Ramón Lamote

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ramón Lamote Miñato, coñecido como Ramón Lamote, é un personaxe de ficción creado polo escritor lugués Paco Martín e debuxado polo ilustrador Xan Balboa por vez primeira en 1985.

Características[editar | editar a fonte]

Trátase do protagonista do libro Das cousas de Ramón Lamote, obra fundacional que supón a introdución na literatura xuvenil galega na corrente do realismo máxico de herdanza cunqueiriá[1], un dos grandes éxitos de vendas da literatura galega[2], e especialmente o best-séller[3] da literatura infantil e xuvenil feita en Galiza[4]. Amais, o libro foi incluído nas reputadas listaxes do IBBY Honour List (1986) e mais do White Ravens (1988); así mesmo o autor foi recoñecido co Premio Nacional de Literatura que outorga o Estado Español (1986) grazas a este título, que máis de 20 anos despois, en 2008, tivo unha continuación, coa saída ao mercado de Das novas cousas de Ramón Lamote, tamén ilustrado por Xan Balboa e publicado por Galaxia.

Canto ás características do personaxe como tal, dicir que Ramón Lamote traballa como profesor de chairego[5] e debuxante de soños por encarga. Trátase dun home comprensivo e de mirada curiosa, pouco aleuto para as novas tecnoloxías, cheo de retranca, entregado a entender as cousas cotiás, en interpretar o comportamento alleo, amábel e preocupado pola xente que está a perder a capacidade de soñar[6]. No preliminar de Das cousas..., Paco Martín presentábao deste modo:

Sabido é que as poboacións cativas -e quizais tamén as outras- teñen sempre alguén que vén se-la presentación viva das rúas, xardíns e edificios, alguén que encarna a calma de pedra e cemento que as conforma.
A Ramón Lamote -sesenta e un anos vividos día a día na Cidade- correspondeulle neste tempo esa resposabilidade e el sóuboa aceptar sen reparo e fai por levala coa ledicia e dignidade precisas.

Así o presentaba a editorial en 2008 co gallo da publicación de Das novas cousas de Ramón Lamote:

Para toda unha xeración de galegos e galegas, Ramón Lamote é alguén máis ca un personaxe literario. A forza e a tenrura do profesor de chairego e debuxante de soños por encarga creado por Paco Martín, e o significado crucial de Das cousas de Ramón Lamote na historia da literatura infantil e xuvenil galega, fixeron que Ramón Lamote xa conte cun espazo de seu no noso imaxinario colectivo. Foi quen de acadar algo tan difícil como trascender da obra e do autor dos que naceron. Ramón Lamote conta con vida propia.

A crítica Isabel Soto, falaba así do Lamote de 2008:

o señor Lamote mantén a mesma ollada retranqueira, tenra e crítica, pode que cun punto máis de nostalxia polo paso dos anos, pero co optimismo de quen cre firmemente nas súas conviccións e nunha maneira de vivir.

Noutra orde de cousas, mencionar que o editor Manuel Bragado adoita empregar o termo Xeración Lamote[7] para se referir a un grupo de escritores galegos, lugueses, algúns deles chairegos (Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz etc.) que renovaron a literatura galega infantil nos anos oitenta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Panorámica da lit. xuvenil galega Arquivado 05 de setembro de 2008 en Wayback Machine., por Ánxela Gracián, para Praza das Letras (páx.11)
  2. Vai pola 23ª edición e recibiu o Premio Barco de Vapor de 1984.
  3. Paco Martín resucita a Ramón Lamote, un 'best-seller' dos 80 Arquivado 22 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., reportaxe no xornal Tierras de Santiago o 20 de xullo de 2010.
  4. Panorama da literatura infantil e xuvenil en lingua galega no século XXI Arquivado 03 de abril de 2010 en Wayback Machine., por Diego Muñoz Carrobles na revista Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada pola UCM (páx.87).
  5. No segundo libro, xa está retirado.
  6. Entrevista con Paco Martín Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine., no Faro de Vigo o 4 de febreiro de 2008.
  7. Xeración Lamote, post no blog de Bragado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]