O rinoceronte de Sumatra (Dicerorhinus sumatrensis) é un membro da familia Rhinocerotidae e unha das cinco especies de rinocerontes que existen. É a única das especies vivas do xénero Dicerorhinus. É o máis pequeno dos rinocerontes, sendo aínda un gran mamífero. Ó igual que as dúas especies africanas, ten dous cornos; o máis longo é o corno nasal, de entre 15 e 25cm, mentres que o outro corno é un toco. Unha capa de pelos vermello-castaños cobre a maioría do corpo do animal.
Membros desta especie habitaron unha vez as selvas e bosques chuviosos da India, Bután, Bangladesh, Myanmar, Laos, Tailandia, Malaisia, Indonesia e a China. Outrora habitaron no suroeste da China, particularmente en Sichuan.[1][2] Hoxe, a especie atópase en perigo crítico, con só seis poboacións en liberdade: catro en Sumatra, unha en Borneo e outra na península de Malaisia. O seu número é difícil de determinar xa que son animais solitarios que viven esparexidos por todo o seu hábitat, pero estímase que quedan menos de 275. Os superviventes da península malaia están en dúbida, e unha das poboacións de Sumatra pode estar xa extinta. O número total pode ser mesmo inferior a 200.[3] O declive do número de rinocerontes de Sumatra atribúese principalmente á caza polos seus cornos, moi valorados na medicina tradicional chinesa.
Esta especie é moi solitaria agás polas crías. É a máis vocal das especies de rinoceronte, podendo comunicarse tamén ritmos cos pés, retorcendo árbores e plantóns en diferentes patróns, e depositando excrementos. A especie está moito máis estudada que a do rinoceronte de Xava, en parte debido ó programa que ten 40 rinocerontes de Sumatra en catividade co obxectivo de recuperar a especie. O programa foi considerado un desastre, mesmo polos seus iniciadores, xa que a maioría dos rinocerontes morreron sen que nacera unha soa cría en case 20 anos.