Serliana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galleria Vittorio Emanuele III, en Messina.
Vista do xardín da Vila Médici en Roma, por Diego Velázquez.

Serliana é o nome dun recurso arquitectónico moi utilizado no Renacemento e posteriormente no período neoclásico, que consiste en combinar arcos de medio punto con vans alintelados. O seu nome provén do arquitecto manierista italiano Sebastiano Serlio,[1] que foi o primeiro en teorizar sobre esta forma arquitectónica.

A serliana utilizouse, xeralmente, en portadas e loggias a xeito de arco de triunfo no que os laterais están alintelados e son máis baixos. Un exemplo desta forma pode verse sobre a portada do Palacio de Carlos V en Granada, realizada por Pedro Machuca en 1527. Tamén foi moi utilizada por Andrea Palladio.

Orixe[editar | editar a fonte]

O arco flanqueado polos dous vans alintelados apareceu orixinalmente na época imperial en Roma. Utilizouse na Vila Hadriana (125-134), en Tívoli, e no Templo de Hadriano (cara o 130) en Éfeso, Turquía, e foi coñecido como "arco siriaco".

Recuperouno Bramante en Santa María do Popolo (1507-09) en Roma, aínda que foi Palladio (1508-80) quen máis o utilizou, polo que en Inglaterra, onde a arquitectura paladiana foi difundida por Inigo Jones (1573-1652) coñeceuse como arcada paladiana. No século XVIII, lord Burlington engadiulle un arco exterior para recoller o tres ocos.

En España, a primeira serliana aparece datada en 1510, cando artistas xenoveses o introducen no palacio valenciano de Jeromi Vich, daquela embaixador en Roma de Fernando o Católico.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "serliana". glosarioarquitectonico.com. Consultado o 21-04-2019. 
  2. Marías, Fernando (1983). La arquitectura del Renacimiento en Toledo (1541-1631) (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 9788400058975. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]