Sanguñedo, Sanguñedo, Verea
| Sanguñedo | |
|---|---|
| Parroquia | Sanguñedo |
| Concello | Verea |
| Coordenadas | 42°05′21″N 7°54′55″O / 42.08916667, -7.91527778 |
| Poboación | 23 hab. (2024) |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
Sanguñedo é un lugar da parroquia de Sanguñedo, no concello ourensán de Verea na comarca da Terra de Celanova. Nel atópase a igrexa parroquial. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 23 habitantes (11 homes e 12 mulleres), o que supón unha diminución en relación a 2020, cando tiña 29 habitantes[1].
Xeografía
[editar | editar a fonte]Este lugar dista da capital do concello 4,1 quilómetros pola estrada OU-0206.
A aldea é atravesada polo regato do Sobradiño e o Regato de Sanguñedo.
Toponimia
[editar | editar a fonte]Sanguñedo é un fitotopónimo[2], ven do arbusto sangomiño, sanguino, sanguvino ou sanguineto (Rhamnus sanguineus)[3] (Cornus sanguinea).[4] Este arbusto require solos frescos e lixeiros. Gosta dos lugares húmidos e sombrizos. Atópase en terreos baixos ou de media montaña. A madeira é de excelente calidade, de cor branca rosada, moi dura e resistente. Utilizábase para facer mangos de ferramentas e pequenas pezas torneadas. As pólas magras empregábanse en cestaría, e as máis grosas para titores ou espeques na xardinaxe. Tamén foron utilizadas para facer setas, de feito o arqueiro prehistórico Ötzi levaba setas de sangomiño. En canto ao seu uso medicinal, a cortiza desecada é un potente laxante; mentres que os froitos, cocidos en leite, empregábanse para combater a sarna.[4]
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa de San Salvador foi construída a principios do século XVIII, conta con algúns elementos complementados no século XIX. Segundo a inscrición do canteiro que se atopa na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva.[5] Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos puntiagudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales se atopan dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo hai outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e máis unha estrutura triangular sobre a cal está un pararaios ornamental con forma de cruz grega. A igrexa conta con tres altares; o altar maior ten un retablo construído en 1713 polo escultor Gregorio Álvarez, veciño de Quintela de Leirado e dourado por Agustín Vázquez; nel atópanse as imaxes da Inmaculada, San Francisco, Santo Antón e San Xosé. Os altares colaterais do Evanxeo da Nosa Señora do Carme e da Epístola da Nosa Señora das Dores, albergan as tallas da Virxe do Carme, Santa Tereixa, Santo Antón e San Bieito.[6]
O cruceiro de Sanguñedo está situado no Campo do Outeiro, diante da igrexa de San Salvador de Sanguñedo a medio camiño entre o lugar de Sanguñedo e Outeiro. Data do mesmo século que a igrexa (s. XVIII). O pedestan consta de tres chanzos, sobre el atópase un varal, primeiro cuadrangular e logo octogonal, que engarza cun capitel dórico e remata nunha cruz florenzada ocupada, no anverso, por un Cristo de expresividade dramática con pano de pureza e, no reverso, por unha Virxe orante sobre anxo.[7]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Sanguñedo
[editar | editar a fonte]| Lugares da parroquia de Sanguñedo no concello de Verea (Ourense) | |
|---|---|
|
Abeleda | Balín | Casal de Abade | Os Casares | Outeiro | Sanguñedo |
Parroquias de Verea
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia. Ano 2024". www.ige.gal. Consultado o 2025-12-09.
- ↑ amil (2021-01-26). "Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)". BadalNovas. Consultado o 2021-01-31.
- ↑ "Estudos de toponimia galega. Nicandro Ares Vázquez". Arquivado dende o orixinal o 13/02/2021. Consultado o 31/01/2021.
- 1 2 Méndez Míguez, Carlos (2020). Toponimia de Verea. Noia (A Coruña). ISBN 978-84-1217-313-0. OCLC 1254476944.
- ↑ "Iglesia de San Salvador de Sanguñedo – Terra de Celanova — Serra do Xurés" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-01-29.
- ↑ Méndez Míguez, Carlos (2020). Toponimia de Verea. Noia (A Coruña). ISBN 978-84-1217-313-0. OCLC 1254476944.
- ↑ Méndez Míguez, Carlos (2020). Toponimia de Verea. Noia (A Coruña). ISBN 978-84-1217-313-0. OCLC 1254476944.