Rally da Coruña de 1986

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
XVI Rally Cidade da Coruña
CategoríaGalicia Galicia
LocalizaciónA Coruña
OrganizadorEscudería Centollo
ÁmbitoRexional
SuperficieAsfalto
Tramos10
Distancia tramos66,6 km
Gañadores
Piloto campiónningún
AnteriorRally da Coruña de 1985
SeguinteRally da Coruña de 1988

O Rally da Coruña de 1986 foi a 16ª edición de dito rally e a última proba da tempada 1986 do Campionato de Galicia de Rally.

Celebrouse o 8 de novembro de 1986, sendo cancelado aos poucos minutos de comezar debido a un accidente que provocou a morte dun espectador e feriu a varias persoas máis.[1]

Itinerario[editar | editar a fonte]

Estaban programados 228,8 km de percorrido, dos cales 66,6 km eran cronometrados e estaban divididos en dez pasadas por catro treitos diferentes do seguinte xeito: dúas pasadas polos treitos de Cambre (3,6 km), e Ois-A Espenuca (6,6 km) e tres polos de Doroña (8,3 km) e Vilouzás (7,1 km).

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O primeiro en tomar a saída foi o Renault 5 GT Turbo dos xa campións José Mora e Luís Moya, que pouco despois de arrincar saíuse da estrada e foi bater contra unha casa. Once minutos despois tomou a saída o coche número 18, outro GT Turbo pilotado polo vigués José Manuel Diz e copilotado por Germán Gómez. A poucos quilómetros da saída o piloto perdeu o control despois dun salto nun cambio de rasante e precipitouse sobre o público. O vehículo golpeou fortemente a Fernando Alonso Vilán, un veciño do Graxal de 36 anos que se atopaba filmando o rally en vídeo, falecendo ao instante. Ademais resultaron feridas varias persoas, a maioría nenos, dous deles de gravidade. Os feridos foron trasladados ao Hospital Universitario da Coruña e ao materno infantil Teresa Herrera.[2]

A Escudería Centollo, organizadora do rally decidiu a suspensión total deste e non se declarou ningún gañador.

Xuízo[editar | editar a fonte]

Case cinco anos despois, en outubro de 1991 celebrouse na Coruña un xuízo no que se condenou ao piloto José Manuel Diz a unha multa de 20.000 pesetas, a retirada do carnet de conducir durante dous meses e a pagar unha indemnización de 14 millóns de pesetas. Ademais obrigouse a dúas compañías aseguradoras a facerse cargo das indemnizacións, así como á Escudería Centollo.

A sentenza concluíu que Diz debería ter reducido a velocidade ao detectar espectadores no bordo da estrada. O presidente da Escudería Centollo foi absolto do delito de imprudencia e da falta de neglixencia, dos que estaba acusado.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Un muerto y dos heridos graves, al ser arrollados por un turismo que participaba en el rally de La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de novembro de 1986. p. 1. 
  2. "El accidente mortal del rally de La Coruña se produjo en el primer tramo de velocidad, al salir de un cambio de rasante". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de novembro de 1986. 
  3. "El piloto que causó la muerte a una persona en un rally de La Coruña tendrá que pagar 14 millones de indemnización". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 16 de outubro de 1991. p. 28. 


Predecesor:
Rally San Froilán
 Campionato de Galicia de Rally 
Tempada 1985
Sucesor:
-