Sabu (actor)
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de xaneiro de 1924 Mysore, India |
Morte | 2 de decembro de 1963 (39 anos) Chatsworth, Estados Unidos de América (en) |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Forest Lawn Memorial Park |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Campo de traballo | Filme |
Ocupación | actor, actor de cinema |
Período de actividade | 1937 - 1963 |
Carreira militar | |
Conflito | segunda guerra mundial |
Familia | |
Cónxuxe | Marilyn Cooper (1948–1963) |
Fillos | Paul Sabu |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Sabu Dastagir, nado en Mysore, o 27 de xaneiro de 1924 e finado en Chatsworth (Os Ánxeles) o 2 de decembro de 1963, foi un actor cinematográfico indio nacionalizado estadounidense. Normalmente aparecía nos créditos só co seu nome de pía, Sabu, e é lembrado sobre todo polo seu traballo na década de 1940.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado en 1924 en Mysore, India, Sabu era fillo dun mahout (condutor de elefantes). Aínda que gran parte das fontes dan o seu nome como "Sabu Dastagir", unha investigación do xornalista Philip Leibfried suxire que devandito nome sería realmente o do seu irmán, e que o seu sería Selar Shaik Sabu ou Sabu Francis. O seu irmán foi quen dirixiu a súa carreira.[4]
En 1960, Shaik morreu por un disparo durante un roubo na súa casa. O atacante, Jimmy E. Shields de 18 anos, era un antigo empregado da tenda de mobles que dirixían os irmáns. Foi acusado por homicidio involuntario e condenado a entre 1 e 10 anos de prisión.[5]
Sabu foi descuberto aos trece anos polo documentalista Robert J. Flaherty, quen o escolleu para facer o papel dun condutor de elefantes no filme británico de 1937 Elephant Boy, baseado no relato de Rudyard Kipling Toomai of the Elephants. O papel máis coñecido de Sabu foi probablemente o de Abu no filme británico de 1940 The Thief of Bagdad. En 1942 volveu interpretar un papel baseado nunha narración de Kipling, o de Mowgli en Jungle Book, filme dirixido por Zoltan Korda e rodado integramente en California.[6] Protagonizou para Universal Pictures tres filmes con Maria Montez e Jon Hall, Arabian Nights (1942), White Savage (1943) e Cobra Woman (1944).
Tras nacionalizarse estadounidense en 1944, Sabu sumouse ás Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos, en que serviu como artilleiro de cola. Voou en varias misións durante a Guerra do Pacífico e foi galardoado coa Cruz de Voo Distinguido polo seu valor.[7]
Trala segunda guerra mundial, incapaz de conseguir en Hollywood papeis equivalentes aos realizados no cinema británico, a súa carreira empezou a declinar, aínda que de xeito ocasional realizou algunhas intervencións significativas, como a que fixo en Black Narcissus (1947).
Ao longo da década de 1950 actuou en filmes europeos con pouco éxito e en 1952 traballou no Circo Harringay cun número de elefantes.[8] Foi considerado para o papel de Birju no flme de Mehboob Khan de 1957 Mother India, que suporía o seu debut no cinema en hindi, mais denegáronlle o permiso de traballo e o papel foi para Sunil Dutt. Sabu nunca apareceu nun filme do seu país natal.[9]
O 2 de decembro de 1963 Sabu faleceu de súpeto en Chatsworth (Os Ánxeles), California, por mor dun infarto agudo de miocardio un mes antes de cumprir os corenta anos.[10] Foi enterrado no Cemiterio Forest Lawn Memorial Park de Hollywood Hills. O seu último filme, A Tiger Walks, estreouse postumamente en marzo de 1964.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]O 19 de outubro de 1948 Sabu casou coa aspirante a actriz Marilyn Cooper, coa que tivo dous fillos. O matrimonio permaneceu unido ata o pasamento do actor.
O seu fillo Paul Sabu fundou a banda de rock Sabu na década de 1980. A súa filla, Jasmine Sabu, falecida en 2001, traballou en varios filmes como adestradora de animais.
Filmografía
[editar | editar a fonte]Ano | Título | Personaxe | Notas |
---|---|---|---|
1937 | Elephant Boy | Toomai | |
1938 | The Drum | Prince Azim | |
1940 | The Thief of Bagdad | Abu | |
1942 | Jungle Book | Mowgli | |
Arabian Nights | Ali Ben Ali | ||
1943 | White Savage | Orano | |
1944 | Cobra Woman | Kado | |
1946 | Tangier | Pepe | |
1947 | Black Narcissus | The Young General | |
The End of the River | Manoel | ||
1948 | Man-Eater of Kumaon | Narain | |
1949 | Song of India | Ramdar | |
1951 | Savage Drums | Tipo Tairu | |
1952 | Hello Elephant | Sultan of Nagore | |
Bagdad | |||
1954 | The Treasure of Bengal | Ainur | |
1956 | Jaguar | Juano | |
Jungle Hell | Sabu the Jungle Boy | ||
The Black Panther | Curtametraxe | ||
1957 | Sabu and the Magic Ring | ||
1960 | Mistress of the World | Dr. Lin-Chor | |
1963 | Rampage | Talib | |
1964 | A Tiger Walks | Ram Singh |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Meet Sabu, Mysore's elephant boy". Times of India. Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 20 de setembro de 2020.
- ↑ "Remembering Sabu, the mahout from Mysore - Times of India". Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2012. Consultado o 20 de setembro de 2020.
- ↑ "BFI Screenonline: Sabu (1924-1963) Biography". Screenonline.
- ↑ Leibfried, Philip; Willits, Malcolm (2004). Alexander Korda's The Thief of Bagdad, An Arabian Fantasy. Hollywood, Calif.: Hypostyle Hall Publishers. ISBN 0-967-52531-4.
- ↑ "Judge Orders 1-10 Years For Dastagir Killer". Valley Times (North Hollywood, Os Ánxeles). 10-12-1960. p. 2. Consultado o 22-05-2020 – vía Newspapers.com.
- ↑ Jungle Book en IMDb
- ↑ "People:Reservations Arquivado 22 de xuño de 2013 en Wayback Machine.". Time, 19 de marzo de 1945.
- ↑ Leibfried, Philip (outubro de 1989). "Sabu". Films in Review.
- ↑ The elephant boy from Mysore who became an international superstar
- ↑ LA Times
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Leibfried, Philip. Star of India: The Life and Films of Sabu. Oklahoma; BearManor Media, 2010.
- Holmstrom, John. The Moving Picture Boy: An International Encyclopaedia from 1895 to 1995, Norwich, Michael Russell, 1996, p. 125-126.
- Dye, David. Child and Youth Actors: Filmography of Their Entire Careers, 1914-1985. Jefferson, NC: McFarland & Co., 1988, p. 207-208.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sabu no American Film Institute
- Artigo na páxina de Powell e Pressburger.
- Criterion Collection Essay