Severino Rivas Barja

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaSeverino Rivas Barja
Biografía
Nacemento13 de setembro de 1875 Editar o valor em Wikidata
Loentia, España Editar o valor em Wikidata
Morte29 de outubro de 1936 Editar o valor em Wikidata (61 anos)
Portomarín, España Editar o valor em Wikidata
Alcalde
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Socialista Obrero Español Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosDarío Rivas Cando Editar o valor em Wikidata
Homenaxe a Severino Rivas en Ribeiras de Lea.

Severino Rivas Barja, nado en Loentia (Castro de Rei) o 13 de setembro de 1875 e finado en Portomarín o 29 de outubro de 1936, foi un político, alcalde de Castro de Rei durante a República.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Home de extensa cultura e vencellado ó PSOE. Enviuvou a finais dos anos 1920, e enviou ó seu fillo máis novo, Darío, que daquela tiña 8 anos, á Arxentina, onde xa residían as súas irmás máis vellas. Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, o 18 de marzo o gobernador civil nomeou unha comisión xestora en Castro de Rei encabezada por Serafín Carballo Aguiar para substituír a corporación presidida por Ramón Perejón Pardo. Ao pouco tempo o gobernador nomeou unha nova xestora da que formou parte Severino Rivas, que foi nomeado alcalde accidental o 6 de maio. Tres días despois, o 9 de maio de 1936 foi elixido alcalde por votación dos concelleiros. Debido ao golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e a ocupación de Galicia polas tropas rebeldes, durou só tres meses no cargo, sendo destituído polo comandante da Garda Civil o 29 de xullo.[1] Severino agochouse en Lugo, pero o 26 de agosto foi detido no Hotel España de Lugo e ingresou na Prisión Provincial. O 29 de outubro sacárono da Prisión e foi asasinado no camiño de Torrentes xunto á capela de Cortapezas (Portomarín), xunto con Víctor Dorrego Queizán.

Enterro e exequias[editar | editar a fonte]

Foi soterrado anonimamente nunha foxa común no que entón era o adro da capela (actualmente o camposanto). Durante máis de 50 anos, Darío Rivas intentou por todos os medios encontrar os restos do seu pai. En 1994, durante unha viaxe de Darío a España, un veciño de Portomarín proporcionoulle os datos que lle permitiron achar o lugar de enterramento. Logo de longas xestións, e coa intervención da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, os restos de Rivas Barja foron finalmente enterrados no panteón familiar de Loentia en agosto de 2005.

Na súa lápida pode lerse a inscrición:

Severino Rivas Barja Que fue alcalde de Castro de Rei, nacido el 13 de septiembre de 1875. Lo asesinaron en Portomarín los falangistas el día 29 de octubre de 1936. Volvió a casa para descansar en paz el día 19 de agosto de 2005.

Querelas[editar | editar a fonte]

Con data 14 de abril de 2010, o fillo de Severino, Darío Rivas Cando, canda outras organizacións como a Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica, Abuelas de Plaza de Mayo ou a Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina presentaron unha querela na Arxentina por xenocidio e crimes de lesa humanidade da ditadura de Francisco Franco, onde se detalla o caso do pai do denunciante[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Castro de Rei honrará al alcalde republicano fusilado en 1936", La Voz de Galicia, Lugo, 21-7-1993, p. 37.
  2. Texto da querela, o caso de Severino nas páxinas 3-5 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Serafín Carballo Aguiar
 
Alcalde de Castro de Rei
 
1936
Sucesor:
José Antonio Pacio Seco