SATA Air Açores
SATA Air Açores | ||
---|---|---|
IATA SP | OACI SAT | Indicativo SATA |
Fundación | 21 de agosto de 1941 | |
Inicio das operacións | 15 de xuño de 1947 | |
Aeroporto principal | aeroporto João Paulo II | |
Subsidiarias | Azores Airlines | |
Frota | 6 | |
Destinos | 13 | |
Páxina web: https://www.azoresairlines.pt |
SATA Air Açores é unha aeroliña portuguesa baseada en São Sebastião, Ponta Delgada. Opera voos regulares de pasaxeiros, carga e correo nos Azores. Proporciona os seus propios servizos de mantemento e handling e xestiona catro aeroportos rexionais. A súa base principal atópase no aeroporto João Paulo II, en Ponta Delgada. Tamén ten unha filial para voos de medio e longo alcance, Azores Airlines, a antiga SATA International.
Historia
[editar | editar a fonte]Un grupo de cinco azorianos notables fundaron o día 21 de agosto de 1941 a Sociedade Açoriana de Estudos Aéreos, Lda, co obxectivo de estudar se era factible a creación dunha aeroliña que interconectase as illas do arquipélago dos Azores e o Portugal continental. Seis anos despois, o 17 de febreiro de 1947, o seu nome pasou a se Sociedade Açoriana de Transportes Aéreos, Lda (SATA), e o 15 de xuño dese ano a compañía comezou a operar cun avión Beechcraft UC-45B Expeditor con rexistro CS-TAA e bautizado como "Açor". O aparello podía transportar 7 pasaxeiros e 2 tripulantes e unía as illas de São Miguel, Santa María e Terceira.[1]
A perda da aeronave nun accidente en 1948 obrigou á suspensión temporal das operacións de SATA. O 23 de maio de 1949 chegaron a São Miguel dous avións de Havilland Dove, con capacidade para 9 pasaxeiros. Anos máis tarde, en agosto de 1963, a frota aumentou coa compra á irlandesa Aer Lingus dun Douglas DC-3 (CS-TAD),[1] con capacidade para 26 pasaxeiros. Este avión entrou en servizo o 1 de xullo de 1964.
En 1969 inaugurouse e abriuse ao tráfico civil o aeroporto de Nordela (no presente aeroporto João Paulo II), próximo á cidade de Ponta Delgada. No presente o aeroporto aínda é a base operacional de SATA. Dous anos despois TAP Portugal comezou a realizar voos regulares entre Lisboa e Ponta Delgada. O 24 de agosto de 1971 inaugurouse o aeroporto da Horta, e en 1972 o aeroporto das Flores. En 1972 a compañía decide mercar dous aparellos Hawker Siddeley HS 748 con capacidade para 48 pasaxeiros, que xa operaban nos Azores dende 1969. Entre 1981 e 1983 constrúense aeroportos nas restantes illas do arquipélago.
En 1976 a Força Aérea Portuguesa cede a SATA 2 avións Douglas DC-6[2] e proponse a rexionalización da empresa na Assembleia da República. Como resultado da folga dos pilotos de TAP Air Portugal, SATA viuse na obriga de realizar voos directos a Lisboa cos DC-6, chegando incluso a fretar un Boeing 707 para desconxestionar o tráfico acumulado nos Azores. A día 14 de abril de 1977 a aeroliña acadou o millón de pasaxeiros transportados.[1]
A compañía fora constituída como empresa privada, pero o estatuto de SATA cambiou o 17 de outubro de 1980 para converterse nunha empresa pública baixo tutela do Governo Regional dos Açores, pasando a designarse Serviço Açoriano de Transportes Aéreos, Empresa Pública, aínda que mantendo as siglas SATA. Foi mercada ao Grupo Bensaude, quedando o 50% das accións en mans do Governo Regional dos Açores e o outro 50% en mans de TAP Air Portugal, EP. Nese mesmo ano a aeroliña uniuse á Asociación Europea de Aeroliñas Rexionais (ERA)[3] e á IATA. En 1986, o entón presidente do Governo Regional dos Açores, Mota Amaral, suxeriu a adopción do nome "SATA Air Açores", nome que se adoptaría en 1987. Ese mesmo ano SATA recibiría tamén a medalla de prata do Mérito Turístico.[1]
En 1985 a aeroliña iniciou os voos chárters cara América do Norte. Azores Express, empresa do Grupo SATA, realizou os voos chárter entre Os Azores e os Estados Unidos, e SATA Express, tamén do Grupo SATA, voou entre o arquipélago e o Canadá. En 1988 SATA mudou as súas cores e comezou a editar a revista de a bordo bilíngüe Paralelo 38, actualmente Espírito Açoriano/Azorean Spirit.
Entre 1989 e 1990 os HS 748 foron substituídos gradualmente por British Aerospace ATP. O primeiro ATP, de nome "Santa Maria", entrou en servizo e 1989,[1] o segundo, bautizado "Flores", en 1990, e o terceiro, "Graciosa", en 1991. O derradeiro voo do HS 748 con SATA foi o 21 de decembro de 1990.[4] En 1991 un Dornier Do 228 comezou a voar cara a illa do Corvo, substituíndo ao CASA C-212 Aviocar da Força Aérea Portuguesa.
En 1994, na celebración do 50 aniversário da Organización de Aviación Civil Internacional (ICAO), esta decidiu outorgar unha medalla de honra a unha entidade ou individualidade que, en cada estado membro, tivese contrubuído de xeito relevante no desenvolvemento da aviación civil. En Portugal esa medalla foi concedida a SATA Air Açores.[1]
No ano 1998 SATA obtivo o certificado de operador aéreo que lle permitía voar fóra do arquipélago dos Azores. No ano seguinte a aeroliña fíxose coas rutas entre Ponta Delgada e as cidades de Lisboa, Porto e Funchal, operándoas primeiro cun Boeing 737 e incorporando posteriormente un Airbus A310. No ano 2000 SATA comezou a voar con regularidade aos Estados Unidos e ao Canadá.[1]
Frota
[editar | editar a fonte]En xullo de 2020 a frota de SATA Air Açores estaba formada polos seguintes avións:[5]
Avión | En servizo | Pedidos | Pasaxeiros | Notes | |
---|---|---|---|---|---|
Bombardier Dash 8-Q200 | 2 | — | 37 | ||
Bombardier Dash 8-Q400 | 4 | — | 80 | ||
Total | 6 | — |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "História - Azores Airlines". www.azoresairlines.pt. Consultado o 2020-12-03.
- ↑ "Os DC-6 na SATA: regresso dos aviões de pistão". azoresairlinesblog.com (en portugués). 2018-08-15. Consultado o 2020-12-03.
- ↑ "Our Members - ERA". www.eraa.org. Consultado o 2020-12-03.
- ↑ "Último voo comercial do Avro HS/BAe 748". azoresairlinesblog.com (en portugués). 2017-01-18. Consultado o 2020-12-03.
- ↑ "SATA - Air Acores Fleet Details and History". www.planespotters.net. Consultado o 2020-12-03.