Purificación García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPurificación García
Biografía
Nacemento25 de xuño de 1952 Editar o valor em Wikidata (71 anos)
Castrelo do Val, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
ResidenciaBarcelona Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndeseñador de moda Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Purificación García Ribeira[1], nada en Castrelo do Val o 25 de xuño[2] de 1952, é unha deseñadora de moda galega. Desde 1998, a marca Purificación García comercialízaa o grupo STL.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aínda que tivo unha irmá máis vella, morreu de pulmonía antes de nacer ela.[3] Con apenas tres anos, a súa familia emigrou a Uruguai, onde viviu o resto da súa infancia e os primeiros anos da súa mocidade.[4] Ao principio, os seus pais traballaron nunha estancia, o seu pai como leñador, a súa nai cultivando o horto da explotación. Posteriormente, a familia estableceuse en Montevideo, onde foron porteiros dun edificio.[3] Tras un intento infrutuoso de facer a carreira de Medicina, que só chegou a cursar durante o primeiro ano, púxose a traballar nunha empresa de tecidos de punto onde, comezando como aprendiz, chegou a ser deseñadora.[4][5]

Aos vinte e un anos casou con Daniel Álvarez, un técnico uruguaio de televisión, e xuntos crearon unha empresa de importación de peles. Emigraron ao Canadá, onde Purificación estudou un máster en Enxeñaría Téxtil.[4] Ao ano e medio da súa chegada ao Canadá, mudáronse a Nova York. Con todo, pasaron pouco tempo na cidade estadounidense e, en 1977, establecéronse en España, inicialmente en Palma de Mallorca, onde Purificación comezou a confeccionar chapeus, bolsos, camisetas e outras pezas de roupa feitas a man.[4][5] Ela mesma vendía os seus deseños polas praias da illa. En 1980 mudáronse de novo, primeiro a Gavá[4] e, pouco despois, a Barcelona, cidade que desde entón sería a súa residencia e onde presentou, en 1981, a súa primeira colección.[4] Na capital catalá naceron tamén os seus tres fillos: María Ximena (1980) e Soidade (1982), do seu primeiro marido, do que se divorciou en 1985; e Marc (1990), do seu segundo.[4]

Tras a presentación da súa primeira colección en 1981, a partir de 1983 comezou a desfilar anualmente tanto en Madrid como en Barcelona. En 1985 abriu a súa primeira tenda en Antuerpen (chegando a formar parte da súa prestixiosa Academia de Modas) e en 1989 desfilou por primeira vez na Pasarela de Milán.[6] Un ano despois fíxoo en Tokio, tras a apertura de senllas tendas na capital xaponesa, Osaka e Kyoto.[7] En 1985 asociouse cun grupo de investidores xaponeses, pero a principios do noventa estes retiraron o investimento, ante a falta de soporte industrial con que contaba a deseñadora.[4] Os noventa foron uns anos difíciles para Purificación García, aínda así abriu unha pequena boutique-taller en Barcelona, especializada no que ela bautizou como "nova costura", e para deseñar coleccións de noiva, que a partir de 1997 presentáronse na pasarela do grupo Novia España.[7]

En 1998 tomou unha decisión transcendental, ao fichar por Sociedade Téxtil Lonia (STL).[4] A empresa téxtil, con sede en Ourense, fora creada pouco antes por Josefina, Javier e Jesús Domínguez, irmáns do modisto Adolfo Domínguez.[8] Purificación García encargaríase do deseño e dirección de coleccións masculina e feminina de prêt-à-porter, xunto cos seus correspondentes accesorios. Da fabricación e a comercialización, baixo a marca Purificación García, encargaríase STL.[5][7] Con todo, en novembro de 1999 a relación con STL deu un xiro radical cando, durante a renegociación do seu contrato, foi acusada polos irmáns Domínguez de espionaxe industrial, chegando mesmo a ser detida no aeroporto de Vigo.[9][10] A denuncia foi arquivada tres meses despois, e o conflito resolveuse mediante un acordo extraxudicial polo que a deseñadora proseguiu a súa vinculación con STL.[4][9][11] En palabras da propia Purificación García, «Moitos deseñadores quedáronse polo camiño porque non souberon traballar coa industria. Quizais é un problema de ego. Tes que deixalo de lado. Cando firmas cun grupo debes saber moi ben o que vas atopar e asegurarte de que a balanza estea equilibrada: perdes unha certa liberdade de acción, pero gañas en expansión, en capacidade de chegar á xente, en difusión... Eu ao final chegueino a entender, pero custoume».[6]

En 2001 publicou un libro, Ter Estilo (Temas de Hoy) e en 2003 creou o Premio de Fotografía Purificación García co fotógrafo Chema Madoz, galardón que se ampliaría, en abril de 2011, coa convocatoria do Premio Purificación García de Fotografía Latinoamericana dentro da feira de arte Zona MACO.[4][7][12] En novembro de 2011 foi condecorada coa Medalla de Prata ao Mérito no Traballo outorgada polo Ministerio de Traballo e Inmigración.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Orden TIN/3119/2011, de 14 de noviembre, por la que se concede la Medalla al Mérito en el Trabajo, en su categoría de Plata, a doña Purificación García Ribera" (PDF). Boletín Oficial del Estado (277): 119320. 17 de novembro de 2011. 
  2. "Mundo Privado - Purificación García". Mundo Social Web. 4 de xuño de 2013. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2016. Consultado o 05 de maio de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Furundarena, Arantza (4 de abril de 2010). "Purificación García, diseñadora: «Soy muy libre, podría seguir siendo hippy»". diariosur.com. Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2016. Consultado o 05 de maio de 2016. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 García, Daniel (8 de outubro de 2012). "Purificación García: Tan hippie, tan chic". Vanity Fair España. Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2016. Consultado o 05 de maio de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Purificación García". ¡Hola!. 
  6. 6,0 6,1 Vogue España. "Purificación García". Modapedia. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "Purificación García, referente de la moda española". La Razón. 10 de marzo de 2015. 
  8. Sala, Agustí (2009). Secretos de familia: las guerras del poder. Ediciones Robinbook. pp. 55–56. ISBN 9788479279547. 
  9. 9,0 9,1 Sala, Agustí (2009). Secretos de familia: las guerras del poder. Ediciones Robinbook. p. 56. ISBN 9788479279547. 
  10. Castilla, Amelia (12 de decembro de 1999). "La arruga se mete en pleitos". El País. 
  11. Sarria, Francisco José (11 de febreiro de 2000). "Archivada la denuncia de los hermanos Domínguez contra Purificación García". El País. 
  12. Castillo, Silvia (24 de abril de 2001). "Purificación García, lección de estilo". ABC.