Río Alagón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alagón
Rio Alagon Paraje Santa Ana Munic Monleon.jpg
O río Alagón no curso alto ao paso polo concello de Monleón
País España
Rexión n/d
Nacemento Frades de la Sierra (Salamanca)
Altitude n/d
Lonxitude 209 km
Caudal medio
Conca 4.405 km²
Desembocadura Río Texo

O Alagón é un río do oeste da Península Ibérica, afluente do Texo, no cal verte as súas augas logo dun percorrido de 209 km[1] que o tornan o seu máis longo tributario, aínda que non o de maior caudal.

Nome[editar | editar a fonte]

O seu nome é claramente prelatino, pero non hai total acordo sobre a que substrato pertence. Johannes Hubschmid acólleo a unha raíz hidronímica *alaba, idea que non é compartida por outros autores, que opinan que pode derivar da raíz indoeuropea *al(a)- tamén hidronímica, como galo-celta *alaua, letón aluôts "fonte"[2].

Curso[editar | editar a fonte]

O Alagón nace por encima de Frades de la Sierra na zona nordeste da Serra da Peña de Francia, na provincia de Salamanca, na Comunidade de Castela e León, a uns 1.030 msnm. Dirixe o seu curso nun sentido xeral NE-SO, escavando o seu val na fractura formada entre a citada serra da Peña de Francia, que a bordea pola beira dereita, e a serra de Béjar, que a bordea pola marxe esquerda. Atravesa logo a comarca das Batuecas, antes de penetrar en terras estremeñas, polo centro-norte da provincia de Cáceres, onde segue encaixado en boa parte do percorrido, até que comeza a abrirse en veigas máis espaciadas na altura da cidade de Coria. No seu tramo final corta unha profunda garganta, coñecida como Canchos de Ramiro, para finalmente render as súas augas no Texo na altura de Alcántara.

Conca[editar | editar a fonte]

A bacía do Alagón ocupa unha área total de 4.405,7 km². O seu caudal medio absoluto, medido na estación de aforo de Galisteo, que só cobre algo máis da metade da conca, é de 667 Hm3 anuais. As precipitacións na área varían, sendo na zona das serras do seu curso alto de 1.400 mm anuais como media; porén no curso medio, no encoro de Valdeobispo, rexístranse 947 mm de media anual. De feito o río pasa por tramos de dominio atlántico de influencia mediterránea a tramos de mediterráneo subhúmedo, o que converte o seu val nunha zona de transición bioxeográfica e é, ademais un corredor biolóxico entre os ecosistemas da meseta norte e a rexión estremeña.

Afluentes[editar | editar a fonte]

O Alagón ten numerosos tributarios, moitos son de curto percorrido e sendo de maior desenrolo lonxitudinal os da marxe esquerda. Entre os principais cómpre indicar:

Localidades que atravesa[editar | editar a fonte]

Entre as localidades que baña o Alagón cómpre sinalar: San Esteban de la Sierra, Guijo de Granadilla, Coria, Garcibuey, Ceclavín, Montehermoso e Alcántara. De todas elas tan só Coria é unha cidade desde antigo.

Medio ambiente[editar | editar a fonte]

Os dominios climáticos atravesados polo Alagón fan del, como se indicou arriba, un auténtico corredor climático, con especies vexetais propias dos dominios atlánticos (carballos, castiñeiros, bidueiros, freixos) e outras mediterráneas (aciñeiras e sobreiras, érbedos, estebas). Entre a fauna hai que destacar o lince entre os mamíferos, e a cegoña negra (Ciconia nigra), o voitre leonado (Gyps fulvus) ou os cormoráns entre as aves. A parte norte da cunca está protexida pola súa inclusión no Parque Natural de Las Batuecas e Serra de Francia, que ademais ten sido aínda declarada Reserva da Biosfera. No curso medio ten a declaración de ZEPA.

Explotación[editar | editar a fonte]

As augas do Alagón estiveron comprendidas nos primeiros planos hidrolóxicos peninsulares elaborados en 1902 para captación de augas de regos. As transformacións posteriores conduciron á construción de tres encoros no propio río: Gabriel y Galán (1948) con capacidade para 924 hm³ e 120 Mw; Valdeobispo (1956) con capacidade para 53 hm³, e con aproveitamento mixto, hidroeléctrico e regadío; e o encoro de Guijo de Granadilla (1982) con 13 hm³ de capacidade e só de produción hidroeléctrica. No seu afluente, o río Árrago, está instalado o encoro de Borbollón, de uso dobre, xeración de electricidade e regadío.

Planos de transvasamento[editar | editar a fonte]

Nos anos últimos pensouse en realizar un transvasamento de augas desde o río Alagón a La Alberca, Salamanca, paralizado na actualidade (2008) tras as protestas efecuadas por salmantinos e cacereños.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Síntesis geográfica y estadística, in Atlas medio universal y de España. Madrid. Aguilar.1960, p. 25
  2. cfr. Francisco José Casillas Antúnez, Los hidrónimos prerromanos Alagón y Árrago, consultábel en [http:ab.dip-caceres.org/alcantara/alcantara_online/65/065-004.pdf]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]