segundo maior centro de negocios nacional despois de Nuuk, sendo a pesca a principal industria. Desde o punto de vista arquitectónico, Sisimiut é unha mestura de vivendas unifamiliares tradicionais e vivendas comunitarias, con bloques de apartamentos levantados na década de 1960 durante un período de expansión da cidade. Sisimiut aínda está en expansión, coa zona ao norte do porto, á beira da pequena baía de Kangerluarsunnguaq reservada para vivendas modernas de estilo suburbio que se construíron na década de 2010. Varias escolas profesionais e xerais teñen a súa sede en Sisimiut, que proporcionan educación aos habitantes da cidade e aos dos asentamentos máis pequenos da rexión. O novo Centro Cultural Taseralik é o segundo centro cultural que se establece en Groenlandia, despois de Katuaq en Nuuk.
Sisimiut é unha das cidades de máis rápido crecemento en Groenlandia,[2] con emigrantes dos asentamentos máis pequenos que reforzan a tendencia. Ademais de Kangerlussuaq, é o único asentamento do municipio de Qeqqata que presenta padróns de crecemento estables nas últimas dúas décadas.
Gráfica de evolución demográfica de Sisimiut entre 1991 e 2010
A cidade ten a súa propia liña de autobuses e o porto libre de xeo durante todo o ano máis ao norte do país, sendo unha base de transporte marítimo para o oeste e o noroeste de Groenlandia. Os buques de abastecemento diríxense desde o porto comercial cara a asentamentos máis pequenos nas rexións máis remotas do fiorde de Uummannaq, o arquipélago de Upernavik e ata Qaanaaq, no norte de Groenlandia. O aeroporto de Sisimiut, no que opera Air Greenland, ofrece conexións con outras cidades da costa occidental de Groenlandia e, a través do aeroporto de Kangerlussuaq, con Europa.[4]