Shabtai Zevi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Shabtai Zevi.

Shabtai Zevi ou Sabbatai Zevi, nado en Esmirna o 1 de agosto de 1626 e finado en Ulcinj (actual Montenegro) cara ao 17 de setembro de 1676[1], foi un mesías e cabalista xudeu, coñecido como Amirah polos seus seguidores.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fundou a seita dönmeh, que floreceu no Imperio Otomán, no que confluían elementos do xudaísmo, cristianismo e islamismo.

En 1648 proclamouse mesías, expulsado de Esmirna en 1651 ou 1654 buscou refuxio en Tesalónica (Grecia), en 1665 uníuselle Nathan de Gaza e conseguiu apoio entre os xudeus de Palestina e entre a diáspora. Tras varios anos de prudencia nesa cidade, desencadeou un novo escándalo ao pronunciar nun banquete solemne celebrado no patio da sinagoga Shalom o tetragrammaton, inefable para o xudaísmo, e presentarse como o machia'h ben David, é dicir, o mesías fillo de David[2]. O consello rabínico federal expulsouno da cidade, e Shabtai Zevi partiu a predicar a súa doutrina noutras cidades do mundo sefardí. A súa predicación dividiu á comunidade xudía, tanto en Salónica como noutras cidades, e causou tales desordes que Shabtai Zevi foi arrestado e logo levado a Adrianópolis ante a presenza do sultán. Alí, intimidado a demostrar os seus poderes sobrenaturais rexeitando as frechas con que se lle ameazaba, terminou por abxurar da súa fe e converterse ao Islam. Este golpe de efecto foi diversamente interpretado polos seus adeptos. Algúns viron un sinal e convertéronse ao Islam; outros rexeitaron a súa doutrina e retornaron ao xudaísmo ortodoxo; e houbo quen, aínda permanecendo externamente fieis ao xudaísmo, continuaron seguindo en segredo os ensinos de Shabtai Zevi[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Scholem, Sabbatai Sevi: The Mystical Messiah: 1626–1676, pp. 103–106.
  2. 2,0 2,1 Veinstein, Gilles: Salonique 1850-1918, la "ville des Juifs" et le réveil des Balkans, p.58-62 (en francés).