Rego do Batán, río Masma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O rego do Batán é un subafluente[1] do río Masma que discorre polo concello de Lourenzá, na comarca da Mariña Central.

Características[editar | editar a fonte]

Nace na parroquia da Muxueira, a máis setentrional do concello de Riotorto, na serra das Augas Santas. Deseguida intérnase no concello de Lourenzá pola parroquia de Santo Adrao, flanqueando as faldras occidentais da serra da Cadeira, que separa as bacías do río Eo e do Masma[2].

Neste primeiro treito recibe o nome de rego da Carballeira, ata amecer as súas augas coas dos regos da Carqueixa e do Costal. Aquí deixa as terras costentas do seu curso alto para entrar no vizoso val de Lourenzá.

Percorre o val de sur a norte, atravesando as parroquias de Santo Adrao e San Tomé, nas que segue recibindo regatos pola súa marxe dereita. Nesta última parroquia pasa preto do Pazo de Tovar. O nome do rego probablemente provén de antigos batáns na zona, xa que en ambas as parroquias pasa por senllos lugares chamados O Batán.

O principal dos seus afluentes pola esquerda é o río Vaos, no lugar de Mazúa, xa na parroquia de San Xurxo. No entanto, a maioría das fontes actualmente tenden a considerar o Vaos como curso fluvial principal e o Batán como afluente seu; entre elas o concello[3] e o egrexio laurentino Francisco Fernández del Riego[4]. Os carteis máis recentes nas pontes que cruzan o río augas abaixo a partir deste punto tamén indican 'río Baos'. A plataforma colaborativa de microtoponimia Galicia Nomeada inclúe neste treito a etiqueta 'río Vaos'. Mapas online como Google Maps e OpenStreetMap identifícano como 'río Batán' e 'rego do Batán' respectivamente, mentres que na aplicación cartográfica Iberpix do Instituto Xeográfico Nacional non se especifica nome ningún para o río entre a confluencia de Mazúa e a súa desembocadura no Masma. Mesmo institucións como a Xunta de Galicia seguen reflictindo na súa documentación oficial a confusión verbo da denominación do río ao seu paso pola parroquia de Santa María[5].

Ben como Baos ou Vaos (ortografía coherente coa orixe do hidrónimo), ben como Batán, este curso de auga continúa en dirección noroeste nos últimos quilómetros do val antes de formar un meandro que abraza a capital municipal, Vilanova, que lle queda á esquerda. Tras pasar por baixo da Ponte de Pedra, abandona a vila nunha caivanca que é salvada polo viaduto da estrada N-634. Uns dous quilómetros máis adiante pasa por debaixo dun segundo viaduto, o da autovía A-8, antes de desembocar no río Masma, preto do lugar da Ribeira.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Alba, O. Modificación puntual normas subsidiarias de planeamiento (O Bordón, Vilanova de Lourenzá). Estudio Ambiental Estrategico, p. 7
  2. Adela Leiro e Mon Daporta
  3. "Datos Xerais | Concello de Lourenzá". www.concellodelourenza.gal. Consultado o 2019-07-18. 
  4. Morán, Xurde (2014-03-31). "Xurde Morán: CAPELA DA SANTA CRUZ: BAJANDO A VILANOVA DE LOURENZÁ, LUGO (GALICIA)". Xurde Morán. Consultado o 2019-07-18. 
  5. Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao Camiño Norte e Ruta de Peregrinación da Costa, p. 7