Ramón Obella Vidal
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1888 Bastavales, España |
Morte | 11 de agosto de 1951 (62/63 anos) Vigo, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | médico, emprendedor |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Ramón Obella Vidal, nado en Bastavales (Brión) en 1888 e finado en Vigo o 11 de agosto de 1951, foi un médico e empresario galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Ramón Obella Patrón. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (1905-1912). Emigrou a Arxentina. Retornado, foi presidente do Sindicato Agícola y Pecuario de Bastavales (1927).[1] Na Segunda República dirixiu o periódico do sindicato, O Vencello Mahián, e militou no Partido Galeguista. Na III Asemblea do Partido Galeguista celebrada en Ourense en 1934 presentou o relatorio "Autodeterminación funcional", e formou parte do Consello Nacional do Partido en 1936. Tamén artellou un grupo chamado Os Fillos do Sol para realizar deportes náuticos e actividades naturistas, que tiña a súa base na praia de Samil.
En 1935, asociado co farmacéutico Rubira, o economista e político Alexandre Bóveda e Fernando Calvet Prats, profesor de química orgánica e catedrático da Facultade de Ciencias da USC, puxo en marcha os laboratorios Miguel Servet en Vigo, coa denominación de Instituto Bioquímico. Con Calvet de director técnico e con Obella de supervisor levouse a cabo a montaxe e a organización dos laboratorios e dos primeiros estudos sobre métodos de conservación, análise e extracción do caruncho do centeo, para obter alcaloides que se empregarían para elaborar o Pan-Ergot, un medicamento indicado para as afeccións como a xaqueca e os glaucomas, e outros produtos como o Piretón, antiálxico e antipirético, e o Pan-Neural, un inxectable tónico-estimulante.
A empresa só durou un ano, co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 Calvet marchou ao estranxeiro e Obella estivo no punto de mira dos sublevados, pero un dos seus socios fixo que non fose obxecto de persecución. Obella obtivo unha licenza de importación e exportación para traer caruncho de Portugal, pois as súas plantacións no Porriño non producían o suficiente para elaborar preparados. En agosto de 1937 rexistrou unha empresa no Porto co nome de Zeltia, que foi o antecedente da razón social coñecida co mesmo nome, creada no Porriño en agosto de 1939 e da cal foi socio fundador con Calvet (que volveu do seu autoexilio preventivo e foi o director científico) e os irmáns Antonio e Xosé Fernández López.
Dende Porto con Ramiro Isla Couto, e en contacto con Rodolfo Prada e os nacionalistas galegos da Arxentina, mantiveron unha rede de evasión dende mediados de 1937 até finais de 1938 empregando como pantalla o Instituto bioquímico Miguel Servet, que permitiu a moitos republicanos galegos fuxir de Galicia e pasar ao bando leal.[2] Finou en Vigo o 11 de agosto de 1951.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Pueblo Gallego, 16-10-1927, p. 15.
- ↑ Cilia Torna (9 de xaneiro de 2022). "As redes de fuga da Galiza franquista promovidas polos nacionalistas". Nós Diario.
- ↑ "Falleció D. Ramón Obella", La Noche, 13-8-1951, p. 2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Giráldez Lomba, Antonio (2010). 200 memorias de Vigo (en castelán). Caixanova, Faro de Vigo e Alcaldía de Vigo. p. 96. VG 955-2010.
- Gurriarán, Ricardo (2005). "Obella Vidal, Ramón". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Gurriarán, Ricardo (2009). Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista (PDF). Vigo: Foro Peinador. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13/4/2016.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ocampo, Elena (2/12/2012). "La Irmandade da Sanidade Galega homenajea a Ramón Ovella, cofundador de Zeltia por su humanismo" Faro de Vigo (en castelán).