Hawker Siddeley HS 748

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hawker Siddeley HS 748
West Air Sweden HS-748.jpg
FabricanteAvro
Hawker Siddeley
Hindustan Aeronautics
Primeiro voo24 de xuño de 1960
Produción1961 - 1988
Unidades construídas380

O Hawker Siddeley HS 748 é un avión turbohélice de pasaxeiros de tamaño medio orixinalmente deseñado e fabricado pola compañía británica Avro. Foi o derradeiro avió desenvolvido por Avro antes da súa disolución.

O HS 748 desenvolveuse a finais dos anos 50 como un movemento para reorientar a compañía cara o mercado civil e a exportación. Impulsado polo popular motor turbohélice Rolls-Royce Dart, deseñouse especificamente como un alimentador moderno substituto do envellecido Douglas DC-3 que na época aínda era moi usado. Orixinalmente planeouse que sentase a un pequeno número de pasaxeiros, pero os estudos de mercado indicaron que unha capacidade de 40 asentos sería óptima para o tipo. Para diferencir o novo avión dos seus competidores, deseñouse para ter un alto nivel de rendemento, con capacidades para engalaxes e aterraxes curtas (STOL), e unha construción bastante robusta. O seu primeiro voo foi o 24 de xuño de 1960 e a serie 1 HS 748 entrou en servizo no ano seguinte.

Unha vez en servizo, o HS 748 atopou un nicho no mercado de curta distancia. Desenvolvéronse varios modelos distintos do avión rexional, e entre as típicas melloras estiveron a adopción demotores Dart máis potentes e o aumento do peso bruto. A variante máis distintiva foi quizais o HS 780 Andover, un transporte militar desenvolvido para a Royal Air Force (RAF) cunha gran rampla de carga traseira e un tren de aterraxe principal máis baixo para axudar a cargar obxectos voluminosos. En 1988, o ano no que deixou de fabricarse, producíranse 380 unidades entre Hawker Siddeley (a propietaria de Avro) e a compañía india Hindustan Aeronautics Limited (HAL). Durante os anos 90 desenvolveuse unha variante máis grande do, o BAe ATP, como un intento de competir cos íderes do seu mercado, o de Havilland Canada Dash 8 e o ATR 42, pero tivo unha vendas moi limitadas fabricándose só un feixe de unidades.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Tras a publicación en 1957 do Libro Branco de Defensa, no cal o entón ministro de Defensa Duncan Sandys anunciou a finalización de case todos os desenvolvementos de avións militares tripulados, o fabricante Avro decidiu que debería centrarse no mercado civil. Dez anos antes lanzara o avión de pasaxeiros Avro Tudor, pero este modelo tivera vendas moi baixas; así, durante 1958, a empresa decidiu crear un novo deseño a partir de cero, e que finalmente se convertería no HS 748. O 9 de xaneiro de 1959 anunciouse a existencia do proxecto, coñecido entón como o Avro 748.[1]

Nese momento o catrimotor Vickers Viscount xa asegurara a meirande parte do mercado de curto alcance, polo que Avro decidiu que deseñaría un avión rexional máis pequeno, impulsado por un par de motores turbohélice Rolls-Royce Dart. A compañía pensou que este avión sería un substituto axeitado para os moitos DC-3 Dakota que na época estaban chegando ao final da súa vida útil. Segundo a publicación Flight International, un dos principais obxectivos do equipo de deseño foi o de producir un avión que fose capaz dende calquera aeródromo no que puidese operar o DC-3.[2]

As primeiras intencións para o avión eran que tivese unha capacidade para 20-30 asentos, adoptando unha configuración semellante á do seu futuro rival, o Fokker F27 Friendship; porén, tras discusións con varios clientes potenciais, a compañía optou por unha configuración de á baixa e unha capacidade de 40 asentos. Outro punto importante para o futuro avión era que cumprise cos estándares de aeronavegabilidade tanto británicos como estadounidenses; segundo isto, debería ser un dos primeiros avións de tamaño medio en incorporar principios de deseño de vida segura para a súa estrutura en lugar dos principios comúns que se estaban practicando na época.[2] A fuselaxe carecía efectivamente dunha vida útil imposta; durante o seu desenvolvemento probouse exitosamente usando un tanque de auga chegando ao equivalente a 100 000 horas de voo.[2]

