Organótrofo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os organótrofos son os organismos que utilizan compostos orgánicos como doantes de electróns e hidróxenos no seu metabolismo enerxético. Este tipo de metabolismo denomínase organotrofia. O contrario de organótrofo é litótrofo, organismo que obtén os seus equivalentes electrónicos de substancias inorgánicas. Non hai que confundir organótrofo con heterótrofo, xa que a heterotrofia refírese ao modo de obter carbono para as biosínteses, que nos heterótrofos procede de substancias orgánicas (nos autótrofos procede do CO2). De todos modos, moitos organótrofos son tamén heterótrofos.[1]

Os organótrofos que fan a respiración aerobia oxidan substancias orgánicas das que extraen electróns, que os coencimas levan á cadea de transporte electrónico e acaban no oxíxeno (aceptor final), á vez que xeran unha forza protón motriz que orixina a produción de ATP. Outros son fermentadores. Hai organótrofos procariotas que poden realizar a respiración anaerobia de substratos orgánicos utilizando como aceptor final de electróns unha substancia distinta do oxíxeno; deses substratos orgánicos proceden os equivalentes electrónicos utilizados (pero se o que "respiran" son substratos inorgánicos serían litótrofos en vez de organótrofos).

Certas bacterias fotosintéticas que non utilizan auga como doante de electróns na súa fotosíntese, senón compostos orgánicos denomínanse fotoorganótrofas.[2] Os animais, fungos, protozoos e a maioría das bacterias son quimioorganótrofos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker. Brock - Biología de los Microorganismos. 10ª edición. Pearson-Prentice Hall. Páxina 130. ISBN 84-205-3679-2
  2. "Encyclopaedia Britannica". Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2014. Consultado o 02 de agosto de 2014.