Pthirus gorillae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pthirus gorillae

Imaxe aumentada de Pthirus gorillae
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Psocodea
Familia: Pthiridae
Xénero: Pthirus
Especie: Pthirus gorillae
Ewing, 1927

Pthirus gorillae ou piollo do gorila é unha especie de piollo chuchador parasito que afecta aos gorilas.[1] Atópase no continente africano, onde viven os seus hóspedes, concretamente en Ruanda e República Democrática do Congo.[2] P. gorillae e P. pubis (o piollo pubiano humano chamado piollo pato) son as únicas especies coñecidas que pertencen ao xénero Pthirus, ás veces incorrectamente ortografado como Phthirus (o nome grego para piollo era phthir).[3] Suxeriuse que se transmite entre os seus hóspedes por acicalamento social, compartir leitos ao deitarse e polo contacto sexual.[4]

Todas as especies de piollos chuchadores se alimentan de sangue.[5] Viven en estreita asociación cos seus hóspedes e completan todo o seu ciclo vital no hóspede.[1] Pthirus gorillae infesta as mesmas partes do corpo dos gorilas que o Pthirus pubis nos humanos,[6] pero como o gorila é máis peludo, os piollos adoitan moverse por todo o corpo.[7] Ambas as especies parécense coa excepción de que Pthirus gorillae ten ollos máis grandes situados en protuberancias laterais. É un piollo curto e ancho duns 2,20 mm de longo con patas estendidas e non máis de 20 pequenas setas abdominais.[4]

Identificouno por primeira vez a partir de espécimes de gorila das montañas en 1927 Henry Ellsworth Ewing durante unha partida de caza no que agora é a República Democrática do Congo.[4] A filoxenética molecular suxire que P. gorillae saltou dos gorilas aos primeiros humanos hai 3,3 millóns de anos e diverxeu nas dúas especies de piollos pubianos actuais.[1][8] Os investigadores teorizan que os humanos adquiriron o parasito mentres despezaban ou se alimentaban de cadáveres de gorilas, ou por durmiren nos niños ou leitos abandonados feitos polos gorilas para durmir.[9][10]

Varios piollos desta especie atopáronse durante unha necropsia no estómago dunha femia de gorila morta no Bwindi Impenetrable National Park. Probablemente estivera acicalándose antes de morrer, xa que cando se despiollan adoitan comer os piollos que atopan.[4]

O status de conservación desta especie é descoñecido. Como a súa especie hóspede está en perigo crítico, é probable que esta especie o estea tamén.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 David L. Reed; Jessica E. Light; Julie M. Allen; Jeremy J. Kirchman (2007). "Pair of lice lost or parasites regained: the evolutionary history of anthropoid primate lice". BMC Biology 5: 7. PMC 1828715. PMID 17343749. doi:10.1186/1741-7007-5-7. 
  2. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Pthirus gorillae Ewing, 1927 (TSN 624833)" (en inglés). 
  3. Robert Frederick Harwood; Maurice Theodore James (1979). Entomology in human and animal health. Macmillan. p. 130. ISBN 978-0-02-351600-9. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Jessica M. Rothman; Dwight D. Bowman; Gladys Kalema-Zikusoka; John Bosco Nkurunungi (2006). "The Parasites of the Gorillas in Bwindi Impenetrable National Park Uganda". En Nicholas E. Newton-Fisher; Hugh Notman; James Durward Paterson. Primates of Uganda. Springer Science+Business Media. pp. 171–192. ISBN 978-0-387-32342-8. 
  5. Jonathan F. Day; John D. Edman; Sidney E. Kunz; Stephen K. Wikel (2004). "Direct Injury: Phobias, Psychoses, Annoyance, Allergies, Toxins, Venoms and Myiasis". En Bruce F. Eldridge; John D. Edman. Medical Entomology: A Textbook on Public Health and Veterinary Problems. Kluwer Academic Publishers. pp. 99–149. ISBN 978-1-4020-1794-0. 
  6. Robert S. Anderson; Richard Beatty; Stuart Church (2003). "Sucking louse". Volume 5. Harvester ant–Leaf-cutting ant. Insects and Spiders of the World. Marshall Cavendish. pp. 520–523. ISBN 978-0-7614-7339-8. 
  7. Sydney Harold Skaife; Anthony Bannister (1979). African Insect Life. C. Struik. p. 83. ISBN 978-0-86977-087-0. 
  8. May R. Berenbaum (2009). "The Domesticated Crab Louse". The Earwig's Tail: A Modern Bestiary of Multi-legged Legends. Harvard University Press. pp. 24–28. ISBN 978-0-674-03540-9. 
  9. Roxanne Khamsi (7 de marzo de 2007). "Pubic lice leapt from gorillas to early humans". New Scientist. 
  10. Jesse Bering (1 de marzo de 2010). "A bushel of facts about the uniqueness of human pubic hair". Bering in Mind. Scientific American. Consultado o 30 de setembro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]