Avro non era a única compañía que vía o potencial dun substituto do DC-3 e, nese momento, o traballo do competidor directo do 748, o F27 Friendship de fabricación neerlandesa, estaba moi avanzado. Para diferenciarse dos seus competidores, Avro decidiu centrar os seus esforzos e acadar un deseño máis robusto que ofrecese un mellor rendemento en engalaxes e aterraxes curtas (STOL), que permitía ao futuro avión ser operado en aeroportos máis pequenos e austeros, incluídos aqueles sen pistas modernas.[3] Esta capacidade STOL conseguíuse grazas a distintas características, como a adopción dunha á longa de elevación alta, que estaba equipada cun único slot flap e cunha lengüeta servo no bordo de saída. Esta á estaba montada abaixo na fuselaxe con diedro dende a raíz, permitíndolle unha boa separación xeral do chan e unha montaxe doada do robusto tren de aterraxe. Operacionalmente, os pilotos podían elixir entre tres configuracións de flaps para a engalaxe para seleccionar o nivel de rendemento STOL requirido.[2]

Outra característica do 748 foi a decisión de adoptar sistemas sinxelos e compoñentes xa probados onde fose posible.[2] A conveniencia do operador, os motores proporcionábanse cun sistema interno de ignición; outros sistemas e estruturas deseñáronse para que fosen doados de inspeccionar e de reparar, incluso en pistas non preparadas con equipamento dispoñible limitado. Probablemente como consecuencia destas cualidades o 748 chamou rapidamente a atención de varias aeroliñas, particularmente daquelas que operaban en áreas remotas.

En voo[editar | editar a fonte]

Avro 748 Series 1 de BKS Air Transport

O 24 de xuño de 1960 o primeiro Avro 748 fixo o seu voo de estrea dende a fábrica da compañía en Woodford, Cheshire.[3] As probas de voo dos prototipos validaron rapidamente o rendemento do avión en pistas curtas. Fabricáronse 18 Avro 748 Series 1; durante o mes de abril de 1962 entregouse o primeiro avión de produción ao seu cliente de estea, Skyways Coach-Air Limited. Porén, a meirande parte das unidades da serie 1 exportáronse a Aerolíneas Argentinas. A principios dos 60 a identidade individual de Avro dentro do Hawker Siddeley Group desapareceu, e a partir dese momento o avión comercializouse como o HS 748.

Tras o grupo inicial da serie 1, a produción pasou á mellorada serie 2. A serie 2 era moi semellante ao seu predecesor pero equipaba o motor Dart RDa 7 Mk 531 con máis potencia e tiña un maior peso. Segundo a publicación Flight International, durante o ano 1960 o prezo básico dun Avro 748 Series 1 novo era de 176 000 libras, mentres que o do Avro 748 Series 2 era de 196 000.[1]

Durante o ano 1967 introducíuse a serie 2A, que basicamente era o mesmo avión con motores Mk. 532 e máis peso. De 1971 en diante estiveron dispoñibles novas opcións para os clientes, como unha gran porta de carga na parte traseira da cabina e un chan reforzado. No ano 1979 chegou a serie 2B, cunha envergadura 4 pés máis longa, a adopción de motores Mk 536-2, unha cabina de pasaxeiros modernizada, e varias melloras no sistema de inxección e no sistema antiincendios dos motores.

