Pyrobaculum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pyrobaculum é un xénero de microorgnismos do dominio das arqueas pertencentes á familia Thermoproteaceae. Como suxire o significado do seu nome ("bastón de fogo"), estas arqueas teñen forma de bacilo e foron illados en hábitat onde reinaban altas temperaturas. Son gramnegativas e as súas células están rodeadas por unha capa S composta por subunidades proteicas.

P. aerophilum é hipertermófila e metabolicamente moi versátil. A diferenza doutras termófilas pode vivir en presenza de oxíxeno e crece eficientemente en condicións microaeróbicas.

Xenoma[editar | editar a fonte]

A primeira especie de Pyrobaculum que foi secuenciada foi P. aerophilum. O seu xenoma circular é de 2.222.430 pares de bases de lonxitude e contén 2.605 secuencias codificantes de proteínas.[1]

Estrutura celular e metabolismo[editar | editar a fonte]

En condicións anaeróbicas, estas arqueas reducen o nitrato a nitróxeno molecular por medio dunha vía de desnitrificación.[2] A maioría das especies crecen quimiolitoautotroficamente por redución do xofre ou organotroficamente por respiración do xofre ou por fermentación. As células teñen forma de bacilo con extremos case perfectamente rectangulares e un tamaño de aproximadamente 1,5–8 x 0,5–0,6 µm. Pyrobaculum é móbil con flaxelación peritrica ou politrica bipolar, e as súas colonias son arredondadas e dunha cor de gris a verde branquecha. As especies son aeróbicas facultativas ou aeróbicas estritas. Observouse que crecen con extracto de lévedo, peptona, e extracto de carne, pero non con galactosa, glicosa, maltosa, amidón, glicóxeno, etanol, metanol, formamida, formato, malato, propionato, lactato, acetato, e casaminoácidos (medio de crecemento con aminoácidos e péptidos procedentes de hidrolizados de caseína).

A primeira especie de Pyrobaculum secuenciada, P. aerophilum (bacilo de, 3–8 x 0,6 µm), ten unha rara característica nunha arquea, xa que pode facer a respiración aerbica (aerophilum = "amante do aire"). Crece só en presenza de oxíxeno cando está ausente o nitrato. Produce colonias arredondadas e de cor cincenta. Utiliza tanto compostos orgánicos (as máximas densidades de células obsérvanse crecendo en substratos como complexos orgánicos como o extracto de lévedo, extracto de carne, triptona, e peptona) e inorgánicos durante a respiración aeróbica e anaeróbica. Tamén utiliza o xofre elemental para crecer. Ademais, P. aerophilum crece entre os 75 e os 104 °C cunha temperatura óptima de crecemento de 100 °C.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Ata o momento, illáronse cepas de Pyrobaculum de augas solfatáricas ferventes neutras ou lixeiramente alcalinas e en sistemas hidrotermais mariños pouco profundos.[3] P. aerophilum foi illada de pozas de augas mariñas fervendo na praia Maronti, Ischia, Italia. Outros estudos mostraron tamén que P. aerophilum pode crecer en condicións estritamente anaeróbicas con nitrato como aceptor de electróns.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sorel T. Fitz-Gibbon, Heidi Ladner, Ung-Jin Kim, Karl O. Stetter, Melvin I. Simon, and Jeffrey H. Miller. "Genome sequence of the hyperthermophilic crenarchaeon Pyrobaculum aerophilum" Proceedings of the National Academy of Sciences, January 22, 2002, Vol. 99, No. 2, p. 984-989 [1]
  2. Paul Volkl, Robert Huber, Elisabeth Drobner, Reinhard Rachel, Siegfried Burggraf, Antonio Trincone, and Karl O. Stetter. "Pyrobaculum aerophilum sp. nov., a Novel Nitrate-Reducing Hyperthermophilic Archaeum" Applied and Environmental Microbiology, September, 1993, Vol. 59, No. 9, p. 2918-2926. [2]
  3. R. Huber, J. K. Kristjansson, and K. O. Stetter. "Pyrobaculum gen. nov., a new genus of neutrophilic, rod-shaped archaebacteria from continental solfataras growing optimally at 100 °C" Archieves of Microbiology (1987). 149: p. 95-101.
  4. See the NCBI webpage on Pyrobaculum. Data extracted from the "NCBI taxonomy resources". National Center for Biotechnology Information. Consultado o 2007-03-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Revistas científicas
Bases de datos científicas

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]