Saltar ao contido

Sendeiro de Pembrokeshire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista da costa de Pembrokeshire na península de Marloes.

O sendeiro de Pembrokeshire (en galés: Llwybr Arfordir Sir Benfro), é unha ruta da costa de Pembrokeshire, no suroeste de Gales.[1] Foi declarado en 1970, e ten unha lonxitude de 299 km. No seu punto máis alto – Pen yr afr – chega a unha altura de 175 m, e no máis baixo – cruzamento de Sandy Haven – a 2 m sobre o nivel da auga.[2] Malia que a maioría da costa está orientada cara ó oeste, o sendeiro ofrece vistas cara a todos os puntos cardinais.

Puntos de comezo e remate do sendeiro.

O cabo sur do camiño remata en Amroth, Pembrokeshire. O norte facíao en Poppit Sands, preto de St. Dogmaels, Pembrokeshire, onde se sitúa a placa oficial (ver aquí Arquivado 14 de marzo de 2022 en Wayback Machine.), mais a ruta continúa na actualidade ata St. Dogmaels,[3][4] onde se fixou o novo límite en xullo de 2009.[5] Nese punto, conecta co sendeiro de Ceredigion, que continúa cara ó norte.[6]

O sendeiro de Pembrokeshire forma parte do sendeiro da costa de Gales, unha ruta de longa distancia (1.400 km) que percorre toda a costa galesa dende Chepstow ata Queensferry.[7]

Vista de Poppit Sands, na parte norte do sendeiro.
O camiño preto de Ceibwr Bay, en Cemaes Head.

Creación do sendeiro

[editar | editar a fonte]

A raíz da creación do Parque nacional da Costa de Pembrokeshire en 1952, o naturalista Welsh e o autor Ronald Lockley inspeccionaron unha ruta pola costa. Malia que había moitas vilas e asentamentos por toda a costa, a comunicación entre estes facíase en gran parte por barco e o acceso á rexión era en xeral deficiente.[8] O informe da Countryside Commission en 1953 foi ben recibido e amplamente adoptado. Algunhas seccións da camiñada dispuxeron de dereitos de vía pero a maioría estaban en mans privadas, o que esixía a negociación. A maioría dos propietarios estiveron a prol e moitos beneficiáronse da construción de novos valados. Porén, mesmo hoxe en día o camiño desvíase en lugares fóra da liña onde os terratenentes non estaban dispostos a aceptar un novo vieiro a través das súas terras.[3]

A fin da formación da ruta produciuse logo de 17 anos, incluíndo a construción de máis de 100 pontes peonís, 479 postes e o corte de miles de pasos en tramos de forte pendente ou esvaradíos.[3]

Cando se abriu a ruta por Wynford Vaughan Thomas, o 16 de maio de 1970, a lonxitude da ruta era de 290 km, pero cos anos producíronse unha serie de ordes de desvío que se estenderon ata a súa lonxitude actual de 299 km.[3]

Historia da actividade humana

[editar | editar a fonte]

Os restos de crómlechs do neolítico e de círculos de pallozas pódense ver no camiño, ó igual que evidencias de asentamentos da Idade de Bronce, momento no cal a península estaba sendo empregada como unha conexión con Irlanda. Colonos da Idade de Ferro, probablemente orixinarios de Francia, son os responsables dunha serie de fortificacións costeiras en outeiros, visibles hoxe en día.[8] A evidencia de actividade humana posterior, como os castelos normandos e os asentamentos e igrexas, tamén se poden ollar no sendeiro. Na actualidade, case toda a terra circundante é de cultivo, e a pesca segue a ter un papel moi importante nos asentamentos costeiros.

Flora e fauna

[editar | editar a fonte]

Durante a primavera e comezo do verán, a ruta amosa unha gran variedade de flores silvestres costeiras e hai unha gran cantidade de aves. As colonias de aves mariñas aniñan nos cantís e unha gran variedade de aves europeas recalan nas illas costeiras deshabitadas que actúan como santuarios destas, tales como Skomer, Skokholm e a illa Ramsey. Focas, toniñas e golfiños a miúdo poden ser ollados nadando en mar aberto.[9]

  1. "Pembrokeshire Coast Path". National Trails. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2013. Consultado o 14 de agosto de 2013. 
  2. "Pembrokeshire Coast Path Statistics". National Trails. Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2014. Consultado o 14 de agosto de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 John, Brian (2012). Pembrokeshire Coast Path. Aurum Press. ISBN 978-1845137823. 
  4. "Pembrokeshire Coast Path: Newport to St Dogmaels". visitpembrokeshire.com. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2013. Consultado o 14 de agosto de 2013. 
  5. "St Dogmaels to Newport (Town) 16 miles, (25.7 Kilometres)". Planning a Trip. National Trails. Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2014. Consultado o 14 de agosto de 2013. 
  6. "All-Wales coast path moves a step closer at St Dogmaels". BBC News South West Wales. 21 de febreiro de 2011. Consultado o 14 de agosto de 2013. 
  7. "All-Wales coast path nears completion". BBC News Wales. 17 de outubro de 2011. Consultado o 14 de agosto de 2013. 
  8. 8,0 8,1 Kelsall, Dennis; Kelsall, Jan (2005). Cicerone Press, ed. The Pembrokeshire Coastal Path: From Amroth to St Dogmaels: A Practical Guide for Walkers (2nd ed.). ISBN 978-1852843786. 
  9. Celtic Trails: UK Walking Holidays (ed.). "Pembrokeshire Coast Path" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2000. Consultado o 28 de maio de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]