En 1976 Eric Johnson, director de enxeñaría de vendas de Hawker Siddeley Manchester, dixo que a compañía estaba estudando opcións para equipar un modelo do HS 748 con motores turboventiladores, e que unha das opcións favoriras nese momento era o Rolls-Royce/SNECMA M45H, como o usado no VFW-Fokker 614.[2] Outros cambios que se poderían incorporar eran a adición de spoilers e freos adaptativos para un mellor rendemento nas aterraxes, mentres que se redeseñarían os sistemas eléctricos, hidráulicos e de aire acondicionado; externamente, tiña que introducirse un diedro para manter o plano de cola libre do escape dos motores. O avión remotorizado podería ofrecer máis capacidade, sentando ata 64 pasaxeiros.[2]

Ademais da liña de produción británica, a fabricación do 748 tamén se realizou no estranxeiro. India realizara pedidos do avión cedo[1] e tanto o 748 Series 1 como o Series 2 fabricáronse baixo licenza pola construtora india Hindustan Aeronautics (HAL). Os avións fabricados por HAL foron designados HAL-748. O 1 de novembro de 1961 o primeiro HAL-748 realizou o seu voo de estrea.[3] A compañía india poduciu un total de 89 aparellos, 72 dos cales foron para a Forza Aérea da India e 17 para a aeroliña nacional, Indian Airlines.

Aínda que o HS 748 estaba dirixido principalmente cara o mercado civil, varias unidaddes venderonse a clientes militares de todo o mundo. Hawker Siddeley usou o deseño como base para o HS 780 Andover, un transporte militar desenvolvido e fabricado para a Royal Air Force. O HS 780 era moi semellante ao 748, diferenciándose principalmente na redeseñada parte traseira da fuselaxe e a cola, que incorporaban unha gran rampla de carga e un tren de aterraxe máis baixo para facilitar a carga de obxectos voluminosos.[3]

No o ano 1988 rematou a produción do HS 748, e o 1 de decembro dese ano fixo o seu voo de estrea o derradeiro avión fabricado polos británicos.[3] Segundo BAE Systems, unha das compañías sucesoras de Hawker Siddeley, fabricáronse un total de 381 unidades, incluídos os Andover e os producidos por HAL.[3]

Historial operacional[editar | editar a fonte]

Durante a primeira década na que estivo dispoñible, as vendas do HS 748 foron relativamente enérxicas; en 1976 chegouse aos 312 avións vendidos, dos cales 259 vendéronse fóra do Reino Unido.[2] Neses dez anos a India emerxera como o maior mercado para o aparello e Indian Airlines converteuse no principal operador do HS 748, cunha frota de 26 avións.[4] Fíxose popular entre numerosos operadores comerciais, e só no Caribe e América do Sur había 63 HS 748 operando en 11 aeroliñas.[4]

O HS 748 conseguira algunhas vitorias sobre os seus rivais, entre eles o F27 Friendship. Philippine Airlines era o maior operador do F27 ata que decidiu substituílos, xunto cos DC-3, polo HS 748, representando un gran salto nas vendas.[2] Outros grandes operadores civís foron Aerolíneas Argentinas, VARIG, Thai Airways, LAN Chile e Bouraq Airlines. Varios destes operadores utilizaron as capacidades STOL nos seus servizos; segundo a publicación Flight International ao redor dun terzo das operacións regulares realizábanse en pistas pouco preparadas con instalacións mínimas.[4]

Outro mercado clave para o HS 748 foi o de avións executivos; o tipo foi mercado repetidamente para servir como avión designado a varios xefes de estado, como por exemplo de países como Arxentina, Brasil, Chile, India, Venezuela, Zambia, Tailandia e Reino Unido.[4] O HS 748 foi un dos últimos avións en ser pilotado polo destacado aviador e home de negocios Howard Hughes. Durante o ano 1972 Hughes realizou varios voos co modelo, en todos eles acompañado polo piloto de probas de Hawker Siddeley Tony Blackman, voando dende o aeroporto da compañía en Hatfield.[5][6]

