Realismo máxico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escultura de Álvaro Cunqueiro na coruñesa praza do Humor.

O realismo máxico é un movemento literario e pictórico de mediados do século XX que se define pola súa preocupación estilística e o interese de mostrar o irreal ou estraño como algo cotián e común. Non é unha expresión literaria máxica, a súa finalidade non é suscitar emocións, se non, máis ben, expresalas, e é, sobre todas as cousas, unha actitude fronte á realidade.

O realismo máxico comparte características co realismo épico, como a pretensión de dar verosimilitude interna ao fantástico e irreal, a diferenza da actitude nihilista asumida orixinalmente polas vanguardas, como o surrealismo.

O termo foi creado por un crítico de arte, o alemán Franz Roh, para describir unha pintura que demostraba unha realidade alterada, e chegou ao idioma castelán coa tradución en 1925 do libro Realismo mágico (Revista de Occidente, 1925), que foi en gran medida influído polas obras surrealistas da escritora chilena María Luisa Bombal.[1] Máis tarde, en 1947, foi introducido na literatura hispanoamericana por Arturo Uslar Pietri no seu ensaio El cuento venezolano.[2] Sinala Uslar:

O que veu a predominar no conto e a marcar a súa pegada dunha maneira perdurábel foi a consideración do home como misterio en medio de datos realistas. Unha adivinación poética ou unha negación poética da realidade. O que a falta doutra palabra poderá chamarse un realismo máxico.[3]

O termo, obviamente, pasou ao galego a través do castelán.

Entre os seus principais expoñentes na literatura en castelán están o uruguaio Horacio Quiroga, o guatemalteco Miguel Ángel Asturias, o peruano Mario Vargas Llosa e o colombiano Gabriel García Márquez, os tres últimos galardoados co Premio Nobel de Literatura.

É interesante citar aquí a opinión do mesmo Asturias:

O meu realismo é máxico porque el revela un pouco de soño, tal como o conciben os surrealistas. Tal como o conciben tamén os maias no seus textos sagrados. Lendo estes últimos, eu deime de conta [de] que existe unha realidade palpábel sobre a cal se enxerta outra realidade, creada pola imaxinación, e que se envolve de tantos detalles que chega a ser tan 'real' como a outra. Toda a miña obra desenvólvese entre estas dúas realidades.

Noutras literaturas destacan autores como o brasileiro Jorge Amado e o galego Álvaro Cunqueiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. María Luisa Bombal na Encyclopaedia Britannica.
  2. Arturo Uslar Pietri, El cuento venezolano en 'Letras y hombres de Venezuela', Madrid, Editorial Mediterráneo (3ª edición, 1974).
  3. Citado por Víctor Bravo en Magias y maravillas en el continente literario (Caracas, Ediciones de la Casa de Bello, 1991), pp. 14-15.