Regina Kanyu Wang

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRegina Wanyu Kang (王侃瑜)

Regina Wanyu Kang no 2019
Biografía
Nacemento1990
Shanghai
Datos persoais
País de nacionalidadeChinesa
EducaciónUniversidade de Oslo
Actividade
OcupaciónEscritora

Regina Kanyu Wang ou Wang Kanyu (chinés simplificado: 王侃瑜; pinyin: Wáng Kǎnyù), nada en Shanghai en 1990, é unha académica, editora e escritora chinesa de ciencia ficción bilingüe, en chinés e inglés.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Regina Kanyu Wang foi galardoada en catro ocasións co Xingyun, o equivalente ao premio Nebula chinés. É cofundadora do SF AppleCore, club para o fandom de ciencia ficción e o de maior tamaño no leste chinés,[2] e membro da xunta da World Chinese Science Fiction Association (WCSFA) a asociación mundial de ciencia ficción chinesa.

Regina viaxou habitualmente por Europa e os Estados Unidos dando a coñecer a ciencia ficción chinesa e promovendo o establecemento de vínculos entre asociacións de fans chineses emigrados.

O seu relato Back to Myan gañou o concurso SF Comet en 2015. A maiores da súa publicación habitual de ficción - publicada en revistas do xénero como Science Fiction World, Mengza, Bundpic, Numéro e Elleman - tamén lanzou un libro sobre cociña tradicional de Shanghai, The Seafood Restaurant. É unha columnista en inglés, onde fala sobre o fandom chinés, na revista Amazing Stories Magazine.

O seu único guión cinematográfico, Yunwu 云雾 ("Nubes e brétema", 2015), escrito a dúas mans con Anna Wu, recibiu o galardón a mellor guión nos premios Xingyun.[3]

Foi a editora de New Voices in Chinese Science Fiction (2022) e da antoloxía previa The Way Spring Arrives, conxuntamente con Yu Chen en 2019.

Con formación de diplomada en Escola de negocios e un máster en Literatura Creativa na Universidade de Fuan é actualmente unha estudante de doutoramento na Universidade de Oslo dentro do proxecto CoFutures[4] do departamento de Estudos Culturais e Linguas Orientais. Na industria privada Regina Kanyu Wang é actualmente a xerente de relacións públicas internacionais de Storycom, empresa chinesa adicada a adaptar relatos de ficción especulativa a outros medios, como o cinema, os videoxogos e a banda deseñada.[5]

O seu relato curto editado na antoloxía en castelán Estrellas Rotas, «La caja cerebral», examina como elaboramos interpretacións sesgadas das nosas vidas, dentro dun relato de ficción entre psicólogos nun futuro próximo.

Relatos curtos[editar | editar a fonte]

  • Chóngfǎn míān 重返弥安 ("Regresar a Mian", 2015). Traducido ao inglés como Back to Myan (2017) e ao romanés como Întoarcerea pe Myan (2020)
  • Yúnwù 云雾 ("Nubes e néboa", 2015). Traducido ao italiano como Nuvole e nebbia (2019)
  • Xiāfángyuán 消防员 ("O bombeiro", 2016). Traducido ao italiano como Il vigile del fuoco (2019)
  • Nǎoxiá 脑匣 ("A caixa do cerebro", 2018). Traducido ao inglés como The Brain Box (2019); ao xaponés como ブレインボックス (2020); ao alemán como Brainbox (2020); ao ruso como Мозговой ящик (2020) e ao castelán como La caja cerebral (2020)[6]
  • The Gift ("O agasallo", 2018)
  • Yǔ mó 语膜 ("A membrana da linguaxe", 2019) traducido ao inglés como: The Language Sheath (2020)
  • The Story of Dăo ("A historia de Dao", 2019)
  • The Winter Garden ("O xardín de inverno", 2021)
  • The Tide of Moon City ("A marea da cidade da lúa", 2021)
  • Huǒxīng shàng de Zhùróng 火星上的祝融 ("Zhurong en Marte", 2022)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

  • 王侃瑜 (La literatura china traducida en España)