Os militares australianos mercaron varios avións, concretamente a Real Forza Aérea de Australia (RAAF) fíxose cunha frota de dez HS 748, chegando o primeiro deles en 1968 para servir como adestrador de navegación e como transporte VIP.[7] A Real Armada de Australia (RAN) operou dous HS 748 a partir de 1973 como adestradores de navegación. Tras o ciclón Tracy, entregouse axuda en Darwin, Territorio do Norte, usando este modelo. Despois de ser equipados con varias contramedidas electrónicas (ECM) a finais dos anos 70, o HS 748 tamén foi usado como adestrador de guerra electrónica.[7]

Nunha configuración típica de pasaxe o HS 748 pode acomodar 40-48 asentos de clase económica nun esquema de catro pasaxeiros por ringleira; porén, a meirande parte dos últimos HS 748 de pasaxeiros operáronse como combis. Estes avións estaban equipados cunha tabique móbil que dividía a cabina principal, levando entre 4 e 40 asentos na parte traseira e carga na dianteira.[4] O 748 tamén foi moi usado como cargueiro puro, tendo unha carga útil máxima dunhas 12 000 libras. Varias aeroliñas usaron o 748 como transporte de combustible a granel, con sete ou oito depósitos fixos instalados na cabinacunha capacidade total duns 7 500 litros.[8]

Variantes[editar | editar a fonte]

HS-780 Andover
  • 748 Series 1 - o Avro 748 orixinal, impulsado por dous turbohélice Rolls-Royce Dart RDa 7 Mk 514. 24 fabricados.[3]
  • 748 Series 2 - a serie 2 entrou en produción en 1961 cun maior peso máximo de engalaxe e motoresMk 531. 111 fabricados.
  • 748 Series 2A - introducida en 1967, cun maior peso máximo de engalaxe e motores Mk 532 ou 534. Foi a versión máis popular do 748 con 157 aparellos fabricados.
  • 748 Series 2B - o principal modelo de produción despois de que Hawker-Siddeley fose absorbida por British Aerospace. O 2B tiña 4 pés máis de envergadura, maior peso, motores Mk 536, unha cabina modernizada e melloras nos sistemas. 28 fabricados.
  • Super 748 - era basicamente igual que o 2B con kits de silenciamento do motor. 8 fabricados.
  • Hawker Siddeley HS780 Andover - versión modificada do deseño 748 para a Royal Air Force. Estaba equipado cun tres máis baixo, cola elevada e unha rampla de carga traseira.
  • Coastguarder - versión de patrulla marítima.[3][9]
  • 748 Andover - versión militar de transporte de pasaxeiros.[3]
  • HAL 748 - producido baixo licenza por Hindustan Aeronautics Limited en Bangalore, India. Os avións indios foron despois modificados para distintos roles.[3] 89 fabricados.
  • HAL 748 Series 2M - versión para a Forza Aérea da India (os últimos 20 fabricados). Eran Series 2M cunha gran porta de carga.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Avro 748." Flight International, 18 de novembro de 1960. p. 783
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "HS.748 looks to the 1980s." Flight International, 22 de maio de 1976. p. 1342
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 3,9 "Avro 748 & Avro 748MF". BAE Systems (en inglés). Consultado o 2020-12-05. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "The 748 is Ten." Flight International, 2 de xullo de 1970. pp. 12-13
  5. Blackman 2005, p. 265
  6. Hayles-Dutton, setembro de 2020, p. 136
  7. 7,0 7,1 "Hawker Siddeley HS 748". www.navy.gov.au (en inglés). Consultado o 2020-12-19. 
  8. Hayles-Dutton, setembro de 2020, p. 131
  9. Field, Hugh and Mike Hirst. "Coastguarder at sea." Flight International, 21 de abril de 1979. pp. 1249-1251.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hayles-Dutton, Bruce (setembro de 2020). "Database: Avro/Hawker Siddeley 748 & Andover". Aeroplane 48 (9): 121–136. ISSN 0143-7240.